| |
NUNCA
MÁIS
A
edición deste 3º número da
nosa revista vén rodeada de parabéns
por varios motivos: primeiro, os premios conseguidos
co nº2 de Camballón.com no curso pasado
no concurso "Entre nós, en galego",
convocado pola Dirección Xeral de Política
Lingüística da Consellería
de Educación: 1º premio á mellor
revista escolar da provincia de Pontevedra e 3º
a nivel autonómico; segundo, porque este
mesmo número foi enviado á Asociación
de Prensa Juvenil a Barcelona e entrou na preselección
das mellores oitenta revistas de toda España
para o concurso "Lobos de oro, plata y bronce"
e, ademais, formou parte da exposición
que se montou para o XVI Congreso Nacional sobre
Prensa y Educación (podédelo ver
en www.prensajuvenil.org); e, terceiro, xa temos
versión electrónica da revista na
recén estreada web do centro (www.camballon.com).
Así que todo isto supuxo, por un lado,
un certo respiro económico e, por outro,
que seguimos na vangarda da modernidade, agora
a disposición do mundo enteiro... ¡Aí
queda iso!
Por suposto, queremos aproveitar a ocasión
para agradecerlles a tod@s os que colaboraron
a súa contribución e mais para felicitalos
agarimosamente.
E xa imos a pola 3ª... ¿Que vos ofrecemos
desta volta? Pois temas de moita actualidade (Shin
Chan, o Prestige, Operación Triunfo, a
guerra de Irak, ...) e outros que nunca deixan
de selo (cociña, música con Milladoiro
e Guadi Galego, empresas da zona, ...), ademais
dun relato inédito de Xavier Queipo e,
por suposto, os nosos "Choios extraescolares".
E non vos perdades unha nova sección que
agora inauguramos: "Os que se van",
con fotos de grupo dos alumn@s que marchan do
noso centro.
Sen embargo, a ilusión e o traballo destes
meses tamén estiveron tinxidos de negro,
de negro chapapote; e de maldade, de morte, de
tristura; por iso, para que a negrume e a dor
dos nosos corazóns non impida ver o que
somos, o que queremos e o que facemos, tamén
nós desexamos berrar con forza e esperanza
¡NON MÁIS
GUERRAS NUNCA MÁIS!
|
|