páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

Fontao: de poboado mineiro a atractivo turístico

A parroquia de Fontao, situada no val de Merza e a cunca do Deza, debe o nome ós seus manantiais de augas sulfurosas. Pero a fama da súa terra déronlla o estaño e, sobre todo, o volframio, coñecido tamén como o ouro negro.
Este é un lugar con moita historia, xa que aínda se pode atopar un vello camiño feito polos romanos e a súa ponte, que se dirixen ó mosteiro de Carboeiro.
A xente que visita a Brea, nome polo que a xente coñece a Fontao, sórprendese moito da chamada "cidade fantasma": 120 vivendas baleiras colocadas en ringleiras, barracóns e naves en ruínas, hoxe habitadas por algúns veciños.
Nos anos 30 e 40 do século pasado, as extraccións do volframio dependían de compañías inglesas, francesas e belgas. En pleno apoxeo da febre do volframio (1942-1945), na Vrea vivíase coma no oeste americano: con diñeiro, casas de xogo, mortes en pelexas, persecucións entre gardas e ladróns... O lugar contaba con cárcere, cuartel da garda civil, enfermería, capela, cines... Nel vivían máis de tres mil persoas, entre elas, aventureiros, expresidiarios, contrabandistas deste mineral... Un quilogramo, unha pequena pedra, podíase vender daquela por 250 pesetas.
Rematada a guerra, pasou tamén a febre do volframio. En 1952 volveron abrir e seguiron comercializando o mineral. En 1963 as minas produciron 270 Tm de concentrados de volframio, pero pecharon en 1975 definitivamente.
Como en tantos outros casos, tamén aquí, cando o negocio foi a pique, a empresa marchou sen recoller os seus aparellos. Hoxe, as transportadoras, artiluxios de trituración e selección do mineral, toda a chatarra oxidada e ata os seus almacéns e barracóns parecen xa incorporados á paisaxe, dándolle un aspecto entre nostálxico e fantasmal.
Estas antigas minas de volframio son candidatas a albergar o futuro Parque Temático da Minería de Galicia. O anteproxecto pretende reconverter as instalacións mineiras nunha grande área natural de ocio. Prevense 200.000 visitas ó ano, pola facilidade de acceso e a cercanía do lugar a Santiago, Lalín, A Estrada, etc. Segundo este proxecto, rehabilitaranse dúas galerías mineiras subterráneas con descenso dun ascensor que recorda as gaiolas mineiras. Tamén se poderán visitar tres museos: Museo de Minerais e Fósiles, Museo da Minería e Museo do Granito e da Lousa nos que estarán a disposición dos visitantes diversos exemplares. Poderanse ver os antigos lavadoiros da mina e a sala de compresores, onde se contemplarán equipos antigos de gran calidade. O parque contará tamén con áreas de picnic, refuxio de fauna galega, minizoo, tenda de recordos, cafetería-restaurante e un mirador.
A inversión prevista para poñer en marcha o parque segundo o anteproxecto é de máis de dous mil millóns de pesetas (na moeda anterior), o que o converterá en único no seu xénero en España e nun dos máis completos de Europa.
Para moita xente do lugar, isto é case imposible debido ó deterioro actual das instalacións, pero o certo é que xa están a ser rehabilitadas as casas do poboado fantasma.


Laura Vázquez, 4ºESO

 

 
  Índice Arriba  
 
 
 
Fai clic na imaxe para vela máis grande
 

Fai clic na imaxe para vela máis grande