| |
Aquí
nace París, porque aquí empeza a historia da cidade. Destacan
tres grandes monumentos medievais que aínda se conservan na
illa: a catedral de Notre-Dame,
a Sainte-Chapelle e a
Conciergerie.
A
CATEDRAL DE NOTRE-DAME é unha
das obras mestras do gótico francés. Foron necesarios 170
anos para rematala. Este templo é elixido para celebrar grandes
acontecementos da historia de Francia, entre outros: o casamento
de Henrique IV coa raíña Margot, a autocoroación de Napoleón
como emperador, a celebración da vitoria dos Aliados e da
liberación de Francia… No exterior, as magníficas esculturas
atraen as miradas dos transeúntes. Na Idade Media, o pobo
non sabía ler, polo que os escultores e os pintores das igrexas
e das catedrais debían contar a vida de Cristo e mostrar o
que pasaría despois da morte; isto explica por que Víctor
Hugo titula un dos capítulos de Notre-Dame de París : "O libro
das pedras". A fachada principal está dominada por dúas grandes
torres e unha agulla, que mide 90 metros de alto. A torre
Sur contén a gran campá que facía sonar Quasimodo, o chepudo
da novela de Víctor Hugo Notre-Dame de Paris. A fachada
está dividida en tres niveis: no tramo inferior sitúanse
as tres entradas principais: o pórtico da Virxe, á esquerda;
o do Xuízo Final, no centro; e o de Santa Ana, na dereita.
Nas tres hai magníficas tallas (a maioría copias do século
XIX) de figuras, follaxes e escenas bíblicas. Encima encóntranse
as figuras restauradas dos reis de Israel, na chamada Galerie
des Rois. Sobre a tribuna ábrese o Gran
Rosetón (La grande rose) de 9.60 metros de diámetro
e, el, a Gran Galerie. O tranquilo interior proporciona o
contraste adecuado fronte á gloria triunfante do exterior.
Nel pódense admirar as bóvedas e os arcos, o coro, as estatuas
da Virxe e do Neno, da Piedade, así como as vidreiras do lado
norte e sur.
Fora, diante da catedral, na praza, unha estela marca o
quilómetro cero dende onde se miden as distancias
de París ás distintas cidades do país.
A SAINTE-CHAPELLE
está moi cerca de Notre-Dame. Tamén é unha das obras mestras
da arquitectura gótica: arte chamada francesa porque a maioría
das catedrais deste país pertencen a este estilo. A Sainte-Chapelle
é famosa polas súas vidreiras; delas din que son as máis bonitas
de Europa. Construída entre 1246 e 1248 baixo o reinado de
San Luís coa intención de albergar a coroa de espiñas de Xesucristo,
está composta de dúas capelas superpostas. A máis alta parécese
a un relicario. Un cronista do século XIII escribe a propósito
dela: "Alí dentro imaxínase un no ceo, transportado a unha
das máis bonitas habitacións do paraíso".
A ÎLE DE SAINT-LOUIS
Unida a île de la cité pola ponte peonil de Saint Louis descóbrese
paseando. Como non hai monumentos, pero si fermosos inmobles
do século XVIII, recoméndase pasear polas fermosas e tranquilas
rúas, xa que a illa está considerada a zona máis romántica
de París.
|
Le
grand Louvre et la Voie Triomphale
|
A
vía triunfal esténdese ao longo de 9 quilómetros en liña recta
dende o Palacio do Louvre á Defensa. Este gran paseo ofrece
unha das máis bonitas perspectivas de París: o arco do Carrusel,
o xardín das Tullerías, a praza da Concordia, os Campos Elisios,
o Arco de Triunfo e a gran arco da Defensa. Todas estas construcións
monumentais levantadas a través da historia simbolizan o prestixio
de Francia.
