Cando ti naciches
o mundo xa era mundo...

Introdución | Tarefa | Proceso | Recursos | Avaliación | Conclusión | Créditos


Introdución

Xa celebraches unhas cantas veces o día do teu aniversario, pero probablemente descoñezas moitos dos acontecementos que sucederon cando ti naciches e nos anos inmediatamente posteriores, porque daquela... o mundo xa che era mundo!!!

A ver, sabes que ía ver a xente ao cine? Cales eran as cancións de moda? Que estaba pasando en España e Europa? Ou como lle ía á literatura galega?

Pois vas investigar estes asuntos en Internet. Porque agora ti tamén formas parte do mundo.



A
tarefa

Isto é unha webquest, de xeito que Internet vai ser a túa principal fonte de información. A túa primeira misión consiste en realizar as tarefas que se indican a continuación, ao mesmo tempo que navegas pola rede mundial.

As tarefas son:

  • Explicar o significado do teu nome.
  • Descubrir algúns dos acontecementos sucedidos na época do teu nacemento.
  • Informarte sobre o que era noticia no mes do ano no que naciches.
  • Investigar sobre a literatura que se publicou nesa época.
  • Buscar os títulos de películas e cancións que destacaron na década do teu nacemento.
  • Elaborar un informe escrito e persoal que recolla con claridade toda esta información.

Se o precisas tamén poderás utilizar outras ferramentas (ex., dicionarios, enciclopedias) para terminar algunha das tarefas citadas.

 



O
proceso

Para realizar este traballo, cales son os pasos que debes seguir? Fíxate ben. De entrada, realizaredes o traballo en grupos pequenos, que se formarán atendendo ás instrucións que recibiredes no seu momento. Cada grupo desenvolverá a súa investigación de maneira libre e cooperativa e solicitaredes toda a axuda que sexa necesaria.

A resolución das diferentes actividades segue este proceso:

  • 1ª actividade: Busca e explica a orixe e o significado do teu nome. Se che apetece podes incluír algunha curiosidade a maiores. Esta información terás que presentala en forma de ficha.

  • 2ª actividade: Localiza tres acontecementos destacados a nivel mundial que se produciran no ano do teu nacemento.

  • 3ª actividade: Infórmate sobre os principais feitos ocorridos no estado español na década do teu nacemento. Esta información e mais a do exercicio anterior deberás presentala conxuntamente en forma de esquema.

  • 4ª actividade: Busca titulares de noticias do mes do teu nacemento. Escolle dúas noticias de distintas semanas e resúmeas (máximo 5 liñas cada unha).

  • 5ª actividade: Investiga cantos libros en galego se publicaron nese ano e logo escolle 10 títulos de literatura de autores/as galegos/as. Despois localiza 3 títulos de obras traducidas. Debes elaborar dúas listas coas citas bibliográficas completas; na das traducións tes que incluír tamén a lingua de procedencia.

  • 6ª actividade: Elabora unha lista que conteña cinco títulos de discos e outras tantas películas destacados na década do teu nacemento. Engade unha valoración xeral sobre o tipo de música e cine que triunfaba daquela.

Para atopar toda a información que se vos pide, cada grupo accederá on-line (é dicir, por medio de Internet) aos recursos que están xa seleccionados no apartado seguinte. Debes ir tomando nota de todo o que che interese. Este material será o que che sirva de base para a elaboración do informe individual que deberás presentar ao rematar esta experiencia dentro do prazo que se estableza.

O traballo deberá contar cunha portada e un índice, ademais de toda a información especificada anteriormente. Permítese o uso de gráficos, fotografías e outros recursos que consideres que melloran a súa presentación. E non te esquezas de que a corrección ortográfica, a coherencia e a precisión léxica son partes fundamentais no teu informe.

 



Recursos

A información podes conseguila dos sitios de Internet que che ofrecemos. Preme co rato nos enlaces para acceder a ela.

O significado dos nomes I

O significado dos nomes II

O significado dos nomes III

O que pasaba no mundo

O que pasaba no estado español

As noticias da época

Literatura

Os discos dos 90

As películas dos 90

Se non aparece o que desexas nas páxinas web anteriores, emprega esta ferramenta para buscar por palabras clave.



Avaliación

A avaliación das tarefas realizadas e de todo o proceso deste traballo, tanto a nivel individual como en grupo, analizará os seguintes aspectos:


Incompleto


Medio


Ben


Excelente

Organización e traballo
en equipo:
3 puntos

Cada membro do equipo realiza as súas tarefas sen ter en conta aos demais.
Hai pouca colaboración entre os membros do equipo.
Colaboran sen moitas dificultades na realización das tarefas.
Colaboran axeitadamente nas tarefas e o traballo repártese de maneira equitativa.

Busca e manexo da información:
3 puntos

Algúns temas non se buscaron ou buscáronse mal.
Tratáronse todos os temas pero con respostas erradas, mal organizadas ou incompletas.
Tratáronse todos os temas, pero expuxéronse literalmente, sen achegas persoais.
Tratáronse adecuadamente todos os temas, con achegas e valoracións que melloran o traballo.

Redacción e presentación do traballo:
4 puntos

Moitos erros na presentación da información: tipo de texto, coherencia, cohesión, rexistro, ortografía...
Informe con algúns problemas de redacción e corrección.
Informe adecuado á tipoloxía textual. Poucos erros.
Informe sen erros, ben organizado e visualmente claro e traballado.

 



Conclusión

Esta webquest concibiuse fundamentalmente para realizar unha aplicación global dos distintos procedementos e estratexias que, ao longo do curso, se traballaron co alumnado en relación á expresión escrita.
Ademais disto, pretendeuse un achegamento ás novas tecnoloxías e ao mundo da información dixital, así como unha mellora da comprensión lectora e da busca e selección da información.

 


Créditos

O contido desta webquest foi elaborado por Rosa Salgueiro (rosasalgueiro@edu.xunta.es) a partir da adaptación da realizada por Mario Aller co título de O día do teu nacemento.

abril, 2007

Atrás
  Arriba

índice de lingua galega e literatura