páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

Videoxogos

A continuación ofrecémosvos unha selección comentada de videoxogos para ordenador:

MAX PAYNE
Max Payne é unha mestura entre os shooters de tipo Quake combinado co enxeño de xogos de exploración en terceira persoa como Tomb Raider e todo isto cuns gráficos de última xeración que rozan a perfección.
Está baseado nas películas de acción rodadas en Hong Kong e cóntanos a historia dun policía secreto ó que un día lle asasinan brutalmente a muller e mais a filla. A partir dese momento, Max intentará vingar as súas mortes iniciando unha cruzada contra todo o escuro mundo da mafia e corrupción que envolve a cidade de Nova York.

RESIDENT EVIL (saga)
Esta saga de videoxogos que comezara a súa andadura na consola Sony, Playstation, é hoxe unha das máis famosas, debido á calidade de todas as súas entregas. Nestes xogos teremos que intentar que a misteriosa empresa fabricante de armas químicas "Umbrella Corporation" non acade o seu obxectivo de someter o mundo ós seus terribles experimentos xenéticos. Todos os capítulos da serie, menos RE Code Verónica, desenvólvense na cidade de Raccon City, que está literalmente tomada polos zombis e na que é moi difícil sobrevivir.

TOMB RAIDER (saga)
Nesta saga de xogos creados por Eidos Interactive asumimos o papel da coñecidísima heroína Lara Croft, que intentará conseguir os seus obxectivos botando man das súas habilidades coas armas e descifrando os difíciles crebacabezas que terá que resolver ó longo de cada historia.
O máis criticable deste tipo de xogos é a escaseza de novidades nos seus contidos, xa que dende o primeiro capítulo da saga o único que se modificaron foron os gráficos e a xogabilidade.

COLIN MCRAE RALLY 2.0
Segunda entrega deste fabuloso simulador de rallys no que teremos que pisar o acelerador a fondo para intentar superar con éxito os difíciles circuítos que nos propón Codemasters.
Aínda que o control segue a ser o mesmo que o que aparecera na anterior entrega para Playstation, os gráficos agora son moito mellores e conseguen unhas cotas de realismo moi elevadas.

SOLDIER OF FORTUNE II: DOUBLE HELIX
Soldier of Fortune está considerado como un dos títulos de acción máis importantes dos últimos tempos e neste nova entrega, na que se melloran considerablemente as situacións e contornos 3D así como o nivel de detalle, consegue afianzar esa privilexiada posición.
Asumiremos o papel dun consultor militar que traballa por conta allea e ó que se lle encomendou acabar cunha onda de accións criminais e terroristas que ameazan con crear un ambiente de violencia e hostilidade.

METALGEAR SOLID 2: SONS OF LIBERTY
Esta é a continuación do xa clásico xogo de espionaxe de Playstation que aparecera por primeira vez na década dos oitenta para o desaparecido ordenador de 8 bits Commodore 64. Sons of liberty comeza xusto onde remata o chamado "final malo" da primeira entrega, na que morre Meryl e Snake escapa na compañía do científico Otacon. Agora Snake traballa para unha organización chamada Filantropía e intentará desenmascarar un novo invento do exército americano.

RETURN TO THE WOLFESTEIN CASTLE
Despois de dez anos e cuns gráficos terrorificamente bos, volve este shooter en primeira persoa de LD. Software.
A historia comeza cando, en plena II Guerra Mundial, o terceiro Reich libera a un diabólico monstro do pasado chamado Heilrhick para que lles axude na súa intención de conquistar o mundo. A nosa misión será a de intentar que esta situación non se produza porque, do contrario, esta besta podería acabar dun só golpe coa vida na Terra.

FIFA 2002
Enésima entrega deste simulador de fútbol da división deportiva de EA Games. Poderemos participar nas ligas máis importantes do mundo co equipo que nós elixamos; ademais, inclúense competicións como a UEFA, Champions League e as copas dos distintos países.
No que se refire á xogabilidade, cabe salientar que non é moi precisa e un tarda moito en acomodarse ó sistema de control. En canto ó apartado gráfico, non existen grandes cambios respecto da versión 2001, aínda que si hai maior detalle nas facianas dos xogadores e no estadio.

ALONE IN THE DARK: THE NEW NIGHTMARE
Nesta nova aventura do detective Carnby teremos que investigar a misteriosa morte do seu mellor amigo, Charles Fiske, que desapareceu nunha illa de Maine chamada Shadow Island. No desenvolvemento do xogo deberemos explorar escenarios tenebrosos para intentar avanzar nas nosas investigacións; o ambiente é moitas veces claustrofóbico e tétrico, sobre todo pola falta de visibilidade de case todos os escenarios.

TORRENTE, O XOGO
Ó longo de 23 niveis diferentes teremos que guiar a Torrente para intentar deter unha conspiración que ameaza as cidades de Madrid e Marbella. O xogo en si é moi básico; desenvólvese en terceira persoa e nel temos que intentar acadar os obxectivos que se nos marcan ó principio de cada misión, para o que percorreremos rúas cheas de ionkis, navalleiros e persoas armadas que intentarán deternos no noso afán de defender a xustiza.

COMMANDOS 2: MEN OF COURAGE
Despois da boa acollida que tivera a primeira parte cabía esperar que a segunda seguise na mesma liña e así é. Este novo xogo de estratexia, baseado na II Guerra Mundial, supera sobradamente o anterior, tanto no apartado gráfico como no técnico. Os gráficos están modelados integramente en 3D, conseguindo un resultado moi bo; ademais, o xogo garda unha similitude moi respectuosa coa realidade histórica. Sen dúbida é un bo título para os amantes da estratexia.

Juan Negro
1º Bacharelato

 
  Índice Arriba