O
LOUVRE
É o museo máis grande de Francia e un dos máis bonitos
do mundo é un dos símbolos de París. Destaca pola súa arquitectura
pero tamén polo seu contido, xa que acolle obras de arte do
mundo enteiro e de todas as épocas: da Antigüidade ata o século
XIX. Pódense contemplar, entre outras, a Gioconda de Leonardo
de Vinci, Os Escravos de Miguel Anxo, As vodas de Caná do
Veronés, A Venus de Milo (sen brazos), A Vitoria de Samotracia
(sen cabeza), O Escriba sentado (cuxa mirada non esqueceredes
nunca)… Para facilitar a entrada ás diferentes salas da exposición,
o arquitecto americano Min Pei deseña a Pirámide de cristal,
como entrada principal do museo. Situada no patio do museo,
mide 21 metros de alto, pesa 200 toneladas, e está composta
por 630 lousas de cristal. Está pirámide foi inaugurada en
1889.
O
XARDÍN DAS TULLERÍAS
Esquezamos o pasado violento do palacio das Tullerías, residencia
dos reis, que foi queimado en 1871 polos comuneiros sublevados
contra o goberno. Como recordo queda o xardín, grande e tranquilo,
con trazado tipicamente francés, e deseñado por Le Nôtre en
1664, sendo rexente Catherine de Médicis; tamén permanece
o Arco
de triunfo do Carrusel, erixido en 1808 para celebrar
as vitorias de Napoleón e que servía de entrada triunfal ao
pazo. Ao fondo do xardín atopamos dous museos: a
Orangerie, que alberga os famosos Nenúfares de
Monet e o Jeu
de Paume,
que dá cabida a excelentes exposicións temporais de arte contemporánea.
PRAZA DA CONCORDIA
"Concordia" significa "Harmonía", pero as vivencias da praza
son outras ben distintas, xa que durante a Revolución foi
o lugar elixido para colocar a guillotina, e así a praza foi
testemuña da execución de Luís XVI e de Mª Antonieta, entre
outros. É en 1795 cando a praza é bautizada co seu nome actual:
Place de la Concorde, nome dado en sinal de reconciliación.
Uns anos máis tarde, Napoleón embelece a praza co espléndido
Obelisco de Luxor, traído
das súas campañas por Exipto; o obelisco, en granito rosa,
cun peso de 230 toneladas e unha altura de 23 metros, ten
unha antigüidade duns 3000 anos. A praza ten unha superficie
de 8 hectáreas, o que fai dela unha das prazas máis grandes
do mundo. As dúas fontes que posúe están inspiradas nas da
praza de San Pedro de Roma e as 8 estatuas de mulleres personalizan
as grandes cidades de Francia. A ponte da Concordia une a
beira dereita coa beira esquerda. En ambos os estremos sitúanse
a igrexa da Magdalena e a Asemblea Nacional, que cos seus
pórticos de columnas antigas, fainos recordar a fisionomía
dos templos gregos.
OS
CAMPOS ELISIOS
Os Campos Elisios forman unha longa avenida de 1880 m . Esta
gran avenida, a máis bonita do mundo, segundo din, é hoxe
cos seus cines, os seus restaurantes, os seus hoteis de luxo,
as súas galerías comerciais, o xentío de persoas que pasea
día e noite, ao longo das súas anchas beirarrúas, o símbolo
da vida e do dinamismo de París. Subindo polos Campos Elisios
descubrimos dous grandes edificios de pedra, ferro e cristal:
o Gran Palais e o Petit
Palais, que foron construídos con motivo da Exposición
Universal de 1900. Actualmente o Gran Palais acolle ao longo
do ano importantes exposicións temporais; para os amantes
das estrelas, hai tamén un Planetario;
mentres que o Petit Palais é a sede do museo
de Belas Artes da cidade de París.
ARCO
DE TRIUNFO
Construído entre 1806 e 1836 para celebrar os triunfos do
exército de Napoleón, convértese cos anos nun "símbolo nacional",
nun "xigantesco altar da Patria". Os romanos construían arcos
despois das súas vitorias. Napoleón admiraba todo o relacionado
coa Roma antiga, de aí que os imite, facendo do Arco de Triunfo
un arco romano á francesa. O primeiro acto na historia do
Arco de Triunfo ten lugar en 1840, nun duro día de inverno.
A pesar da neve, miles de parisinos acércanse a este monumento
para renderlle homenaxe a Napoleón, morto en Santa Helena.
O féretro, despois da súa exposición baixo o Arco, percorre
a avenida dos Campos Elisios, tirado por dezaseis cabalos.
