páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

Poetas na solaina

A finais de xuño do ano 2001 celebrouse na Fundación Casa Museo "A Solaina" de Piloño a V Forxa Literaria e dentro dela o I Obradoiro Literario. Nel reuníronse varios poetas galegos e portugueses que, distribuídos por distintos espacios da casa, debían poñerse co seu traballo: crear un texto, neste caso a partir das suxerencias do contorno. Patricia Méndez falou con eles e estas son as súas conclusións.

  Yolanda Castaño
(Santiago de Compostela, 1977)
Obra: Elevar as pálpebras (1995), Delicia (1998), Vivimos no ciclo das Erofanías (1998), Edénica (2000), que contén un CD no que a propia autora canta algúns textos.

Define a poesía como unha forma de coñecemento e comunicación.
Entre a literatura e a vida elixe a vida, posto que para ela é máis importante.
Interésalle o intimismo e os seus textos están dotados de moita abstracción e lirismo. Cando escribe baséase en ideas que co tempo van madurando, sobre todo intimistas; na súa obra tamén aparece o erotismo.
Dun poema espera crear beleza e mais que alguén se identifique con el.

María Lado
(Cee, 1979)
Obra: A primeira visión (1997) e casa atlántica, casa cabaret (2001)

Defínese como unha persoa extravertida, alegre e faladora.
Considera a poesía como medio para contar algo, coma un xogo.
A súa poesía é arrevesada, sintética e moi subxectiva.
Para ela a vida é o máis importante e a poesía un hobby necesario, ademais dunha recompensa persoal.
Inspírase en sentimentos, recordos da infancia... Algunhas veces é autobiográfica.
Nunca cambia un poema pola opinión dos demais.
Escribe pouco, de xeito moi lento e refai moito os textos.

Celso Fernández
(Lalín, 1969)
Obra: Divagacións IU (1991), O tigre das cenoiras (1994), un libro sen título (1995), Propiamente son captivo (1997) e fucsia, talladas, estampados, boca (2001)

Defínese como unha persoa verde e encarnada-fucsia.
Na súas obras necesita buscar varios rexistros. Realiza unha busca constante e ten moitas ganas pero segundo el "fáciles son as ganas, o difícil é o que fagas coas ganas".- "A medida que pasa o tempo todo se vai complicando" -afirma-; hai demasiadas cousas que ter en conta porque o coñecemento é complexo.
Non ten un estilo definido, pero si cre que hai unha marca no fondo do seu estilo. Este vai variando a medida que pasa o tempo e se amplía o seu saber. Inspírase na abstracción de todo. "Creo que un é sempre poeta", dinos.
Os obxectivos polos que escribe poesía son: que lle descompoña o corpo, sentir pracer ó lelo cando o acabas de facer, o sentimento que aparece despois. A finalidade do poema é a necesidade del.
O lector é un dos donos do poema.

Estevo Creus
(Cee, 1971)
Obra: Poemas da cidade oculta (1996), Areados (1996), Teoría do lugar (1999) e O libro dos cans (2000).

"Eu son un neno gordo, con gafas e demasiadas dioptrías", así se caracteriza o propio Estevo.
O seu estilo é moi variado, na súa poesía narrativa inténtase explicar a si mesmo; hai varios temas: o "eu", o "eu" e o espacio.
Concibe a poesía como ciencia que mestura ámbitos para explicar as leis que rexen o mundo. Para el é unha necesidade.
Fundamentalmente inspírase na memoria das cousas, a memoria da especie, empregando unha conexión co seu sentimentalismo presente.
Da súa poesía espera obter: chegar a unha comprensión última e establecer "fórmulas de álxebra"
Pensa que a poesía é unha arte global. El utiliza a imaxe, ás veces fai como unha película con fotogramas. Na súa obra sempre está presente a imaxe e a música.

Carlos Negro
(Lalín, 1970)
Obra: As laranxas de alí-baba (1998) e Far West (2001).

