páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

Visita de Guadi Galego, vocalista do grupo Berrogüetto

O pasado mes de novembro, os alumnos de 3º e 4º de ESO recibímo-la visita de Guadi Galego, a voz feminina do grupo musical "Berrogüetto". Despois de ofrecernos unha divertida clase musical, ensinándonos varias diapositivas de instrumentos tradicionais galegos, como a zanfoña, o pandeiro, as castañolas e ferrañolas, o charrasco…e tamén partes dun instrumento típico, como é a gaita, escoitamos diferentes cancións do grupo e unha peza típica de Alxeria, coa que nos comentou a diferencia musical entre unha cultura e outra. Tamén nos animou a cantar unha pequena canción. Ó final da clase, ofreceunos un pequeno concerto a capella con cancións do grupo, onde demostrou a magnífica voz que posúe. Posteriormente, respondeu amablemente as nosas preguntas.

¿Tiveches claro que ías ser cantante dende pequena?
Non, non o tiña claro. Quería ser mestra, aínda que comecei a cantar ós 5 anos, pero non me atraía a idea de ser cantante. E agora, mira por onde, son pianista, cantante e gaiteira.

¿Cando entraches no grupo?
O ano 1997

¿É moi dura a carreira dun artista, vivir da súa música?
Non é fácil , e malvívese. Pero aínda que se gañe pouco, nós vivimos do que nos gusta.

¿Por que o nome de Berrogüetto?
E un nome composto de dúas palabras: berro e güetto, palabra africana, que significa oprimidos.

¿Como ve-lo mundo da música neste momento?
Moi difícil. Cando existe un grupo novo que quere saír ó panorama musical, resúltalle moi difícil atopar quen o produza e quen o axude. Nós producímo-los nosos discos. Hai un exemplo claro en nós, que imos a Europa e todos nos coñecen. Sen embargo, aquí coñécenos a minoría da xente.

¿Que opinas da piratería?
Estou a favor.

¿Que nos dirías se non fosemos amantes da música, para que comezase a nosa afección por ela?
Aínda que creo que a todo o mundo lle gusta a música, a quen non é amante dela, diríalle que a música é imaxinación e é o que nos falta ós novos. Trasládate moitas veces a outros lugares, outros mundos, e pasas moi bos momentos. Recomendo escoitar todo tipo de música.

¿Que fas para coida-la túa voz?
Non berrar, falar nun ton normal, non fumar e non beber cousas frías… O peor de todo é saír de copas e beber alcohol.

Moitas gracias por contestar ás nosas preguntas,Guadi.

Sabrina Salgado, Laura Vázquez, Ana Mª Vilariño, Ariana Torres, 4º ESO


 
  Índice do nº 3 Arriba  
 
 
Fai clic na foto para vela máis grande