A partir dese día, o Arco de Triunfo será o lugar elixido
para celebrar os grandes acontecementos históricos da nación
francesa., xa que corenta e cinco anos máis tarde todo París
acudirá á inmensa procesión que ten lugar na gran avenida:
entérrase o gran poeta de París, Víctor Hugo. Anos máis tarde,
en 1944, será o escenario dos impresionantes desfiles militares
celebrados con ocasión da liberación. E en 1989, volverá a
ser escenario das festas celebradas con motivo do bicentenario
da Revolución Tamén, todos os 14 de xullo, os cidadáns cítanse
no lugar para contemplar o desfile militar que baixa pola
avenida, ao mesmo tempo que os avións do exército sobrevoan
o Arco. Pero non podemos esquecer que o Arco e a avenida viven
tamén horas tráxicas e terribles, como o día no que o exército
de Hitler desfila pola avenida. Baixo o Arco de Triunfo atópase
a tumba do Soldado descoñecido. O corpo dun soldado, cuxo
nome se descoñece, e que foi abatido durante a guerra de 1914-1918,
repousa nela.
A DÉFENSE
A Défense é un barrio completamente novo, un barrio de negocios
de aspecto americano, que se empezou a construír en 1958.
Destaca o Gran Arco da Defensa, inspirado no Arco de Triunfo
dos Campos Elisios , aínda que é máis grande. Inaugurado en
1989, este enorme cubo aberto que podería acubillar a catedral
de Notre-Dame coa súa agulla, está composto de 36 pisos dedicados
a oficinas, e ofrece dende a súa terraza de 150m2 unha fermosa
vista de París.
La voie triomphale avance en ligne droite du Palais du Louvre
à la Défense, sur 9 kilomètres. Cette
grande promenade offre une de plus belles perspectives de
Paris: l'arc du Carrousel, le jardin des Tuilleries, la place
de la Concorde, les Champs-Elysées, l'Arc de Triomphe
de l'Étoile et l'Arche de la Défense; constructions
monumentales érigées à travers l'histoire
pour symboliser le prestige de la France.
|
Le
Faubourg Saint Honoré et le quartier de l'Opéra
|
Cines, bancos, restaurantes, soportais comerciais, "passages"
e teatros, dan vida a un dos barrios máis animados da capital.
A Opéra (Palais Garnier) destaca no medio dos "Grands Boulevards"
polos que sempre é un pracer pasear, xa que sempre hai algo
que ver. Chámaselle familiarmente "Grands Boulevards" a unha
longa serie de avenidas que unen a Madeleine coa praza da
República.
O FAUBOURG SAINT HONORÉ
Esta rúa comercial é o paraíso das tendas de luxo e de alta
costura: Yves Saint-Laurent, Sonia Rykiel, Ungaro, Chloé,
Hermès, Armani, Prada... Nel atópase tamén o Palais
de l'Elysée, residencia oficial do Presidente da
República francesa dende 1873.
A MADELEINE
Nome que sen dúbida os lectores de Proust asociarán á súa
obra, pero que en realidade é outra nova edificación napoleónica
destinada a celebrar as vitorias da "Grande Armée" que se
parece máis a un templo grego que a unha igrexa cristiá. O
barrio é moi elegante e tamén outra das esquinas das tendas
de luxo. O maior atractivo desta zona para os gourmets son
sen dúbida os dous edificios das tendas Fauchon,
onde serven as mellores especialidades gastronómicas e cuxos
escaparates son dignos de figurar nun museo. Os bulevares
da Madeleine e dos Capuchinos condúcennos o edificio máis
impresionante e opulento de París: L'Opéra Garnier.
A
OPÉRA GARNIER
Comezada a construír polo arquitecto Charles Garnier en 1860,
a petición de Napoleón III, o teatro da Opéra será inaugurado
15 anos máis tarde. A visita merece a pena para admirar a
impresionante escaleira de mármore, así como as pinturas do
teito do teatro feitas por Chagall en 1964. Dise que a Opéra
está habitada por un fantasma, pero de momento ninguén pode
presumir de terse atopado con el.
