páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

"Piel roja" por un día

Mércores, 22 de xaneiro do 2002; os alumnos de bacharelato tivemos unha cita no auditorio de Lalín, motivo: aula aberta do seminario de Filosofía do instituto. O obxectivo foi facer unha análise desta sociedade que todos formamos e espremer un pouco os miolos para pensar na situación social que nos rodea e que negativamente nos mantén reprimidos cos ollos pechados…
A nosa asistencia ó auditorio tiña como finalidade presenciar o espectáculo teatral Quiero ser un piel roja, obra representada por un grupo escénico catalán; pero…, ¿de que ía o argumento? Pois a acción teatral consistía en que uns escravos eran levados a Auschwitz, e alí eran controlados e manipulados por "capos", sendo maltratados, obviamente, ademais de abusar considerablemente deles e de sacarlle o maior valor universal, que é a liberdade persoal. O protagonista da obra é un escravo máis, pero que a pesar de estar sometido a tal asoballamento, é capaz de ver a realidade que o rodea e dáse de conta de que o están manipulando; tralos seus ollos sempre ve esa falta de liberdade, que momento a momento reclama…
En canto á mensaxe que pretende transmitir, reflíctese o tema da sociedade fragmentada, onde uns o teñen todo e outros non teñen nada, e son estes que todo o posúen os que teñen a palabra e o mando sobre o resto dos individuos; ademais de violaren a liberdade persoal nun alto grao, conseguen que esa multitude asoballada teña un concepto falseado da realidade, con falsas percepcións, mediante as cales se mostra a influencia do monopolio (non só nun nivel económico, senón nunha dimensión de valores) e da inxustiza dominante.
Pero ademais da posta en escena desta espléndida obra teatral, contamos co discurso do propio dramaturgo, que posteriormente rematou en debate no que participamos todos os asistentes presentes na sala. Mediante este debate, o autor pretendeu ensinarnos importantes leccións vitais, que a actual sociedade nos está intentando ocultar: todos somos capaces de pensar por nós mesmos e, por este motivo, debemos ter unha percepción da realidade na súa dimensión correspondente e esta non debe ser manipulada por ningún outro suxeito alleo. Tamén se fixo unha apelación á liberdade individual e a todas as súas consecuencias, que abarcan un inmenso campo moral. Pero o máis importante que sacamos en limpo deste discurso-debate foi o seguinte: todos somos capaces de pensar por nós mesmos e debemos considerar unha visión acertada da realidade: somos membros dunha sociedade pragada de "capos", que son tan prexudiciais que ata chegan a dominar o noso subconsciente, de modo que en certo modo estamos manipulados amplamente, e somos tan "bobos" que "por non darlle ó rabo deixámonos comer das moscas", de modo que non nos paramos a recapitular e construír unha realidade obxectiva.
Realmente, dende o meu punto de vista, é unha obra moi recomendable, non só por entretida, senón porque se aprende, pero non se aprende exactamente algo novo, senón que "pensas que se pensas es capaz de pensar". Como conclusión, debemos darnos conta de todos as cuestións prexudiciais que nos rodean e debemos empezar a loitar hoxe mesmo contra eses "capos" sociais, que nos levan a unha sociedade capitalista e irracional, na cal non existen verdadeiros valores morais, na que todo se rexe pola lei do consumo e outras leis que acarrexan as típicas personalidades frívolas e superficiais da época.
Ah….! ¿Sabes quen son estes capos? Os gobernos e as institucións políticas, que por moi pobre que sexa a súa xente, eles están "forrados", e atrévense a dicir que hai miseria; os bancos, como Caja Madrid, que di que se lle compras un piso que á súa vez apadriñas un neno; Bin Laden, que domina físicamente a Estados Unidos, e provoca o sentimento de terror en todo o mundo; o goberno e os bancos arxentinos, que acaban co país e coa súa xente; as empresas de telefonía móvil, que coas súas promocións levan a un consumo irracional sacando en limpo un valor económico multidimensional… ¿Imaxínaste os millóns de euros que Movistar saca en mensaxes só no día de Fin de Ano? ¿Paréceche xusto que esta empresa gañe tantos millóns nunha noite e que no mundo haxa millóns de persoas morrendo na penumbra? ¿Que opinas que pode facer o pequeno comercio ante as grandes superficies como o Corte Inglés? ¿Entraches algunha vez nunha grande superficie comercial e marchaches sen mercar nada? Dubídoo…, e seguro que nin te deches conta do que compraches. Non cabe citar máis exemplos porque non chegaría unha enciclopedia, así que agora tócache pensar a ti.
Despois de aturarme toda esta crítica, a miña intención é que só por un momento penses por ti só e observes unha realidade obxectiva e intenta darte conta da existencia destes capos que te dominan sen que ti te decates…
[…]
Estás de acordo, ¿verdade?

David Fiuza
1º Bacharelato

 
  Índice Arriba