| |
Editorial
¿Cal é o motivo? Pois o mesmo que
no número anterior: sentímonos orgullosos
da nosa maneira de ser e encántanos comprobar
o que somos capaces de facer. Neste novo número
de Camballón.com tentamos plasmar o noso
enxeño, a nosa creatividade, reflectir
as nosas propostas
en definitiva, queremos
potenciarnos a nós mesmos máis alá
dos límites marcados por un centro de ensino
e, para brindar polo éxito do primeiro
número, ¿que mellor que publicar
un segundo? Porque o do primeiro ser foi de "arrase",
de feito está totalmente esgotado, e da
atención que nos prestaron os medios de
comunicación ¿que vos podemos dicir?
Xa semellabamos ata famosos e importantes...
Como
poderedes comprobar hai neste número máis
novidades cás dos euros, posto que na portada
xa se ve que aquí houbo un "bautizo":
o noso centro, por fin, ten nome: IES "Marco
do Camballón". Nas páxinas
seguintes explicámosvos polo miúdo
o seu significado. Ademais disto, tamén
hai cambios, claro está, nos contidos,
porque este é un centro dinámico,
que traballa, que se move, que aspira a ir cos
tempos...
Pero,
como sempre hai un pero, aí estaba outravolta
o tema económico
, era de imaxinar;
partimos case de cero, xa que as vendas do primeiro
número destináronse a cubrir os
seus gastos; así que de novo tivemos que
botarnos á auga atrevidamente e, ademais,
queriamos aumentar a tirada inicial de 600 exemplares.
Pouco a pouco, case pedindo esmola polos comercios
da vila, conseguimos xuntar unha cantidade suficiente
para animarnos e, entre estas axudiñas
e outras axudas maiores do Concello ou de Edicións
Xerais, fíxose posible que saia á
luz este novo número anual. Vaia o noso
máis sincero agradecemento para todos eles;
de todos os xeitos, non queremos deixar pasar
a ocasión de darlle especialmente as gracias
a algúns establecementos que nos axudaron
de xeito absolutamente desinteresado, posto que
polas súas características nin sequera
lles podemos ofrecer publicidade.
¡Ah!,
pero tamén queremos dar unha boa estarricadela
de orellas: seguimos botando en falta o apoio
e a colaboración dalgunha entidade á
que lle correspondería mostrarse activa
e preocupada pola vida do centro do que forma
parte e non será porque nós non
insistamos e o reclamemos... Decepciónanos
profundamente a súa pasividade.
Estas
páxinas van empapadas da ilusión,
o esforzo e o traballo de moita xente. Recibídeas
agarimosamente, pero se hai que "dar caña"
non o dubidedes, iso axudaranos a mellorar. ¡A
por elas!
|
|