páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

O cine non é unha fonte histórica. O que vemos non pasou así, pero podemos aprender historia nas roupas, nos acontecementos, nos lugares, nas costumes, na sociedade... e en todo o que se describe que podemos percibir como diferente a nós. Deste xeito, no cine tamén se aprende historia. Proba coas películas que propoñemos a continuación:

 
 
   
Espartaco (1960)
Ben-Hur (1959)
Gladiator (2000)
Braveheart (1995)
O nome da rosa (1986)
O pianista (2002)
1492: a conquista do Paraíso (1992)
O tormento e a éxtase (1965)
A raíña Margot (1994)
A Misión (1986)
J.F.K. (1991)
El rey pasmado (1991)
Indochina (1992)
Rob Roy (1995)
Missing (1982)
Barry Lyndon (1975)
Germinal (1993)
Full Monty (1997)
Michael Collins (1996)
   
 
 
SINUHÉ, O EXIPCIO (The Egyptian)
Dir. M. Curtiz (1954)
Sinuhé é un médico de Tebas que ó final da súa vida describe o seu paso polo Antigo Exipto. A película é a adaptación do libro de M.Waltari que menciona aspectos científicos, culturais, relixiosos e sociais da época en torno a Amenofis IV.
 
 
ESPARTACO
Dir. S. Kubrick (1960)
Espartaco é un escravo que a punto de ser condeado a morte, é comprado para ser utilizado como gladiador. A súa vida parece mellorar, pero acaba liderando unha revolta de escravos, que realmente sucedeu no ano 73-71 a.C. A película pódese ver como un exemplo de loita de clases, onde hai unha toma de conciencia da opresión, unha rebelión, a derrota dos sublevados polo poder de Roma e o castigo exemplar.
 
 
BEN-HUR
Dir. W. Wyler (1959)
Explica a ocupación romana de Palestina no século I a través da rivalidade de dous amigos que pasan a ser inimigos. Un argumento paralelo é a aparición do cristianismo e a vida de Xesús de Nazaret. Podemos ver a riqueza de Roma, os grupos sociais, as galeras, os gladiadores e os espectáculos, onde destaca a famosa carreira de cuádrigas.
 
 
GLADIATOR
Dir. R. Scott (2000)
Aínda que foi criticada polas incorreccións históricas, podemos aproveitar a perfecta reproducción da batalla inicial, a reconstrucción da Roma clásica e as escenas do Coliseo, cheo de público gracias ó traballo do ordenador. O emperador Cómodo non morreu na area loitando cun gladiador, aínda que parece que lle gustaba participar nas loitas de cando en vez.
 
 
BRAVEHEART
Dir. M. Gibson (1995)
Ambientada na Idade Media, narra a rebelión popular escocesa liderada por William Wallace no século XIII contra o rei de Inglaterra Eduardo I. Un anacronismo é a indumentaria dos rebeldes, as saias ou kilts, que non aparecerán ata o S. XVIII e chegarán a ser o distintivo nacional de Escocia.
 
 
O NOME DA ROSA (Der Name der Rose)
Dir. J. J. Annaud (1986)
É unha película policiaca que se desenvolve na Idade Media. Nunha abadía hai que investigar varias mortes e seguindo a lóxica científica de William de Baskerville chegan a aclararse. As indagacións permítennos ver as partes dunha abadía, a vida dos clérigos e a poboación que depende deles, as rivalidades entre diferentes ordes relixiosas, as supersticións, e a importancia do saber antigo que se copia nos mosteiros.
 
 
1492: A CONQUISTA DO PARAÍSO (1492: Conquest of Paradise)
Dir. R. Scott
Narra a aventura do descubrimento de América, desde que Colón consegue o permiso dos Reis Católicos e os cartos dos banqueiros, ata que despois da cuarta viaxe volta preso a España. Probablemente a bondade de Colón cos indíxenas non sería a que caracterizou ós que embarcaron cara a América no século XV ou XVI. Scott considerou no seu traballo como director a opinión de que Colón é unha das grandes figuras históricas, pero que foi inxustamente tratado pola Historia.
 
