páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

Música no instituto

¿Alguén dixo que no noso instituto non hai música?, ¿quen non coñece aínda o ambiente musical que hai no noso instituto?

Por sorte, estamos nun concello no que a tradición musical e o apego e afección á música é insuperable, pois en case tódalas casas se oíu falar algunha vez dalgún achegado que se dedicase ó marabilloso mundo da música, na producción de sons, como medio de expresión artística universal, e que todo ser humano sente e ten capacidade de interpretar.

¿Quen non oíu falar nunca do grupo DIAPASÓN? Diapasón é a xuntanza de tódolos músicos de banda ou de música de cámara que estudian no instituto de Vila de Cruces. Este novo proxecto creouse no mes de decembro do 2000 por iniciativa de David Fiuza Souto. Conformouse un grupo bandístico de vento formado por 36 compoñentes, cun resultado sonoro e acústico moi admisible e bastante máis óptimo do esperado antes da realización do proxecto.

¿Cal foi o motivo da creación deste proxecto? Pois simplemente foi o desexo de poder xuntarse tódolos músicos do instituto, para demostrar ata onde se podía chegar musicalmente e, como é obvio, para pasalo ben e pola atracción que en tódolos compoñentes suscitaba, pois para nós foi unha experiencia agradable e divertida.

Acerca do currículo do grupo bandístico DIAPASÓN, podemos dar poucas notas, debido ó seu pouco tempo de existencia. DIAPASÓN tivo ata o momento dúas actuacións, sendo a primeira un pequeno concerto no instituto no Nadal do 2000; ademais, o 31 de decembro do 2000, formou parte dun acto relixioso presidido polo Bispo Auxiliar de Santiago de Compostela, na igrexa de Vila de Cruces, onde DIAPASÓN interpretou unha serie de vilancicos e cancións relixiosas.

¿Por que DIAPASÓN? Pois o nome do grupo non foi difícil de atopar, xa que un diapasón é un aparello moi antigo e con moita historia, que se empregaba para afinar os instrumentos musicais. De aí se sacou o nome do grupo.

Pero non só temos banda no instituto; pois todos coñeceredes a numerosos pianistas, igual que a varios gaiteiros; tamén hai moi bos percusionistas e, sobre todo, unha gran cantidade de pandeireteiras de alto nivel, ademais de prestixiosas voces,...

Como vedes, estamos pragados de espírito musical no noso instituto, e de boa música, aínda que por desgracia parece estar aletargada, pois este ambiente musical é descoñecido pola maioría da xente. De todos modos, que ninguén se desanime, xa que o seguinte paso é a construcción formal deste ambiente para o seu recoñecemento, e polo tanto ¡QUE VIVA A NOSA MÚSICA!...

David Fiúza
4º ESO

 
  Índice Arriba