OS
GRANDS MAGASINS
Ao longo do boulevard Haussmann levántanse os grandes almacéns
máis famosos de París: Galeries
Lafayette e Printemps. Construídas a finais do século
XIX, representan cos seus grandes escaparates, as súas estatuas
doradas e as súas cúpulas de cristal, o orgulloso comercio
da época. En París, ¡incluso as tendas son monumentos!
|
Du
Palais Royal à la Place Vendôme
|
A
avenida da Opéra lévanos ao PALAIS
ROYAL . Este gran rectángulo de antigas casas que
rodea a un tranquilo xardín é un remanso de paz que se descubre
camiñando polos soportais e as galerías da Comédie-Française.
Os xardíns do palacio son espléndidos e o patio sorprende
pola súa decoración de columnas brancas e negras de diferentes
tamaños, deseñadas por Daniel Buren.
PLACE VENDÔME
Sinónimo de luxo. A praza é un magnífico octógono regular
ó que se accede por diferentes rúas embelecidas polos escaparates
das grandes xoierías parisinas: Cartier, Boucheron, Van Cleef...
Na praza sitúase tamén o famoso e luxoso hotel Ritzs, aloxamento
dos "mitos e personalidades" actuais. No centro da praza,
destaca e chama a atención a coñecida colonne
Vendôme, inspirada na columna de Traxano
en Roma. Esta columna foi mandada construír por Napoleón:
cunha altura de 160 m, está decorada con baixo-relevos
realizados co bronce fundido dos canóns capturados aos rusos
e aos austríacos na batalla de Austerlitz. Estes baixo-relevos
contan as principais proezas feitas polo exército de Napoleón
entre 1805 e 1807. A columna está rematada por unha estatua
de Napoleón, vestido de César.
O
QUARTIER DES HALLES
É unha mestura de vellas rúas bordeadas de casas con balcóns
de ferro forxado, inmobles novos e modernos, de tendas e de
fast foot.
A
igrexa de Saint-Eustache
é unha das máis fermosas de París, mestura de gótico (interior),
clásico (fachada), e renacemento (decoración). Actualmente
serve de escenario a concertos de música sacra.
A fontaine des innocents,
erixida en 1549, única fonte de estilo renacentista que se
conserva en París, é un dos máis fermosos e pequenos monumentos
da cidade.
A torre Saint-Jacques,
entre a praza Châtelet e o concello, fermoso campanario gótico
que é todo o que queda da igrexa de Saint Jacques-de-la-Boucherie
(1523), na que se reunían os peregrinos de paso para Santiago
de Compostela.
O
FORUM DES HALLES
substitúe o famoso mercado de abastos de Batard, tan apreciado
por Zola; o escritor describe a "les Halles" como o "ventre
de París", xa que alí se asentába o mercado cuberto da cidade
á que abastecía de carnes, froitas e verduras. Nos anos 60,
o mercado é trasladado ás aforas da cidade, debido aos problemas
circulatorios ocasionados pola entrada masiva de camións.
Pero como remodelar a zona? Durante anos, un inmenso burato
desfigura ese centro da cidade. En 1979, o alcalde Jacques
Chirac inaugura o Forum: atrevida arquitectura de cristal
e de metal, composta de varios niveis, algún subterráneo,
que encerra máis de 250 tendas de moda, cines, restaurantes
e o Centro Oceánico Cousteau. Aos Halles pódese chegar directamente
en RER, xa que acolle tamén a estación de metro-RER máis grande
de París, e din que é o centro de transportes máis grande
do mundo. Actualmente, o Forum e a súa estación é un dos puntos
de encontro da xuventude parisina.
O
CENTRO GEORGES POMPIDOU
Un
día de 1977, os parisinos descobren unha cousa rara que se
levanta no medio do corazón de París: un gran edificio de
cristal, exteriormente cuberto de tubarías e conductos en
cores chamativas. Trátase dun novo museo: o museo nacional
de Arte moderna, que será coñecido polo nome de Centre Pompidou
(en recordo do Presidente da República que inicia o proxecto),
Centre Beaubourg ou simplemente Beaubourg (nome do barrio
no que está asentado). Como a Torre Eiffel no seu momento,
o centro é obxecto de controversias; os seus detractores chámano
sarcasticamente "refinería de petróleo", "fábrica mal pintada",
"montón de tubos e bocas metálicas", "papeleira de chatarra"...
