 |
| |
|
|
| |
Non
terei acougo
Non terei, non podo ter acougo
mentres haxa no mundo
nenos sin o pan de cada día,
nenos acochados con farrapos,
nenos sen nenez e sin xoguetes,
nenos sin caderno e sin escola,
nenos con tristura e con piollos,
nenos con angurias e doenzas,
nenos explotados polos homes,
nenos suicidas, nenos tolos,
nenos que agonían noite e día,
nenos con xenreira dende o berce,
nenos que cos ollos piden contas,
nenos engruñados polo medo,
nenos con vergoña de estar vivos
e nenos que ata morren sendo nenos.
Xosé
Neira Vilas
|
|
| |
|
|
|
|
|
| |
| |
| Xosé
Neira Vilas (Gres,Vila de Cruces, 1928) é fillo
de labregos e traballou nas faenas do campo, compaxinándoas
coa escola, ata que en 1949 emigrou á Arxentina.
Seguiu estudios de comercio, música, xornalismo
e literatura. Participou na intensa actividade cultural
e patriótica galega de Buenos Aires, onde fundou
"Follas Novas", editora e distribuidora de libros
galegos en América. Casou en 1957 coa escritora
cubana Anisia Miranda. A partir de 1961, radicouse con
ela en Cuba, onde fundou a Sección Galega do Instituto
de Literatura e Lingüística. Volveu a Galicia
no ano 1992. A súa obra é moi ampla (narrativa,
poesía e ensaio) e monolingüe en galego. Aínda
que é moi díficil facer unha escolla é
inevitable citar as Memorias dun neno labrego ("Aínda
quedan certos Balbinos, distintos porque, visten mellor,
comen algo mellor, teñen unha escolaridade mellor...
pero aínda quedan zonas con certas limitacións"),
Xente no rodicio ou Querido Tomás.
Pensa que "a literatura é unha forma de interpretar
a historia, é dicir, hai novelas que nos mostran
un anaco da sociedade e unha época mellor que un
texto escolar de historia". Dende lonxe ou Inquedo
latexar son mostras da súa poesía: "Eu
diría que para min a poesía é primeiro
expresión lírica, persoal, e logo social,
do contorno. Un escribe sempre de algo que lle doe. A
poesía é solidariedade." O exemplo
que nos enviou non pode ilustrar mellor estas palabras. |
|
|
|
|