| |
O
Camballón
Cando
estudiámo-lo significado dun nome de lugar
-e hoxe queremos saber cál é o significado
do topónimo que lle dá nome ó
instituto e a esta revista-, temos que lembrar
que é moi frecuente que os topónimos
conteñan un substantivo común (aínda
que hoxe xa non o sintamos como tal) que fai referencia
a un elemento da natureza ou da obra do home,
elemento que describe o propio lugar. Iso, como
dicimos, case sempre é así, fóra
de contadas excepcións coma no caso de
que o lugar reciba o nome dun propietario ou dun
santo a quen se lle dedica.
O Camballón é hoxe o nome dunha
zona da parroquia das Cruces, pero tamén
é un monte de Oirós, parroquia veciña
e do mesmo concello. O nome do primeiro lugar,
onde hoxe está situado o Instituto, vén
do segundo. Aí comezaba hai anos o camiño
que ía cara ó Camballón e
seguramente por iso ten hoxe ese nome. En Oirós,
no lugar do Marco do Camballón, hai unha
interesante formación megalítica,
un dolmen con inscricións nunha das súas
pedras. Iso din os arqueólogos, porque
eu confeso que non o vin.
Ben, se imos ós diccionarios buscar CAMBALLÓN,
non o imos atopar
Parece que alá
vai a nosa teoría de que este topónimo
pode ser un substantivo común, un simple
elemento da natureza ou da obra do home. Pero
iso é porque fomos ós diccionarios
máis modernos, aqueles que son máis
doados de atopar na nosa casa ou na nosa biblioteca.
Sen embargo, se buscamos en diccionarios máis
vellos, algo é que imos atopar.
No Diccionario da Real Academia Galega que se
fixo entre 1913 e 1928 (si, ho, un diccionario
famoso que non pasou da palabra CATIVO) ou no
Diccionario Enciclopédico de Eladio Rodríguez
(a quen este ano se lle dedica o Día das
Letras Galegas), nestes dous diccionarios, atopamos
CAMBALLÓN. Alí cóntannos
que ademais de ser un gancho da GRAMALLEIRA onde
se colga a pota (seguro que tedes que ir ver esto
ó diccionario, porque ¡coas cociñas
modernas que hai hoxe
!), é tamén
unha variante da voz CAMALLÓN (esta si
vén nos diccionarios) que é a palabra
común que describe un lombo de terra que
queda entre dous regos ou a terra das corredoiras
que queda entre as rilleiras que forman as rodas
dun carro.
Ben, xa temos aquí algo que nos pode valer.
Un elemento da natureza con forma de lombo, con
forma curva; e esa parece unha forma bastante
indicada para un monte, ¿non credes?
O topónimo O Camballón podémolo
relacionar con outros parecidos coma Camba, Cambados,
Combarro, Camanzo, Camouco, ou polo menos iso
fan os lingüistas, arqueólogos das
palabras que, de igual xeito que os outros arqueólogos
atopan dolmens no Camballón, estes atopan
unhas raíces comúns (camb-, comb-,
cam-) en todos eses topónimos, raíces
que teñen un significado aproximado de
"curva" e que son moi antigas, da época
prerromana, antes de que aquí se falase
latín e, polo tanto, de cando se andaba
a formar aínda a nosa lingua.
A busca de topónimos xemelgos destes non
deu moitos resultados. En Galicia non existen
entidades de poboación, vilas, aldeas,
lugares (topónimos maiores) que se chamen
O Camballón, pero é posible que
haxa uns cantos nomes de lugares non habitados,
montes, leiras, camiños, etc. (topónimos
menores) con ese mesmo nome. Polo menos en Portugal
si os hai, coma a estrada do Cambalhão,
en Río Maior, entre As Caldas da Raíña
e Santarem ou a Ilha do Cambalhão, na foz
do río Sado, fronte a Tróia, un
pouco máis abaixo de Lisboa.
Se aceptamos que O Camballón e O Camallón
son dúas variantes do mesmo significado,
un terreo curvo que recorda os camallóns
que se forman entre os regos, vemos que a segunda
forma é algo máis frecuente na toponimia.
En Galicia tampouco atopamos topónimos
maiores coa forma O Camallón, pero si dúas
pequenas illas, unha no oeste e outra no norte
do noso litoral. Son illotes tan pequenos que
non veñen nos mapas e ata é posible
que moitas veces estean tapados polo mar, pero
parece bastante evidente que poden lembra-la forma
dos camallóns da terra. Aparecen nalgunhas
listas de illas do litoral peninsular, pero eu
non conseguín poder situalas ben nun mapa.
En Portugal tamén hai un barrio, unha rúa
e unha quinta (casa no campo) que se chaman do
Camalhão, todo no concello da Guarda.
Finalmente só dúas cousas. Primeiro,
lembrade que o topónimo leva artigo e que
é parte fundamental del e, segundo, que
todo nome de lugar é un tesouro que debemos
gardar porque cada día van desaparecento
centos deles. Ó mellor é interesante
que lle preguntedes á xente máis
vella se este lugar se chamou sempre así.
Seguro que ata levades algunha sorpresa.
Luz Méndez
|
|