É unha persoa introvertida, gústalle observar a realidade, defínese como normal e procura ser tranquilo.
Intenta un intercosmos a través do cal se explica a si mesmo ou no cal explica cousas. Non traballa cunha lírica espida. Os seus poemas son poemas cos que a xente se pode identificar.
Para el a poesía é importante pero non é o único, ten outra profesión, a de profesor. Na poesía séntese realizado, é un medio de liberación e coñecemento, ademais dun enriquecemento persoal.
A inspiración é para el a capacidade de mirar con lentitude.
Espera acercarse o máis posible á verdade, que cada palabra teña un peso, que sexa importante e necesaria, conseguir comunicarlle ás demais persoas é un obxectivo secundario.
O seu obxectivo é "facer unha poesía que saia de min mesmo"; expresar algo que non sexa individual, que sexa colectivo, algo que non sexa persoal.
Para el a poesía é un oficio que require paciencia e dános este consello: "Un escritor ten que ser un bo lector".

Orlando Jorge Figueiredo
Obra: Guardador de sonhos (1997) e Esta rua é uma rua feliz.

Preside a asociación "Grupo poético de Aveiro", de Portugal.
Céntrase no mundo, non na poesía propia; ten moito lirismo e non é autobiográfico, adoita resaltar os problemas da realidade mesma.
A poesía ocupa moito tempo e espacio na súa vida. O obxectivo que espera obter cando escribe é buscar pracer.

Textos escritos na solaina
(fragmentos extraídos do libro V Forxa literaria. Encontros Culturais No Rural, editado polo Seminario de Estudios de Deza)

Coma un deserto verde que vomite o meu deserto,
o sono dun mosteiro no que só se escoiten os meus berros
(ou a rúa do orzán, avenida da marina, o borrazás e a casa túa aquí en Piloño)
Desde a paisaxe dun oco.
A miña desrelación co medio.

(Yolanda Castaño)

 

E a Fátima, que agora dá patadas ó aire mentres come unha filloa que case lle tapa toda a cara. (Onte era pan con chocolate. Ou elefantes).
E sigo matinando en que isto non é a memoria, non representa á memoria. O golpe.
Fátima achégase e teño medo. Por primeira vez sinto xunto todo o medo dun espacio que o irradia todo, e que por tanto repítese unha e outra vez... o golpe.
É certo. O golpe.
O golpe está aquí. "aquí". Fátima está aquí.
Cos arroases.

(Estevo Creus)

  Entre os pulmóns e os zapatos tanta xeografía.
Tamén cemento nos terrós, verdes variados pola luz.
Pasar pide parsimonia, pés de la, non tractores.
Pero non hai espíritos do bosque: só mentol-eucaliptos.

(Carlos Negro)

 
dende o desterro que amarra á casa á terra
o mundo pártese entre a herba das ovellas e nós
ou a dor das freseiras
  se mamá volvía á casa a andar
ensinábame a enfiar fresiñas nunha palliña
e ábrese ó país das ovellas carnívoras
ó lugar de enriba do estómago onde desequilibra o medo das árbores
  se mamá volvía á casa a andar
ensinábame a enfiar fresiñas nunha palliña
as mellores fresiñas dábaas á tarde a carón dos nichos
e tiñas que pechar os ollos e botar a correr
camiño arriba
ata que se cravaban os nichos nas tripas

ata que se doen as luces dos veciños
que trouxen o cricri metido nos pulmóns
ata que se recupera a casa
a saia de mamá.

(María Lado)

  Eu estou ben
¿e ti?

É esta preocupacão que encontramos no jardim de esculturas da Solaina. Das profundezas da pedra, entre os montes ondulantes que nos rodeiam, soltam-se gestos de ternura que nos envolvem de uma forma subtil e delicada. O mundo inteiro passa por aqui.
(Orlando Jorge Figueiredo)

a obsesión de describilo todo
cada cousa mailas veciñanzas
(roces encontros distancias abusos espreitas chamos e rechamos e)
é febre querelo todo
en calquera mes
o 16 de xuño, o 17, este ano

unha das maceiras ábrese en pólas desde o fondo

ven marcando con outras a parte chaira e a caída do sitio
pregunto polas castes e dime Paco que son
maceiras de mazás do inverno, de tabardillas e de golden, ningunha podada enramecidas ó máximo.

un melro pousando
endireita o corpo e bate as alas para
frear

arranca o melro, coma se se tivera parado pra se afiar
alegra o seu corazón cun bicho na boca
o bicho vai trincado polo medio
quén se pode imaxinar trincado polo medio

(Celso Fernández Sanmartín)

 
  Índice Arriba  
 
 
 
Fai clic na imaxe para vela máis grande
 
Fai clic na imaxe para vela máis grande
 
Fai clic na imaxe para vela máis grande
 
Fai clic na imaxe para vela máis grande
 
Fai clic na imaxe para vela máis grande