| |
París! París! Que bonito é París! 0 25 de marzo ás 5 da mañá emprendemos unha longa viaxe á fermosa cidade do amor: PARÍS! Alí pasariamos unha semanaza inesquecible.
Ao ver o bus... buf! Que pasada! Asentos de coiro, mesas, baño, dúas teles, neveira, cama… e ata enchufes! Pouco despois coñecemos a Delmiro: o noso querido condutor. El mesmo nos contou que no autobús viaxara Beckham co se equipo antes de entrar no Real Madrid…que luxazo! Despois dunha longa viaxe chegamos a Poitiers, onde fomos directos ao hotel. Esquecémonos do cansazo do bus e reunímonos todos á noite nunha habitación. O malo é que pronto veu a mamá María para deitarnos na camiña! He he...
Ao día seguinte visitamos Versalles, residencia do rei Louis XIV, que pasada! E non eran moito menos os seus xardíns... que enormes e ben coidados! Dise que son coma 1000 campos de fútbol e alí algúns andaron nas bicis antigas que se alugan.
Ese día chegamos a París; atravesamos a cidade facendo unha visita panorámica que nos deixou coa boca aberta, menos mal que no bus non había moscas! Chegamos ao hotel, instalámonos nas habitacións, pequenas pero acolledoras. Como non era tarde fomos ata Pigalle onde vimos o Moulin Rouge e toda a rúa X he he... e subimos ao barrio dos pintores, Montmartre, e ao Sacré-Coeur (aínda andará alí a camiseta que perdeu Óscar).
Xa era luns. Madrugamos. Esperábanos un día moi longo. Comezamos visitando La Défense , zona nova de París chea de edificios de famosos arquitectos e subimos a Le toit de la Grande Arche; aquí pensamos que os xaponeses invadían París, foi alucinante ver tanta cantidade de persoas agrupadas e das escaleiras do metro non paraban de saír máis e máis... Continuamos con Notre-Dame, onde deixamos as nosas pegadas nun libro de sinaturas que alí tiñan e aínda que non vimos a Quasimodo cantándolle a Esmeralda non nos decepcionou nada: é impresionante. Paseamos pola beira do Sena e despois de comer dirixímonos cara ao Quartier Latin, fermoso lugar, e cara ao Panteón, lugar no que descansan os restos de ilustres franceses como Voltaire, Victor Hugo, Marie e Pierre Curie...
Paseamos arredor da Universidade da Sorbona, onde observamos que a pesar de estar completamente bloqueada e protexida pola policía, os estudantes andaban alborotados e facendo grupiños, pois ao día seguinte había novamente folga contra o xa coñecido CPE. Alí os estudantes non se andan con bromas, se hai folga e paro saen todos ás rúas e paralizan todas as súas actividades. Cansos de camiñar, algúns quedamos sentados diante da igrexa de St Étienne du Mont, obra mestra do románico, mentres que outros foron ata a place de la Contrescarpe e les Arènes de Lutèce.
Despois, de camiño á Tour Eiffel, pasamos polos Jardins de Luxembourg, que albergan o Senado, coa súa famosa fonte renacentista ; entramos na igrexa de Saint Sulpice, que O Código da Vinci fixo mundialmente coñecida. E, por fin..., a esperada e xigantesca Tour Eiffel! Xa estaba anoitecendo e as luces da torre estábanse acendendo; de noite, toda iluminada, é aínda máis impresionante e fermosa. Aos pés da torre non cansabamos de mirar para arriba; debiamos subir ao terceiro piso, aínda que a algún tremíanlle as pernas do medo. Dende arriba puidemos disfrutar das espectaculares vistas, a pesar de que case nos leva o vento. De volta ao hotel, onde chegamos todos con feridas e ampolas..., non as sentiamos! Grazas a que a mamá María e Lucía nos daban masaxes nos pés he he... imaxinádesvolas?
