páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

Berlín, 1945

A guerra estaba practicamente finada e os albores dunha nova Europa agromaban baixo cada victoria do exército aliado. Detrás de cada ráfaga asasina de ametralladora, detrás de cada bala de canón ou acompañando o estourido dinamitado do fogo de morteiro, estaban depositadas as ilusións de milleiros de soldados e as esperanzas de tódalas persoas que presenciaban impotentes o conflicto.
O soño dunha Europa íntegra, unificada baixo o mandato totalitarista dunha nación e dunha raza, volvía a desintegrarse. O desexo obsesivo de alcanza-la gloria estaba a punto de perderse en mans da colaboración e da defensa mutua dos bens da humanidade.
O rápido avance do exército ruso trala victoria en Stalingrado e o poderío militar mostrado polas tropas anglo-norteamericanas no desembarco de Normandía indicaban a caída inminente do imperio alemán.
Un único bastión mantiña os mártires esforzos duns ilusos soldados que se aferraban á idea de recuperar o que xenerais como Rommel erixiran gracias ó ímpetu imperialista do Tercer Reich e á superioridade da "guerra relampo". Esta cidade era Berlín. A cúspide do enxebrismo nazi e todo o orgullo patriótico dun pobo e dunha casta residían agora nas mans dun puñado de homes. Uns soldados que poñían un fanatismo inútil en cada acción e que tiñan a ardua misión de levantar unha nación desmoralizada e minguada tralas campañas rusas.
Os propios soldados eran conscientes de todo o que rodeaba aquela situación de asedio. Os temores e inseguridades agudizábanse entre tódolos homes que agardaban atrincheirados. Estaban seguros de que, coa chegada da noite, o inferno chegaría ás portas da cidade e posiblemente as súas vidas acabarían mergulladas nun pozo do que non sairán xamais. Entre os muros dunha cidade practicamente derruída, soportando o tremor incesante do pulso e reprimindo un desexo desertor, espera a caída do sol a última saga dunha lenda mítica. A medida que o atardecer sinala a hora da última ofensiva, o aire fúnebre que cobre a cidade presaxia cun silencio nervioso o que seguramente será o final dunha traxedia humana. Cada un daqueles rostros que espera incesante a aparición do inimigo para poñerse a disparar presente que eles serán as últimas mortes dunha guerra que nunca debeu comezar...
Baixo a atenta mirada do esquecemento e dunha paisaxe desoladora, unha destas inocentes mentes recollía o testemuño do alí acontecido nunha necrolóxica perpetua, que só o batexar pasante do tempo puido recordar:
"O grallar delirante dos corvos gabeaba polos vales e outeiros abrasando co seu estrepitoso son os nosos agochados oídos; convertendo o fulxir daquel atardecer nun claro exemplo de hecatombe e anticipada morte. Ademais, o eco encargábase de reproducir unha e outra vez ese son que roía os nosos adentros e que intentaba presaxia-la fin que, coa chegada da noite, nos esperaba diante das liñas inimigas."
A noite chegou e, baixo un prácido luar, repousan as filas de ametralladoras apuntando ó inimigo. Os canóns, escondidos na protección da escuridade, esperan un mínimo alarde de vida humana para seren accionados e as mentes de tódolos que agardan a chegada da morte desexan que todo remate xa...
Lume asasino. A noite énchese de clara luz que, entre irritantes lamentos e berros cheos de ira e xenreira, amosa como os corpos comezan a caer mutilados pola acción homicida da metralla. Os inxenuos soldados aférranse á vida, acazapados, tirados no chan e disparando mentres os despoxos do que algún tempo foran os seus compañeiros comezan a caer. A munición inimiga deixa de ser simple material inerte e cobra vida. Convértese, pola acción dun desapiadado enxendro humano, nun endiañado raño que percorre o chan arrasándoo e aniquilándoo todo ó seu paso; recolectando, xuntando e reclutando cadáveres para un señor desexoso de mortes e almas pecadoras que poidan manter vivo o lume do seu fogar.
Neste ambiente decrépito, soportando as inxurias dos propios compañeiros e no medio dunha paisaxe de desolación que lle impedía demostrar todo o que lle inculcaran seis anos de combate, resistía un mozo combatente despoxado de todo ánimo e ilusión. Contemplaba, arrimado a unha das paredes da trincheira, o fulminante viaxar das balas en busca dun obxectivo mortal. Os seus ollos mostraban claramente o estado de trance polo que estaba a pasar e que lle impedía articular palabra. Nin sequera era capaz de aparta-la mirada do cadáver que dende o comezo da loita lle facía compaña ó seu carón.
O mozo soldado estivo así toda a noite: observando o corpo sen vida do seu amigo sen conseguir realizar un só disparo, intentando encontrar algunha forza que o impulsara a loitar, a defende-los seus intereses como soldado e como alemán. Parecía que a súa sen quedara baleira, condeada á insensibilidade de por vida. O reflexo das detonacións que alumeaban por instantes a rúa na que se desenvolvían os combates aumentaba a expresividade da súa mirada metálica.