Non obstante, este gran centro cultural exerce unha gran fascinación
e é o museo máis visitado de Francia. Beaubourg é un polo
de atracción para todos os parisinos, un museo para todo o
mundo, incluso para a xente que non é amante dos museos, xa
que é un lugar no que non dá medo entrar. O Centro está dividido
en diferentes plantas. Na planta terceira e cuarta podemos
admirar as obras de Dalí, Picasso,
Braque, Léger, Matisse, Chagall, Max Ernst, Magritte, Miró,
Kandinsky, Pollock, Calder...A quinta planta está
dedicada ás grandes exposicións temporais, ás que todos os
parisinos acoden. Polas famosas escaleiras mecánicas, chégase
á última planta que ofrece unha marabillosa panorámica de
París. Pero Beaubourg conta tamén cunha biblioteca e unha
mediateca accesibles a todo o mundo. Na salas pódense consultar
todo tipo de libros, revistas ou vídeos. Para os amantes das
linguas estranxeiras, o laboratorio de idiomas ofrece a ensinanza
de noventa linguas diferentes. Á noitiña o edificio resplandece
totalmente iluminado e a biblioteca é tomada polos estudantes
ata as 22 h., que é cando pecha as súas portas. Cerca de Beaubourg,
na praza Igor Stravinsky,
pódense admirar as esculturas coloristas que xiran no estanque,
obra dos artistas Jean Tinguely e Niki de St-Phalle.
Cerca
do quartier des Halles, do Forum e de Beaubourg, cara ao leste
atópase o Marais. Hoxe é difícil imaxinar que este barrio
tan elegante foi orixinariamente unha zona pantanosa insalubre.
Só o nome do barrio recorda actualmente esa lonxana época.
O Marais é un barrio no que abundan as mansións, "les hôtels",
pero non os hoteis para aloxar os viaxeiros, senón os chamados
"hôtels particuliers", é dicir, pequenos palacetes construídos
a principios do século XVII por importantes familias nobres.
Estes palacetes pódense admirar sobre todo nas rúas de les
Francs-Bourgeois e na rúa Saint-Antoine; pero tamén L'Hôtel
de Beauvais (rúa François Mirón, nº 68), no que
Mozart, sendo neno, deu un concerto ; L'Hôtel
Carnavalet (rúa Sévigné), que alberga o Museo da
Historia de París; L'Hôtel Salé,
sede do museo Picasso
en París; L'Hôtel de Rohan
(rúa vieille-du-Temple, nº 87) ou L'Hôtel
de Soubise ( rúa Francs-Bourgeois, nº 60) edificado
en 1704, sede do museo da Historia
de Francia e sede dos Archivos nacionais. A finais
do século XVII, os nobles abandonan este barrio e van vivir
a Versalles, residencia do rei Louis XIV. Pasan tres séculos
nos que París se esquece do Marais. Actualmente é un dos barrios
de moda e está moi protexido.
A
PLACE DES VOSGES
é unha gran praza de forma cadrada, lugar elixido na época
dos Tres Mosqueteiros para baterse en duelo. Hoxe, esta praza
rodeada de soportais é un dous lugares máis encantadores de
París. Hai que engadir que é a praza máis antiga de cidade,
e a máis bonita, e que nela pode visitarse a casa de Víctor
Hugo, convertida en museo Víctor Hugo.
A
PRAZA DA BASTILLA
é sobre todo coñecida polos acontecementos históricos que
nela se desenvolveron. Construída no século XIV, a Bastilla
era a prisión do Estado, o símbolo do absolutismo real. A
toma da Bastilla polo pobo de París o 14 de xullo de 1789
marca o principio da Revolución Francesa e A fin do feudalismo
europeo; é símbolo de liberdade e foi elixida polos franceses
como data para celebrar a festa nacional. No centro da praza
, elévase a "Colonne de Juillet" que mide 52 metros de alto
e que está rematada polo "Espírito da liberdade"; pero esta
columna non foi erixida para conmemorar a Revolución de 1789,
senón a Revolución de 1830. Inaugurada no bicentenario da
Revolución Francesa en 1989, a nova
ópera da Bastilla é o novo templo da arte lírica
parisina. Criticada e deostada como paquebote xigantesco e
monstroso para uns e obra mestra da arquitectura contemporánea
para outros, a ópera da Bastilla desata as paixóns.
|
Le
Quartier Latin et Saint Germain-des-Prés
|
O
Barrio Latino é, dende a Idade Media, o barrio dos estudantes.