O martes fomos aos Inválidos coa tumba de Napoleón (sete sarcófagos! Para que non escape?). A continuación, visita do museo Rodin: Porte de l'Enfer, Le Baiser, Le Penseur, Les Bourgeois de Calais ... Moi preto o museo d'Orsay, que non puidemos visitar xa que estaba pechado pola folga dos estudantes; así que continuamos o noso percorrido coa travesía en bateau mouche polo Sena, alma de París segundo dicía Gide. Alí pasamos por debaixo da preciosa e luxosa ponte de Alexandro e pedimos un desexo dándolle un bico ao compañeiro ao pasar por debaixo da ponte Marie. E vimos as manifestación dos estudantes atravesando da beira dereita á beira esquerda.
Tamén visitamos a Ópera Garnier, teatro que os nosos músicos Xurxo e Tatiana visitaron con alegría. Logo deambulamos polas Galeries Lafayette e polas xoierías da place Vendôme como Bulgari, Cartier...que prezos, meu deus! Iámoslle facer un regalo ás profes pero tiveron que quedar contentas con dúas rosas... iso pasábasenos do presuposto, he he! Pasamos polo luxoso hotel Ritz onde esperamos a ver se pasaba un famoso... pero non houbo sorte, a pesar dos intentos de Xurxo! Á noite paseamos e ceamos polos Champs Elysées e... que tendas!
E chegou o mércores: tiñamos visita concertada no Louvre con conferenciante pero, coma case sempre, he he.... chegabamos tarde. Tivemos que atravesar a praza da Concorde e o xardín des Tuileries correndo tan rápido que David derrapou... que trompazo se meteu! Vimos algunhas das obras máis interesantes, entre as que se atopaba o Código de Hammurabi, que contén as primeiras leis escritas; o Escriba sentado, que ten uns ollos que parecen reais; as momias exipcias. Do Renacemento, A Gioconda coa que a maioría quedamos sorprendidos máis que pola súa “fermosura” polo seu tamaño, pois esperabamos un cadro máis grande. Tamén contemplamos obras de Miguel Anxo... Do Neoclasicismo vimos O Xuramento dos Horacios ou A coroación de Napoleón e do Romanticismo, obras de Géricault e Delacroix e tantas e tantas outras... Unha vez fóra, vagamos polo Palais Royal cos seus xardíns e peculiares columnas. Continuamos o noso periplo cara a Les Halles, onde comemos, algúns moi ben, nun restaurante moi chic!
Entramos no museo Pompidou, museo de arte moderna que por fora semella un edificio en construción ou unha refinería, debido ao conxunto de tubos e chanzos que se observan. Dentro vimos as máis raras e enrevesadas obras de arte. Ao saír tivemos tempo libre, pero co cansazo que tiñamos decidimos sentarnos na praza, no “parvis”, e ARMÁMOLA! O conto é que diante nosa se atopaba un filipino coa súa guitarriña e ao ver que eramos españois, convídanos a bailar e cantar con el! E alí cantabamos Porompompón, porón... E cando a “mamá” veu por nós, cantamos Adiós con el corazón... porque en realidade foi algo flipante, poñernos no medio da xente de París a cantar. Fomos dar unha volta e acabamos case todos comprando gafas de sol. Cando Delmirito veu por nós, fomos a un restaurante luxosísimo, que só tiña coca e pizzas, pero que boas estaban!. Ao chegar ao hotel, vimos as portuguesas que se aloxaban tamén nel e algúns intimaron moi ben con elas!
Á mañá seguinte, o noso obxectivo foi novamente o Orsay. Outro montón de artistas importantes: Monet, Renoir, Degas, Sisley, Toulousse Lautrec, Van Gogh, Cézanne, Gauguin..., unha marabilla! Pero demasiado impacientes e desexosos para visitalo tranquilamente... As profes decidiron, por fin!, emprender camiño cara a Eurodisney. Ao chegar... que pasadón! Todo era precioso. Comezamos a montar en todas as atraccións e nunha delas quedamos atrapados no alto da montaña rusa e tiveron que vir dous vaqueiros rescatarnos, que medo e tensión pasamos! Noutras atraccións tamén tivemos grandes sensacións, a máis exitosa foi a montaña rusa de Indiana Jones ou o cohete de Space Mountain; pero tamén foi alucinante o desfile dos personaxes de Disney. Tamén visitamos o barco dos piratas, o xardín de Brancaneves, viaxamos con Peter Pan...
