páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

Paris: La ville lumière

En xuño do pasado ano, despois das necesarias xestións, un grupo de alumnos e alumnas deste instituto e doutro de Ourense, xunto coas respectivas profesoras de francés (María e Mercedes), logramos viaxar a París. O grupo formabámolo: Santi, Javier, Rebeca, Carlos, Pilar, David e Alberto de Ourense e Marcos, Javier, Paula, Chusa, Nuria, Vanesa, Lorena e Miriam de Vila de Cruces.
O sábado 9 de xuño, ás sete e media da mañá, medio durmidos pero ilusionados coa viaxe, chegamos á entrada principal do instituto. Alí agardábannos María, Enriqueta e o autobús que nos levaría a París. Logo das "emotivas"despedidas dos pais, subimos ó bus e acomodámonos cada un nun lugar que ocupariamos ata chegar ó instituto de Ourense. Unha vez alí, despois de ver ós novos compañeiros, saímos dos nosos asentos e asomámonos as ventás. Xurdiron todo tipo de comentarios sobre os novos compañeiros, pero ó longo do camiño, coñecéndonos uns máis a fondo que outros, foise iniciando unha amizade que será difícil de esquecer.
Despois de atravesar España de oeste a leste e de entrar en Francia desde o País Vasco, chegamos a Chatêllerault, onde pasamos a noite, cansos de tanto bus.
Ó día seguinte levantámonos cedo e dirixímonos a Poitiers onde, a 330 Km de París, se atopa o coñecido Parc du Futuroscope, arquitectonicamente futurista, que ofrece unha visión moi moderna da vida. Sobre as dúas da tarde, retomamos a viaxe cara á capital francesa e despois dalgún que outro imprevisto, deixamos as maletas e collemos o metro cara ó centro parisino. Unha vez alí, visitamos a pé a Place de la Concorde, os Champs Elysées (Campos Elíseos) e a Avenue Montaigne, onde se atopan as tendas máis "chic" da moda: Dior, Armani, Chanel, Saint-Laurent... Na mesma avenida, diante da embaixada española, tivemos a sorte (despois de insistir un pouco) de ser invitados á recepción do tenista Alex Corretja que viña de xogar a final do Roland Garros (e perdera). Alí ofrecéronnos cava e un zume de tomate, bastante malo por certo, que nós tomamos algo intimidados pola situación. O mellor foron as fotografías co tenista.
De volta ó hotel, no metro, tivemos un pequeno incidente cun rapaz francés ó que non lle gustaban as nosas cancións (¿serían causadas polo cava?), pero ó final todo quedou nun susto e nunhas risas para o recordo.
O luns pola mañá visitamos de novo a Place de la Concorde e, de paso, o Obelisco, a Asamblea Nacional, a Place Vendôme, a igrexa da Madeleine e Faubourg Saint Honoré, onde hai grandes tendas de todo tipo e nas que entramos cada vez que algo no escaparate nos chamaba a atención.
Sobre a unha e media visitamos o museo do Louvre; o máis chamativo foron as caras que se nos quedaron ó ver a estatua da Victoria de Samotracia, que está sen cabeza e sobre a que houbo todo tipo de comentarios. Despois de ver todo o que puidemos no museo, fomos ó Palais Royal e camiñamos ata os pés da Torre Eiffel, onde collemos un Bateau Mouche (especie de barca) e paseamos polo Sena gozando doutra perspectiva da cidade parisina.
O desexo dalgún de nós viuse cumprido cando alcanzamos o cumio da Torre Eiffel, dende onde puidemos contemplar unha fermosa panorámica da cidade, que se estende a ambos os lados do Sena.
Cansos de camiñar, collemos o metro ata a Place de la Concorde, onde nos agardaba o autobús.
O martes 12, chegada a metade da excursión, tivemos a visita a Eurodisney. Ó chegar quedamos impresionados, seguramente porque tiñamos que andar case 1Km para alcanzar as atraccións, e dividímonos en grupiños. O importante era subir a todas as atraccións antes de que as colas aumentasen e nos fose imposible acceder a elas. A peor parte levárona os alumnos que ían con María, xa que na primeira atracción mareouse e tivo que ser levada á enfermería do parque. Os outros, preocupados por ela, intentamos atopala, pero só á saída do parque coñecemos o que lle ocorrera.
