páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

A cociña de Sonia


1º PRATO: Filloas recheas de grelos

Ingredientes: 12 filloas, 1 presa de grelos (cocidos), 2 dentes de allo, 1 cebola, 50 gr de piñóns, 2 ovos, pementa, noz moscada, aceite e sal.
Elaboración: Poñemos aceite nunha tixola coa cebola picada; cando estea dourada engadimos os grelos troceados, os piñóns, os allos machacados, a pementa e a noz moscada. Refogamos todo e retirámolo do lume. Con esta mestura enchemos a filloas; despois rebozámolas con ovo e pan relado e fritímolas en abundante aceite. Sérvense dúas por persoa.

2º PRATO: Capón recheo de castañas

Ingredientes: 1 capón duns dous quilos (desosado), 100 gr de xamón, 100 gr de manteiga de porco, 1/2 quilo de castañas, 2 ovos, 2 culleradas de manteiga, 1/4 litro de caldo ou auga, 1 vaso de viño branco, 1 copa de coñac, 1 cunca de nata, pementa, noz moscada e sal.

Elaboración: Refogamos o xamón coa manteiga, engadimos as castañas previamente asadas e peladas, sazonamos todo e botámoslle tamén a pementa, a noz moscada e o viño; cando o viño estea reducido incorporamos a nata, deixamos que coza un minuto e engadímoslle os ovos batidos, deixándoos que callen un chisco. De seguido enchemos o capón desosado co preparado anterior. Salgámolo e untámolo coa manteiga de porco; metémolo no forno de lado e, transcorridos 30 minutos, dámoslle a volta e deixámolo outros 20; durante todo este proceso hai que ilo regando co seu propio prebe. Un anaco antes de sacalo do forno, régase con coñac, aclaramos a salsa co caldo e deixámola cocer uns segundos. Admite calquera gornición, por ex. de cogomelos en láminas.

SOBREMESA: Follas de limón

Ingredientes: Follas de limoeiro tirando a verdes, 1/2 ducia de ovos, fariña (a que se precise ata que o amoado quede espeso), 1/2 vaso de auga, aceite para fritir.
Elaboración: Bater os ovos, a fariña e a auga. Pasar pola masa unha folla de limón para comprobar que estea ben espesa. Despois collemos unha folla de limón, pasámola pola masa e fritímola en aceite ben quente; ó que estea frita retiramos a folla. Pódeselle facer un recheo de crema pasteleira, nata ou que se desexe. Preséntanse con azucre moído esparexido por enriba.

Sonia García, Cafetería


 
  Índice do nº 3 Arriba