páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
     
 

O ENTROIDO NA NOSA COMARCA

Imos resumir un traballo de clase sobre a evolución do entroido na nosa zona, como se celebraba antes e como hoxe en día case se perdeu totalmente.

A continuación imos citar as diferentes fases do entroido, como se celebraban aquí e mesmo ás veces comparándoas con outras que aínda hoxe en día manteñen esta tradición:

- Domingo fareleiro ou borrallento: neste día, en moitos lugares, os mozos adoitaban tirarlle borralla ás mozas. Na nosa zona non se lle tiraba borralla pero si que durante o tempo que duraba o entroido a xente botáballe a auga ós demáis sen importarlle o que estes estivesen a facer.

- Xoves de compadres: as mozas facían un boneco designado co nome de compadre e os mozos tentaban sacarllo, esto representaba unha loita simbólica entre homes e mulleres. Na nosa zona tanto o mércores de compadres como o xoves de comadres, o que se facía era ir comer a casa dos chamados compadres que eran os pais dos afillados.

- Domingo corredoiro: en Laza as máscaras tirábanlle a xente formigas, trapos sucios e algunha sorpresa. Aquí non se facía nada en especial neste día.

- Domingo e luns de entroido: Estes adoitan ser uns dos días máis importantes no entroido, por exemplo no noso contorno celebrábano do seguinte xeito: A xente xuntábase no campo da festa para ver as representacións que alí se facían. Representábanse as chamadas vistas que eran como pequenas obras teatrais de temática moi variada. Había tamén xente que bailaba e isto dáballe un toque alegre a celebración. Outra das cousas que facían era que algúns homes subíanse nuns zancos e ían a andar ata o campo da festa; eles ían acompañados pola xente que os seguía por se facía falla axudarlles. O máis común que había neste día era a presencia dos xenerais e os lanceros que representaban disputas entre eles e todo en conxunto facía que a celebración fose moi vistosa.

- Martes de entroido: Marcaba o fin do entroido, para representar isto facíase a través da queima dun boneco chamado Meco ou co xa coñecido enterro da sardiña.

E aínda que o máis normal nas fases do entroido son estas tal e como están expostas arriba, na nosa zona van en orde distinta: domingo de lambedor, domingo de corredor, mércores de compadres, xoves de comadres, domingo, luns e martes de entroido. Merecen uha mención especial dúas figuras típicas do noso entroido: a primeira é o Vello das Cornas, este era un veciño da parroquia que levaba unha máscara e un forcado ou o oso da cabeza das vacas de antes que tiñan uns cornos moi grandes e que tiña como obxectivo asustar ós nenos. A outra figura que tamén ten unha gran importancia era a do Boneco que representaba ó entroido. Facían un boneco moi grande e subiano a un carro, ó que lle poñían catro ou cinco xugadas de vacas (cada xugada é un par de vacas). O fin disto era representar ou dar a entender que o entroido era moi grande. A xente adoitaba ir detrás do carro levando un paraugas sen tea como se estivese a chover, para darlle un toque de humor. Dentro do pouco que queda do entroido ainda conseguimos atopar algunhas coplas, e pequenos fragmentos das representacións que facían os xenerais e os lanceros.

Coplas:

Agora voume cos xastres
non lles quero quitar o creto
cando van facer un traxe
sempre rouban pa un chaleco.
Marchei, fun pola aldea de Xordedo
o pasar pola cancela
as mociñas daquela casa
encirráronme a cadela

Representación dos lanceros:

- Alto, alto ¿Quien vive?
- Correo nacional que te pide paso libre.
- Paso libre no te lo doy, responde mi palabra.
- Ahora con la República está la guerra declarada.

 
 
   
 
  Temos celebracións similares en toda a zona. Na foto, os xenerais da Estrada  
     
 
Janet Eyo Areán, Luz Pedreira Sánchez - 2º Bacharelato
 
 
Ir a Investigacións sobre a comarca
 
     
índice de ciencias sociais | arriba
 
   
 
     
iescamballon@terra.es