 
O TORMENTO E A ÉXTASE (The agony and the ecstasy)
Dir. C. Reed (1965)
No século XVI Rome é cabeza da Contrarreforma católica. As construccións dos edificios papais amosan a grandeza divina e tamén o poder temporal do Papa, un soldado máis dirixindo as súas tropas. Bramante, Rafael e Miguel Anxo están decorando as estancias vaticanas e o último deses artistas e a súa obra, especialmente a Capela Sixtina, centran o argumento.
 
 
A RAÍÑA MARGOT (La reine Margot)
Dir. P. Chéreau (1994)
A película é unha adaptación da novela de Dumas. O contexto histórico é o das Guerras de Relixión en Francia. Podemos ver as loitas entre católicos e hugonotes, as faccións nobiliarias que as apoian e as intrigas na Corte que implican á raíña Catalina de Médicis e ós seus fillos, futuros reis de Francia. Todo empeza coa voda da única filla, Margarita de Valois, católica, co rei de Navarra, hugonote, futuro Henrique IV de Francia. Na noite de vodas desenvólvese a mantanza de San Bartolomé de hugonotes a mans dos católicos (24 de agosto de 1572).
 
 
A MISIÓN (The Mission)
Dir. R. Joffé (1986)
As misións xesuíticas do Paraguai eran no século XVIII comunidades que funcionaban sen recortar os dereitos dos indíxenas. En contra deles tanto os españois como os portugueses buscan ocupar os territorios nos que se asentan. A independencia do poder político e a obediencia unicamente ó Papa foron causas da expulsión da Compañía de Xesús de España.
 
 
EL REY PASMADO
Dir. I. Uribe (1991)
A corte de Felipe IV é vista desde a óptica de Torrente Ballester. A teima do rei por ver á raíña espida é un punto de partida que deixa ver a mentalidade da época. Aparecen unha serie de personaxes que pululan ó redor da Corte: o valido Olivares, as damas de compañía, o servicio, o exército, e outros que interveñen en caso de necesidade como o Santo Oficio e as diferentes ordes relixiosas que ven a realidade de formas opostas. Todo no ambiente da monarquía española dos Austrias que está a piques de comezar a súa decadencia.
 
 
ROB ROY
Dir. M. Caton-Jones (1995)
Rob Roy é o xefe do clan dos McGregor, que vive do gando nas Terras Altas de Escocia a principios do século XVIII. Debe pedir un préstamo ó marqués de Montrose, e polas intrigas doutro nobre non o pode devolver. Perseguido pola xustiza, convértese nun proscrito e inicia a loita contra os ricos e a favor dos pobres. O obxectivo prioritario será restaurar a honra da súa familia.
 
 
BARRY LYNDON
Dir. S. Kubrick (1975)
Un mozo sae de Irlanda escapando da xustiza e viaxa por Europa levado polas circunstancias. Loita na Guerra dos Sete Anos (1756-1763) no exército inglés e no prusiano, dos que vemos a organización, planificación de batallas, disciplina militar, levas... Despois de deixar a vida militar, busca o seu sitio na alta sociedade europea. Nos grandes salóns entronca cunha familia nobre e nesta parte da película temos a vida privada dos lores ingleses. Un aspecto básico da sociedade estamental é a consecución dun título nobiliario, unha cuestión que se repite na procura de recoñecemento social.
 
 
GERMINAL
Dir. C. Berry (1993)
Nesta adaptación da novela de Zola vemos o funcionamento das minas de carbón de Francia xa avanzada a Revolución Industrial. Descríbense as condicións de traballo, o traballo infantil, as carencias alimenticias e sanitarias, os barrios obreiros, e o desenvolvemento das organizacións obreiras que buscan melloras a través da presión pola folga (socialistas) ou pola acción violenta (anarquistas). É o desenvolvemento do capitalismo cada vez máis feroz cos obreiros en beneficio dos empresarios, que son os menos prexudicados incluso nas situacións máis desfavorables.
 
