páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

Entrevista a Milladoiro

O ano pasado pola festa do Galo de Curral estivo na nosa vila o grupo Milladoiro presentando o seu novo disco; aproveitando este feito, Patricia Méndez tivo unha conversa con eles. Velaí vai.
Boas tardes ámbolos dous Xosés, Nando, Antón, Moncho, Roi, Harry e Manu.
1.-O milladoiro por definición é un montículo formado por pequenas pedras amontoadas no transcurso do tempo por romeiros e peregrinos de paso, ¿que significan para vós cada unha desas pedras que integran os milladoiros que guían ós peregrinos?
Nós escollemos ese nome precisamente polo que representa, é dicir, pasar polo lugar por onde andaron os peregrinos. Gustounos precisamente a idea de recuperar con pequenas pedras os distintos compoñentes que foron construíndo a nosa música popular. Pretendemos deixar unha pegada nese montículo do que pretendemos recuperar conceptos e no que pretendemos deixar tamén a nosa propia pegada.

2.-¿Como describiriades Galicia?
Sinxelamente, como nai e señora nosa á que constantemente lle rendemos homenaxe. Milladoiro non tería sentido sen a nosa terra, Galicia.

3.-¿Que representan para vós os Campaneiros, os irmáns Garceiras, os Areeiras e os Rosales, entre outros?
Gracias a eles chegou ata nós unha música popular en estado puro. Estes grupos configuran o último eslabón anterior ó presente da música popular e sen eles sería moi difícil pensar hoxe na música galega como algo ben diferenciado e con peso propio en todo Europa e en todo o mundo.

4.-¿Como recordades o 15 de maio de 1979? (1ª actuación, no Auditorio Salesianos da Coruña)
Con gran ilusión, con moito medo á resposta do público e finalmente con moita ledicia ó ver que o grupo fora moi ben acollido e ó ver que acababamos de dar un paso moi grande para normalizar a difusión da música tradicional de acordo cos tempos que corrían.

5.-¿Que vos proporciona a música e como a entendedes?
Pretendemos ante todo que a música galega non desaparecera ó igual que a cultura. Por outro lado, adicámonos a isto porque realmente nos gusta e, finalmente, por ser felices e facer felices.

6.-¿Cal é a fórmula máxica para manterse no centro da fogueira do contexto musical internacional con tanta relevancia e sobre todo durante a vosa longa traxectoria de 23 anos?
Aí non intervimos nós nada máis, ten gran parte o público. Nós realizamos un traballo con moito rigor e no que cremos profundamente. A nosa gran fortuna foi ver que a xente nos apoiaba, foi isto o que nos deu a forza para seguir durante toda a nosa traxectoria.

7.-¿Que repercusión ten na vosa música a situación actual da nosa caótica sociedade, unha sociedade que cada día contribúe máis a formar uns canons onde a diversidade de opinións e gustos cada vez escasean máis?¿Obrígavos a introducir matizacións no voso estilo musical?
Milladoiro en canto ó fenómeno globalizador que afecta á cultura pensa que é un auténtico disparate, porque sería matar a esencia, a diversidade... Milladoiro foi un grupo que estivo sempre na resistencia neste sentido. Ademais pensamos que traballar no noso terreo e non estar na diferenciación é absurdo, non teriamos nada que aportar.

8.-¿Como foi a vosa experiencia ou que recollestes da vosa participación en películas como La Mitad del Cielo de Gutiérrez Aragón, Divinas palabras de José Luis García Sánchez ou La Memoria Fértil de Domenech Font, entre outros?
Desa participación recollemos basicamente unha nova experiencia enriquecedora e fortalecedora que nos permitiu coñecer novas persoas.

9.-Co anterior disco, Auga de Maio, o éxito foi enorme, estabades presentes en valiosísimas listas do contexto musical como "25 Essential record of 2000" en USA, encabezou a lista de discos españois e portugueses do 2000 publicada por New Folksounds; ¿que esperades do voso décimo sexto fillo recén saído do forno, O niño do Sol?
Esperar non esperamos nada porque realmente nós imos esperar o que o público nos dea, sen forzar de antemán pretensións desmedidas que poderían configurar un fracaso.

10.-¿Por que ese título?
Representa a finalidade dos peregrinos, estes viñan buscando o niño do sol e ese niño era Fisterra, entón ven sendo unha alegoría de Galicia, pois nós sempre nos nosos discos representamos a Galicia dalgún xeito.

11.-¿Con que nos imos atopar neste novo traballo?
Vaise atopar a tradición pero sempre con matizacións, con pequenas "guindiñas" que fan diferente cada traballo. Nós en cada novo traballo o que pretendemos é profundizar máis nas raíces da música, creando así unha especie de "anacronía". Por suposto, estamos contentísimos de contar neste novo disco coa colaboración de Kathy Mattea.

12.-¿Por que tanta volatilidade co violín?
Porque é un instrumento difícil e inflúe moito tamén a personalidade do violinista. O violín foi un problema circunstancial, xurdiu no violín como puido xurdir noutro instrumento; nós contamos nun primeiro momento cunha excelente violinista que era Laura Quintillán pero debido a que participaba noutros grupos a carga fíxoselle excesiva e un pouco o mesmo pasou nos restantes casos. Nestes momentos temos un que cremos que hai para rato.

13.-¿Que significou a marcha de Rodrigo Romaní?
Pensamos que o que é novidoso non é que nun momento determinado marchase por cuestións persoais senón que os seis fundadores estivesemos vintedous anos xuntos.

14.-¿Cal é a vosa impresión sobre a situación do folc galego actual?
Dende que nós comezamos ata hoxe cambiou moito, evidentemente, para ben. Hoxe hai moitos músicos tradicionais que crearon moitas escolas; sen embargo, nos momentos actuais pensamos que se viviu un boom moi artificial, pensamos que reforzado polos propios medios e polas casas discográficas. Hoxe en día estamos na caída da onda, volvemos un pouco á normalidade e definiríamolo como un momento bo pero sempre hai que ter moi claro o campo no que te moves.

15.-¿Que é o máis importante que recollestes da voso matrimonio, que logo vai facer as vodas de prata?
Case todo o que sucede nun matrimonio e desde logo recollemos algo que é imposible cuantificalo: vintetrés anos de absoluta felicidade. Case todas as ilusións que un día tivemos víronse na realidade multiplicadas e por unha razón: porque os grandes fracasos son consecuencia de pretensións desmedidas. Definiriamonos como humildes e conformistas.

 
  Índice Arriba