Para cear volvemos ao mesmo restaurante, o do gran menú! He he... Tivemos que cear pizzas e coke, non había outra cousa! ...E esta era a última noite no hotel La Vilette... e vaia noite, pero mellor calamos!
Chegou o venres. Con pena collemos algunhas maletas, porque outras quedaron alí, (aínda que tivemos sorte de que volveron de volta máis tarde) e puxemos rumbo ao Val do Loira. Ao pouco tempo xa paramos no castelo de Chambord, o máis maxestuoso dos castelos do Loira; tiña unha pasada de chemineas! Alí, comodamente instalados nunha terraza, comemos crêpes salgadas, doces, croques, tarte Tatin, goffres... umm... recomendámola! Todo estaba boísimo. A nosa seguinte parada foi para ver o castelo de Chenonceau ou “Château des Dames”, o máis feminino e elegante!, un lugar paradisíaco cunha impresionante galería cruzando o río Cher. Logo, autobús e autobús e autobús... autobús todo tempo, aínda que algúns deberon vir máis contentos no camiño de volta que de ida, porque viñeron máis parelliñas das que foron; a ver se temos voda pronto e voltamos a París todos... Chegamos ao hotel para durmir, era do máis orixinal, porque parecía un barco e as habitacións os seus camarotes. Aquela era a última noite xuntos e algúns aproveitárona á súa maneira; uns finxían, aínda que outros foran máis descarados; o peor foi o tipo que estaba de garda, só sabía dicir Au lit! A la cama! Au lit! , puf... que pesadiño!
E pronto chegou o sábado: novo día, novo mes e novo país. Antes de coller rumbo a España demos un paseo polas rúas de Bordeaux. Lucía e María dedicáronse a mercar viño e perdéronse, debéronse emborrachar, he he... e cando chegaron María aproveitou para facer un amigo: comezoulle a falar un home preguntando se eramos españois e contento de selo el tamén pero sen saber falar o idioma. María díxolle que era unha pena e... que mal o tomou! Rematou todo enfadado chamándolle “fausse espagnole” e berrándolle a todos os da rúa “Tu es fausse espagnole, t'es pas espagnole tu es française, russe ou portuguaise, t'es pas espagnole!!” He he he... marchamos flipando.
Rescatounos Delmiro e todo foi bus ata a hora de comer, paramos en San Sebastián, no mesmo restaurante no que pararamos a primeira vez cando íamos rumbo a Francia. Sen querer escapábansenos frases como “Merci, s'il vous plaît...” He he!! Estabamos aínda co chip francés! A última parada foi para visitar a catedral de Burgos, onde ata presenciamos unha voda! Á fin... xa todo foi bus! Houbo de todo...he he! partidas de cartas, sonecas... ata baile e canto! Si, si!! Delmiro púxonos un vídeo con cancións de PASIÓN DE GAVILANES e acabamos todos bailando e cantando no corredor do bus! Ata María e Lucía animaron a festa, he he!!
Pouco a pouco fomos chegando ao noso destino. O primeiro ao que tivemos que despedir foi ao querido Delmiro. Que pena nos deu a todos! Xa o considerabamos un máis; Nachete era o seu neniño, he he! Nunca esqueceremos este magnifico condutor, moito rimos con el! Logo tocoulle a María, xa a estaba a esperar o seu marido impaciente, he he... “Que se biquen! Que se biquen!” –berrabamos todos. E bicáronse!!! Xa era tarde cando chegamos a Vila de Cruces. Medio adurmiñados vimos como os nosos pais nos esperaban impacientes e, a pesar do cansazo, a lingua comezou a falar por si soa. E así, coma unha centella, rematou a nosa “voyage à Paris” que só a describe unha palabra:
inesquecible!!!
Adela González, Silvia Varela, Zeltia Pampín, Yéssica Vázquez, Noemia Cámaras, Marta Gago e Begoña López.
|
|