Pola tarde subimos ó Sacre Coeur e visitamos a Place deTertre, onde os pintores plasmaban as distintas visións que tiñan da "cidade da luz". Observando como caía a tarde dende as privilexiadas escaleiras polas que se subía á Basílica do Sacre Coeur, tamén nós puidemos apreciar o multirracial que é a cidade.
O mércores a visita máis importante era a catedral de Notre Dame. Cando chegamos e vimos a enorme cola que había para acceder a ela, decidimos camiñar e seguir coñecendo lugares como o Quartier Latin, a universidade da Sorbona, o Panteón onde están as tumbas de Víctor Hugo, Voltaire ou Rousseau, entre outros, ou Saint Germain de Prés, onde están situadas as cafeterías nas que existencialistas como Sartre ou Simone de Beauvoir mantiñan conversas cos seus contemporáneos.
Cando volvemos á catedral, despois de pasar pola librería máis antiga da cidade, a cola xa non existía (sería porque estaba a chover), polo que entramos e observamos impresionados o seu rosetón. A última visita do día foi Les Halles, onde algúns dos rapaces do grupo tiveron un pequeño percance.
O xoves pola mañá visitamos a Bastilla, Morais, a Ópera Garnier e as galerías Lafayette. Pola tarde, despois de pasar pola praza máis antiga de París (Place des Vosges), fixemos unha pequena visita ó Museo Pompidou de arte moderna, que os franceses din que se asemella a unha fábrica ou refinería, e ó museo d´Orsay,situado nunha antiga estación de tren recuperada, no que o máis interesante foron as exposicións dos impresionistas e posimpresionistas: Monet, Gauguin... Como última visita cultural en París, quixemos ver onde descansan os restos de Napoleón, Les Invalides, pero tivemos que conformarnos con velo por fóra.
Como colofón e despois de ver o Arco de Triunfo, ceamos todos xuntos nun restaurante, o "Hippopotamus". O de cear é un dicir xa que ninguén rematou a súa cea.
O venres 15 tocaba de novo autobús, pois voltabamos para España, aínda que seguimos visitando lugares. O primeiro foi Oradour-sur-Glane, unha antiga vila convertida en museo despois de ser destruída polos alemáns na Segunda Guerra Mundial.
Pola tarde paramos en Csaint-Emilion, unha fermosa vila medieval na que a maioría de nós comprou viño da zona e deixamos encantado ó vendedor. Aínda que xa estabamos en Bordeaux, tardamos en chegar á cidade, e cando chegamos disfrutamos do ambiente nocturno, para moitos mellor que o vivido en París.
O sábado entramos en España e paramos en Bilbao para visitar o museo Guggenhein (¡sería por museos!) no que expoñía os seus traxes Giorgio Armani e no que, gracias a algunhas obras expostas, nos fixemos partícipes da arte moderna.
Cando ás catro e media subimos ó bus, quedamos todos durmidos xa que a actividade fora moita e tiñamos que descansar. A chegada a Ourense supoñía a despedida dos compañeiros e, polo tanto, non foi moi alegre, pero cando en Vila de Cruces vimos que nos estaban agardando, pasounos o sono e comezamos a falar polos cóbados.
A crónica da excursión quedounos algo extensa, pero aínda quedan moitas cousas por contar, como algunha aventura dos alumnos (preguntádelle a Marcos) ou anécdotas varias que, de contalas, non chegarían as páxinas da revista. Cremos que todos os que fomos a París estamos de acordo en recomendar que se volva facer a excursión ou que, quen poida, que o visite. Merece a pena.

Miriam Sampayo e Lorena Couto
2º Bacharelato

 
  Índice Arriba