O bulevar Saint Michel, cheo de cafés, restaurantes, cines
e librerías é o seu centro de animación. Pero no barrio destaca
especialmente a Sorbona. En 1253 Robert de Sorbon funda un
colexio para pobres que alcanzará fama internacional: La
Sorbonne. De aí, desa tradición universitaria,
procede a orixe deste nome un pouco raro "Barrio Latino",
xa que profesores e estudantes se expresaban en latín. O Quartier
Latin asóciase tamén coas grandes manifestacións que tiveron
lugar durante as protestas do maio de 1968. Na beira esquerda
do Sena, a primeira indicación da entrada no barrio dánola
a Fontaine de Saint-Michel. Pola parte de atrás da fonte,
nun fermoso curruncho do París medieval, no que se erixe a
igrexa de Saint- Severin
(unha das máis elegantes da cidade), atopamos unha zona peonil
con pequenas rúas polas que se pode deambular e soñar: rue
de la Huchette, co coñecido teatro de "la Huchette", no que
se representa dende hai 50 anos A cantante calva de Ionesco;
rúe de la Harpe, rúe du Chat-qui-Pêche, a rúa máis estreita
da cidade...
Para os estudantes o Quartier Latin comprende o bulevar Saint-Michel,
que se estende dende a fonte ata o xardín de Luxemburgo, e
o bulevar Saint-Germain, que termina no teatro do Odeón. Subindo
polo bulevar Saint-Michel, pasando por diante da Sorbona,
no alto da colina Sainte Geneviève, ao final da rúa Souflot,
encontrámonos un monumento moi suntuoso: Le
Panthéon.
O Panteón ía ser unha igrexa dedicada á patroa da cidade:
Santa Xenoveva; pero a Revolución transfórmao nun templo destinado
a acoller as tumbas dos grandes personaxes da liberdade: Voltaire,
Rousseau, Hugo, Zola, Jaurès, Moulin, Os Curies.. Por detrás
do Panteón, o barrio continúa por pequenas rúas moi frecuentadas:
rue Clovis (na que se ergue un dos monumentos máis singulares
de París: l'église de Saint-Étienne-du-Mont),
rúe Mouffetard, place de la Contrescarpe coñecida polo café
"La Chope" ao que Hemingway ía a escribir e Georges Brassens
cantar... O barrio disfruta de varios xardíns: o Jardin des
Plantes (botánico) e o Jardin
du Luxembourg, admirable xardín tipicamente
francés, frecuentado por artistas, namorados, familias...
No século XVIII o gran pintor Wateau encontraba a inspiración
neste xardín. O escritor Théophile Gautier ía pasear acompañado
dunha langosta atada con unha cinta azul. Tamén o filósofo
Jean-Paul Sartre fala a miúdo das árbores do Luxemburgo na
súa obra Les mots.. No xardín érguese o "Palais
du Luxembourg", encargado por María de Médicis, esposa
de Henrique IV. Nunha das esquinas do xardín, á dereita do
palacio, pódese admirar a Fontaine des Médicis. Durante a
Revolución o palacio convértese en prisión. Dende 1879 é a
sede do Senado.
SAINT
GERMAIN-DES-PRÉS
En Saint Germain, París é ao mesmo tempo intelectual, histórico,
turístico e provinciano. Durante a Idade Media, os estudantes
ao saíren da Sorbona ían pasear por Saint Germain. A
igrexa de Saint Germain-des-Prés, a máis antiga
de París dálle un aspecto moi provinciano a este barrio. Esta
igrexa é un dos mellores exemplos da arte románica en Francia
e acolle a tumba de Descartes.
Frecuentado por intelectuais e filósofos, Saint Germain é
un barrio animado, no que destacan tamén varios cafés : "Les
deux Magots" ao que Sartre tiña costume de ir escribir
todas as mañás, ocupando sempre a mesma mesa; "Le Flore" no
que perdura o recorde de Malraux, Camus, Jacques Prévert,
Guillaume Apollinaire, Simone de Beauvoir, tamén o de Sartre...
