páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

Unha viaxe pola bolsa

A nosa viaxe (dos alumnos/as de Economía de 1º de Bacharelato) polo mundo da Bolsa debeuse a unha iniciativa de Caixa Galicia e comezou xusto despois do 11 de setembro do 2001. Como xa debedes supoñer, o valor das accións das empresas estaban polo chan e por isto tivemos que empezar case dende cero.
O traballo que tiñamos que realizar consistía en investir 50000 € entre diferentes empresas, que debían estar cotizando en bolsas europeas como a de París, Londres, Frankfurt, España, etc. O obxectivo era obter os máximos beneficios posibles nos tres meses que duraba o xogo e participaban centros de toda Europa. O premio do gañador sería unha viaxe a Alemaña.
Ó principio o noso grupo estaba moi ilusionado e había algún compoñente que pensaba que podiamos gañar..., ¡que inxenuo! Comezamos mercando en empresas seguras como Repsol YPF, Endesa e algunha máis que tiñan tendencia a subir. Parecía que todo ía ben ata que un de nós empezou a comprar dende a súa casa sen saber en que gastaba os cartos. Na primeira metedura de pata confundiu a Bayer, a das pastillas, con Bayer Motoren Werke (BMW). Desta vez tivémoslle que dar as gracias porque as accións subiron bastante e obtivemos moitos beneficios cos que compensamos o erro. Ó ver que a industria automobilística, sobre todo os coches de luxo, estaba aumentando o seu valor en bolsa, decidimos invertir en Porche, xa que deducimos que este incremento se debía a que a xente, ante o próximo cambio da moeda, quería branquear diñeiro.
Cando levabamos tres semanas, un experto en bolsa veu dar unha charla sobre o seu funcionamento. Estívonos explicando as funcións das diferentes Bolsas de todo mundo e cómo se debían gastar os cartos. Cando rematou deunos algúns consellos sobre empresas nas que debiamos comprar: segundo el, había que arriscarse con entidades relacionadas coas telecomunicacións. Nós, a verdade é que non lle fixemos moito caso e volvemos meter a pata nunha da que nunca oiramos falar nin sabiamos de que trataba: Lufthansa. Nela adquirimos sobre 500 accións, dado que as perspectivas eran boas. A sorpresa levámola ó ver que se trataba dunha compañía alemana de aviación; como podedes imaxinar, a penas obtivemos beneficios.
Outro dos problemas que xurdiron foi ó invertir na Bolsa de Londres. Nós pensamos que o capital que empregabamos eran euros pero non era así, xa que ó non utilizar Inglaterra o euro tratábase de libras esterlinas. Debido a este incidente, malgastamos case todo o diñeiro que nos quedaba sen utilizar.
Á parte das empresas nomeadas anteriormente, tamén empregamos parte do noso capital en ADVA Optical Net, Deutsche Post, ENI, Iberdrola, Nokia, Vodafone Group, etc, ata que, a falta de dúas semanas para rematar o xogo, non tiñamos cartos para facer nada máis e tivemos que vender algo para poder seguir.
O concurso rematou o 4 de decembro e o valor total das nosas inversións ascendía a 51602 €, polo que a posición que nos correspondeu con respecto a toda Europa foi o posto douscentos e pico. En relación á nosa clase fomos os terceiros, pero hai que comentar, e non é por quitarlle mérito ós outros grupos, que nós fomos os que realmente nos arriscamos, aínda que algunhas veces nos saíra ben e outras mal. Por suposto, o máis tranquilizador foi que os cartos non eran nosos...

Felipe Viz, Rafael Vázquez e Bernardo Varela
1º Bacharelato

 
  Índice Arriba