 
MICHAEL COLLINS
Dir. N. Jordan (1996)
M. Collins loitou xunto con outros líderes como Eamon de Valera pola independencia de Irlanda. Os métodos foron sublevacións e atentados contra os británicos que fixeron que para uns foran delincuentes e para outros heroes da patria. Participou no levantamento de Pascua (1916) que fracasou, cos líderes no cárcere. Na prisión prepara a táctica para vencer ós ingleses. Desde 1918 comeza a liberar presos e a organizar a loita preparando atentados. As negociacións con Gran Bretaña chegaron a un acordo que prometía a Irlanda liberdade e un Estado independente mantendo ó rei inglés como xefe de Estado, quedando unha parte de Irlanda do Norte baixo dominación británica. Valera e outros republicanos non aceptaron, co que comezaron os enfrontamentos entre irlandeses. M. Collins morreu nunha trampa preparada polos seus.
 
 
LA LENGUA DE LAS MARIPOSAS
Dir. J. L. Cuerda (1999)
A vida nun pobo de Galicia é vista a través dos ollos dun neno que comeza a escola. O mestre é un republicano que abre os ollos dos seus alumnos ó mundo real e é respectado por todos. O contexto do rural galego e a vida cotiá das parroquias dan un ambiente xeral de tranquilidade. Sen embargo, as actitudes dos veciños cambian cando en xullo de 1936 o mestre é detido xunto cos outros contrarios ó levantamento de Franco.
 
 
¡QUE BELO É VIVIR! (What a wonderful life!)
Dir. F. Capra (1946)
Como outras películas de Capra, é unha historia de xente normal, sen superheroes, que amosa a vida nun pobo dos EE.UU. entre as dúas guerras mundiais. Vemos a idea do american dream (o soño americano) aspiración de todo o estadounidense medio, os problemas da Depresión de 1929, a presión dun gran banco sobre unha empresa de empréstitos pequena, os traballos de colaboración na retagarda durante a Segunda Guerra Mundial, e o valor de cada individuo na vida dos outros.
 
 
TERRA E LIBERDADE (Land and Freedom)
Dir. K. Loach (1995)
Un inglés comunista loita nas Brigadas Internacionais na Guerra Civil Española. A guerra na fronte de Aragón deixa ver o enfrontamento contra un inimigo superior e mellor organizado, e os problemas no propio bando republicano no que as diferentes faccións (o POUM, os comunistas, os anarquistas) non teñen os mesmos obxectivos, chegando a loitar entre eles.
 
 
LA VAQUILLA
Dir. J. G. Berlanga (1985)
A Guerra Civil Española é interpretada desde o particular punto de vista de Berlanga. Escolle unha zona da fronte na que están en contacto os nacionais e os republicanos. Sen accións bélicas, realizan intercambios e comunícanse por altofalantes. Os soldados non entenden de ideoloxías e vemos como en múltiples situacións non se identifican co bando que lles tocou en sorte ó inicio da guerra. A súa lóxica leva a estes soldados a propoñer cambios de lado para voltar ós seus pobos de orixe.
 
 
A VIDA É BELA (La vita è bella)
Dir. R. Benigni (1997)
Con forma de conto discorre a vida nun pobo de Italia durante a época de Mussolini. Vanse incluindo frases, alusións e anécdotas que deixan ver como o racismo e a violencia impregnan unha sociedade pacífica no inicio. A segunda parte da película é a cruz do campo de concentración onde un pai ten como único obxectivo facer que a vida do seu fillo non deixe de ser bela.
 
 
O PIANISTA (The pianist)
Dir. R. Polanski (2002)
Misturando a vida do protagonista e os recordos do director sobre a súa infancia do ghetto de Varsovia, a película é unha exposición do proceso desde as leis de marxinación dos xudeus durante a ocupación nazi de Polonia, a reclusión destes dentro dos muros do ghetto, ata a derrota alemana na Segunda Guerra Mundial. Transmítenos as distintas actitudes ante os problemas, o instinto de supervivencia, a vida cotiá en condicións extremas, nunha narración clara que conecta coa evolución da guerra.
 