Sen embargo, toda a frialdade que demostrara ata o momento esvaeceuse cando dúas bágoas esvararon do máis profundo do seu ser. A serenidade que estaba a mostrar ante a morte viuse truncada por un xesto tan humano como é a dor. Os tres furados sanguentos que acabaran coa vida do seu compañeiro avivarán nel un sentimento que esquecera cando os proxectís que levaban escrito o seu nome foran interceptados por esa persoa que agora repousa no leito do amparo eterno.
Para el adquiriran unha importancia maior dende que a súa mente se esvaera; no contexto no que se atopaba, absorto, confundido e desesperado despois de observar como tódolos valores que consideraba xustos desaparecían, a metralla aloxada no peito do seu inseparable cómplice significaba máis que unha mera morte. Así, dun xeito simbólico, esquecéndose por completo da situación dramática que estaba a ser representada naquel escenario bélico, foi relacionando cada impacto cun sentimento:
O primeiro relacionouno con toda a dor e o sentimento de culpa que sentía naquel intre por considerarse responsable da morte do seu mellor amigo. Debía ser el o que tiña que estar morto. O destino reserváralle un final que non se cumprira porque esa persoa que sempre estivo ó seu lado decidiu interpoñerse no rumbo dos acontecementos. Consideraba inxusta a súa presencia naquel maltreito mundo que seguramente ía cambiar ó amencer.
O segundo utilizouno para transmitir todo o odio que sentía cara a raza humana por chegar a ese extremo. Pero a rabia e o sentimento de frustración eran tan grandes que non os podía manifestar cara un ou outro bando; el era tan culpable coma os demais. Por iso consideraba que a morte do seu compañeiro estaba directamente relacionada coa súa propia actitude. Víase que o arrepentimento era parte da súa conciencia.
Por fin, consideraba que para el a guerra xa terminara. Non só porque o último reducto alemán estaba a ser aniquilado, senón porque xa non lle atopaba sentido a todo polo que loitara. Xa non cría en ningunha lei nin norma. O afán imperialista dos dirixentes políticos perdera toda a súa razón de ser.
As primeiras luces da alba deixaron entrever o resultado dunha noite de intenso combate. Ese batallón que o día anterior se propuxera a difícil tarefa de facer rexurdi-la malparada Alemaña fora arrasado polo exército ruso. O mozo soldado, ante aquela situación, soubo que xa todo rematara.
Sen embargo, a primeira visión que tivo do sinistro campo de batalla fíxo rexurdir no seu interior un sentimento de esperanza e liberdade. O contraste que existía entre os centos de corpos sanguentos que recubrían o chan e a súa "inmerecida" vida obrigouno a reflexionar. Decatouse de que o mesmo destino que a penas unhas horas antes o conducira ó mesmo final que todos aqueles poboadores do purgatorio se encargara de salvarlle a vida. Aquel amencer que estaba a recubrir cunha mortalla cálida os cadaleitos do chan, xunto coa macabra presencia do exército inimigo a escasos metros, acabaron por convencelo. Non podía permitir que a vida do seu fiel compañeiro se botase a perder; debía intentar aproveita-la oportunidade que lle brindaban as estrelas...
Nun impulso mecánico e autómata, disparou cara a ningures ata a última bala do seu intacto fusil. Despois, levantando as mans en sinal de derrota e con paso firme e decidido, encamiñou o seu maltreito corpo cara á rendición. Pero cando se dipoñía a abandona-la trincheira, o reflexo dunha maldade truncou a súa esperanza de alcanza-la liberdade: unha bala malintencionada condeouno ó mesmo final que o resto dos seus compañeiros. O seu corpo caía sen vida pese á súa tentativa infructífera de cambia-lo rumbo das cousas. Outravolta o destino truncara o que parecía ser un final feliz.
A poucos metros do lugar onde o mozo soldado repousaba nun sono eterno, o diaño que se encarnara no xeneral ruso autor do macabro disparo, ó contempla-la estampa agonizante do protagonista, sentenciou: "de nada serve face-la paz cando a guerra xa está gañada".
De novo, unha omnipresente testemuña encargouse de recolle-lo final dunha guerra e dunha vida ilusionada. A definición coa que caracterizou aquela batalla serviulle para poñer peche á Segunda Guerra Mundial; mágoa que a conclusión desta só sexa o principio da seguinte...
"...escenas malditas dun relato común escrito en sangue por un puño criminal desexoso de mostra-lo seu talento como asasino. Traxedias que enriquecen a historia dunha raza, dunha nación e dun escritor que aumenta a sua valía gracias á novela escrita, dende o campo de batalla, polas ánimas dos personaxes da súa lenda persoal..."

Balthers
1º Bacharelato A

 
  Índice Arriba