| |
A saída foi o venres cinco de abril. Chovía.
Chegamos
a Segovia a primeira
hora da tarde. É unha cidade parada no tempo na que
descubrimos rúas medievais, a catedral gótica, e algo
que foi do agrado xeral, o Alcázar. É un castelo medieval
que parece un palacio, con interiores de artesonados,
dourados e madeiras nobres no que viviron os reis de
Castela. E sempre a presencia do Acueducto, obra romana
que permanece en pé sen cemento e resistindo ós efectos
da contaminación sobre a pedra. Chovía.
O
sábado prometía claros e moito frío, pero tamén chovería.
Saímos cara a Salamanca con parada en Ávila.
A visita foi rápida á catedral, casco vello e murallas,
porque algún de nós estaba en proceso de conxelación.
Continuamos
viaxe e chegamos a Salamanca
para comer. Chovía. O percorrido pola cidade é viaxar
no tempo e meterse no século XVI. As dúas catedrais
presiden a vista panorámica e, xa dentro, pasamos por
igrexas, palacios, prazas, ata a Universidade. Por se
acaso, ata o máis incrédulo buscou a rá, por aquelo
de avivar a intelixencia cara ó final de curso. Sen
embargo recordemos o dito: "Quod natura non dat, Salmantica
non prestat". A climatoloxía volveu a interromper o
paseo e dispersamos o grupo. Gozamos dos outros atractivos
da cidade: cafés, compras, productos de porco ibérico,
e disfrute dunha tarde-noite de sábado nunha cidade
universitaria chea de atractivos para xente nova.
A volta á realidade iniciouse o domingo. Aproveitamos
o camiño para ver Zamora.
Pechadas nas murallas, as rúas medievais dos Francos
e dos Notarios contan un pasado de Reconquista e igrexas
románicas que percorremos disfrutando dun sol que nos
despedía de Castela. Na vontade de aproveitar o tempo
ó máximo, paramos en Puebla
de Sanabria. Subimos ó castelo e vimos o
panorama dunha pequena vila medieval dende a que se
domina un enorme territorio. O cansazo dos excursionistas
non foi inconveniente para rematar a viaxe en Ourense
e subir e baixar a Ponte do Milenio.
Por
fin, subimos ó autobús por última vez antes do regreso
definitivo a Vila de Cruces. Era a noite do domingo
e chovía.
|