 
SALVAR Ó SOLDADO RYAN (Saving Private Ryan)
Dir. S. Spielberg (1998)
O desembarco de Normandía é minuciosamente contado ó principio da película. Despois, un grupo de soldados dos Estados Unidos deben cumprir a misión de atopar e facer voltar á súa casa a un soldado ó que xa lle morreran tres irmáns na guerra. Esa búsqueda desenvólvese polos campos de batalla europeos durante a Segunda Guerra Mundial.
 
 
O TERCEIRO HOME (The third man)
Dir. C. Reed (1949)
Unha historia de suspense desenvólvese na Viena destruida da inmediata posguerra da Segunda Guerra Mundial. O escenario é unha cidade sombría e dividida en zonas ocupadas en 1945 polos aliados, igual que ocorría en Berlín na mesma época. Un escritor americano chega a Viena e descobre que o seu mellor amigo faleceu nun accidente de tráfico. Nada é como parece. Ó remate, unha espectacular persecución polos sumidoiros da capital austriaca.
 
 
BIENVENIDO MR. MARSHALL
Dir. J. G. Berlanga (1953)
É unha irónica visión sobre como o Plan Marshall pasou por España sen parar a cumprir os soños dos que pensaban que podían saír de pobres coa axuda dos americanos. O recoñecemento internacional de Franco despois do Tratado cos Estados Unidos non chegou para que España recibira as axudas que os europeos occidentais recibiron para a súa reconstrucción despois da Segunda Guerra Mundial. O que chegou foi tarde e en pouca cantidade.
 
 
J.F.K.
Dir. O. Stone (1991)
Partindo do asasinato de Kennedy en Dallas (1963), a película narra a investigación levada a cabo polo fiscal do caso J. Garrison. Mistúranse imaxes de arquivo na reconstrucción dos feitos co que aumenta a veracidade da narración. As análises sobre as versións dadas, a asociación con acontecementos paralelos da Guerra Fría, e os datos aportados por distintas personas ó longo da investigación, fan que queden máis dúbidas que certezas, a pesares da explicación oficial.
 
 
INDOCHINA (Indochine)
Dir. R. Wargnier (1992)
Estamos no momento no que o dominio francés de Indochina vai dar paso a unha nova orde. Os colonos franceses considéranse asiáticos e os nativos non aceptan a súa explotación e subordinación. É o paso da descolonización da zona ó futuro incerto que acabará na Guerra do Vietnam.
 
 
MISSING
Dir. Costa-Gavras (1982)
A represión de Pinochet en Chile alcanzou tamén a cidadáns estranxeiros. Os opositores ó réxime desaparecían e poucos se localizaban nas cárceres. Esta película denuncia, ademáis, a complicidade das autoridades norteamericanas que, en vez de axudar, actuaron como encubridores dos asasinos. O desaparecido que se busca é un estadounidense.
 
 
THE BOXER
Dir. J. Sheridan (1997)
Un activista do IRA volve á súa casa despois de anos en prisión. Atopa problemas para reinsertarse nalgún dos seus ex-compañeiros que non aceptan que deixe a loita e acepte os acordos de paz asinados con Londres. Son claras as diferencias no IRA entre os que optan pola paz e os que queren continuar a loita, chegándose a eliminar en atentados ós elementos máis extremistas que obstaculizarían calquera negociación.
 
 
FULL MONTY
Dir. P. Cattaneo (1997)
A apariencia de comedia deixa ver unha traxedia de paro e crise industrial dunha cidade inglesa (Sheffield) que non dá posibilidades ós que xa non poden traballar no aceiro. É un exemplo aplicable a outras cidades europeas que amosa os problemas do "Estado do Benestar" e os resultados do seu desmantelamento coas políticas neo-liberais de fin do século XX.
 
     
 
Ir a Anuncios, curiosidades...
 
     
índice de ciencias sociais | arriba
 
   
 
     
iescamballon@terra.es