Actualmente estes cafés seguen a ser frecuentados por escritores
e artistas. Enfronte, na outra beirarrúa a "Brasserie Lipp"
é lugar de encontro de políticos e periodistas.
O MUSEO D'ORSAY
Situado na rúa de Bellechasse, é un dos museos máis recentes
de París. O edificio é unha antiga estación de ferrocarril
que ía ser demolida nos anos 60, pero que foi transformada
nun soberbio museo no ano 1986. Acolle obras da segunda metade
do século XIX, en particular obras dos impresionistas Renoir,
Manet, Monet, Sisley, Pisarro... e obras dos postimpresionistas
Cézanne, Van Gogh, Gauguin, Rousseau...
Da antiga estación consérvase a estrutura, o teito de cristal
e o gran reloxo.
|
Du
côté de la Tour Eiffel
|
A
TOUR EIFFEL
Construída
para a Exposición Universal de 1889 (exposición realizada
para celebrar o centenario da Revolución), a dama de ferro,
do enxeñeiro Gustave Eiffel, tiña como obxectivo asombrar
o mundo. Obxectivo conseguido, pois continúa a asombrar aínda
hoxe, sendo o monumento máis coñecido, o máis fotografado
e o máis admirado. Este "mecano" xigante de 320 metros de
altura, sostido por dous millóns de remaches, facilita unha
soberbia panorámica de París e dos seus arredores. Aos pés
da Torre Eiffel esténdense os xardíns chamados Champ
de Mars; na época de Napoleón é o lugar de adestramento
dos cadetes da Academia Militar, harmonioso edificio que mira
á Torre Eiffel dende o outro lado do Champ de Mars. Hoxe,
o parque é un lugar de paseo e descanso para parisinos e turistas
fatigados.
O PALAIS DE CHAILLOT,
érguese fronte á torre Eiffel, pero ao outro lado do Sena.
Foi construído para a Exposición Universal de 1937. É sede
de catro museos: o museo do home,
o museo da mariña, o museo
dos monumentos franceses que expón as catedrais
e os castelo de Francia en miniatura e o museo
do cine.
Dende a explanada do Palais de Chaillot, coñecido tamén polo
nome de palais du Trocadéro,
nome co que se designa a praza e as súas fontes , gózase dunha
magnífica vista da Tour Eiffel e do Champ de Mars.
O
PALAIS DE TOKYO,
situado na avenida do Presidente-Wilson, moi cerca do palais
de Chaillot, acolle o museo de Arte
moderna da cidade de París. Nel podemos ver o cadro
máis grande do mundo "A fada electrizada"
de Dufy, así como admirar obras de Picasso, de Modigliani,
de Chagall... e importantes pinturas cubistas e fauvistas.
A sección Animación-Investigación-Confrontación organiza exposicións
de arte contemporánea nas que teñen cabida todas as tendencias
vangardistas.
OS
INVÁLIDOS
Recoñecible grazas á elegante cúpula dourada da súa igrexa,
Os Inválidos constitúen un inmenso conxunto monumental, cuxo
nome está ligado á súa historia, xa que o edificio foi construído
baixo as ordes de Louis XIV para albergar os soldados feridos
e inválidos. Actualmente, o edificio acolle o museo do Exército
e a tumba de Napoleón:
obra suntuosa que ten máis un valor simbólico que arquitectónico.
Napoleón, cuxos restos descansan en seis ataúdes, un dentro
doutro, quería xacer á beira do Sena entre os franceses aos
que tanto quería... E aínda hoxe son miles os franceses que
visitan o sarcófago do Emperador.
O
MUSEO RODIN (rue
Varennes). Ao leste dos Inválidos, atópase o museo Rodin,
instalado nunha espléndida mansión, l'hôtel
Viron, construída en 1728 por Jacques Gabriel,
pai do arquitecto favorito de Louis XV. A principios de século
esta mansión servía de estudo a diferentes artistas: Matisse,
Jean Cocteau, Rodin... O espazo actual permanece case inalterado
dende esa época e acolle unha gran parte da obra do escultor,
que foi adquirida polo Estado despois da súa morte, entre
elas a maxistral escultura de Le
Baiser. O elegante palacete está rodeado dun agradable
xardín no que destacan dúas esculturas: Le Penseur
et Les Bourgeois de Calais.
Sen
Montparnasse, o monte das musas e dos poetas, París non sería
París. É un barrio que respira arte e cultura, como o testemuñan
os numerosos teatros, cafés-teatro e estudos de artistas.
Terminada a guerra de 1914-1918, moitos pintores, escritores
e intelectuais trasládanse a vivir aquí e convérteno no centro
da vida cultural de París; entre outros o "Grupo de Picasso",
Soutine (pintor ruso coñecido polo emprego de cores fortes
e violentas), Chagall coa súa pintura poética, Klee cos seus
debuxos enigmáticos...; Cocteau, Bretón, Apollinaire, Hemingway,
James Joyce, Henri Miller... frecuentan as terrazas dos cafés.
Lenin e Trotski, refuxiados rusos, soñan con cambiar o mundo
sentados arredor dunha das mesas dos hoxe coñecidos cafés
"Dôme" ou "La Coupole". Aínda agora, varios artistas residen
e teñen no barrio o seu estudo.
Pero que queda hoxe de todo iso? Unha inmensa
torre proxectada cara ao ceo e que observa París
cunha mirada divertida; o cemiterio
de Montparnasse, no que descansan os restos de
Maupassant, Baudelaire, Sartre e moitos outros; e un bulevar
animado coa súa estación de ferrocarril, "Estación Montparnasse",
famosa no mundo enteiro e que cubre o oeste francés.
A
TORRE MONTPARNASSE
A pesar das discusións que provoca "La tour" construída en
1974, cunha altura de 209 metros, forma parte da paisaxe de
París e ofrece unha estupenda vista da cidade dende a súa
terraza superior. Das 59 plantas do edificio, 52 están ocupadas
por modernas oficinas nas que traballan arredor de 7000 persoas.
Ultimo
gran "lugar- souvenir" de París. Montmartre, situado ao norte
dos grandes bulevares, é un barrio moi turístico, sempre cheo
de xente. Foi un outeiro- La butte Montmartre- independente
de París ata 1860, época na que aínda funcionaban os muíños
de vento. Como consecuencia da subida dos aluguedes provocada
polas obras emprendidas por Haussmann , numerosos obreiros
trasládanse a vivir aquí; a eles, séguenos os artistas. Nun
dos restaurantes de Montmartre, "La
bonne Franquette", aínda se poden ler os nomes
de artistas que o frecuentaban para beber, comer, divertirse
e traballar: Picasso, Degas, Cézanne, Toulouse-Lautrec, Renoir...
Pero Montmartre serve tamén de inspiración a Van Gogh, como
testemuña un dos seus cadros. Tamén o cabaret máis coñecido
actualmente de Montmartre, ao que a xente acode aínda a cantar
e que é unha institución dende 1860, "Le Lapin agile", era
frecuentado polos poetas, cantantes e pintores. Ao anoitecer
todos estes artistas ían divertirse á parte baixa de Montmartre
(hoxe convertida en lugar de prostitución e de tráfico de
todo tipo), aos cabarets situados en Pigalle e La place Blanche.
Nestes cabarets "Le Moulin de la Galette" e "Le Moulin Rouge"
as bailarinas bailaban o French Cancán, mentres que Toulouse-Lautrec,
sentado na súa mesa, as debuxaba. Na parte alta de Montmartre
érguese "Le
SACRÉ-COEUR", un enorme edificio
branco, cunha gran cúpula que segundo algúns semella un xigantesco
pastel, edificado en 1871, unha vez apagados os efectos da
Comuna. Dende o exterior desta basílica a panorámica de París
é impresionante, xa que cos seus 130 metros de altitude o
outeiro de Montmartre é o punto máis alto de París. Detrás
da basílica encóntrase a place du
Tertre, na que se reúnen pintores que se ofrecen
para pintar retratos ou caricaturas.
En fin, todo o barrio de Montmartre, exceptuando estes lugares
altamente turísticos, conserva aínda un lixeiro aspecto provinciano.
Esta
páxina é o resultado da colaboración entre os alumnos de 4º
ESO e a súa profesora de francés no curso escolar 2002-2003.
|
|