páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
   
     
   
     
 
  Coco Chanel
     
  Thierry Sabine
 
     
     
     
     
     
     
 
Coco Chanel
 
     
 
 

"Plus une femme est féminine, plus elle est forte"

Chanel

 
 

Coco Chanel "Qui était d' un autre siècle", revolucionou o século XX, achegándolle á muller o confort e a comodidade reservados ó vestiario masculino e contribuíndo á súa emancipación.
Gabrielle Chanel nace en Saumur en 1883. O seu pai, case un vagabundo ó que ela adora, dálle o nome de Coco. A súa nai, enferma dende hai tempo, morre cando ela ten 12 anos. Abandonada polo seu pai nun orfanato, debe elixir entre facerse monxa ou continuar estudios. Escolle o último e empeza a ser consciente da diferencia entre o seu pasado pobre e o seu presente escolar, rodeada de rapazas ricas. Aprende a coser e é contratada nunha sombreirería.
Despois de varias vicisitudes e contratempos -cantante de cabaret, cocotte (muller de orixe pobre, que se introduce na alta sociedade, dándolle pracer e conversación ós homes; cortesá)-, coñece a Boy Capel, que lle ofrece unha pequena tenda na rue Cambon de París, xusto detrás do hotel Ritz. Así empeza a confeccionar sombreiros para as súas amizades. Ós sombreiros séguenlle os xerseis e os mini-vestidos negros. Todos queren parecerse a Coco, que pasa a formar parte da alta sociedade. Entre as súas amizades figuran Raymond Radiguet, Jean Cocteau, Stravinsky, Cécile Sorel, Misia Sert ou Picasso.
A partir dese momento a súa carreira é imparable. En 1921 lanza o seu perfume Chanel Nº5, primeiro perfume lanzado por un modisto. En 1928, presenta os seus primeiros traxes de muller, tan prácticos e sobrios que merecen figurar entre os máis grandes inventos de todos os tempos. Séguenlle as xoias de fantasía... En 1935 Chanel emprega a cerca de 4000 mulleres e vende os seus modelos por todo o mundo.

A Segunda Guerra Mundial pon fin á expansión do seu imperio. As turbias relacións que sostén cos ocupantes alemáns, os seus amores escandalosos, sepárana pouco a pouco da sociedade francesa e instálase en Lausanne (Suiza). En 1954, envexando o éxito de Christian Dior e con 71 anos, presenta unha nova colección: o traxe-xastre de la trenzada. O triunfo en América e no vello continente, incluída Francia, é rotundo e o estilo Chanel imponse como símbolo da muller liberada e seductora. Desa época proceden tamén o broche en forma de camelia, o bolso acolchado, distinguido co emblema da marca, o dobre "C", e o perfume Chanel Nº 19.
Morre en 1971 e os seus restos repousan en Lausanne, nunha tumba rodeada de cinco leóns de pedra. Non casou nunca, pero sempre tivo un home ó seu lado. Os seus amantes adorábana porque era independente e misteriosa. Atraía ós homes vinte anos máis novos, incluso cando ela tiña máis de sesenta. Encontrou moitos problemas na súa vida, particularmente no seu traballo, pero sempre logrou superalos e converteuse nun símbolo do século XX.

"Chanel vivait comme elle créait: librement, insolemment en se moquant des préjugés, des contraintes sociales et des règles établies...elle incarne une nouvelle féminité."

Rocío Salgueiro e Patricia Vilariño, 2º Bach
(Este artigo foi publicado no nº 3 de Camballón.com)

 
     
     
 
Thierry Sabine
 
     
 
O rally París-Dakar, a maior e máis difícil proba do motorsport do mundo, foi creada en 1978 polo francés Thierry Sabine. Esta carreira de coches, camións e motos, une a capital de Francia con diversos países de África e dura entre quince e trinta días.
Esta proba foi posible debido ó contratempo sufrido por Thierry Sabine, que ó participar no rallye Abidjan-Nice, no ano 1977, perdeuse no deserto do Sahara. Nesta época, tanto os participantes como os organizadores deste tipo de
 
 

competicións non estaban ben preparados para a busca e socorro de participantes.
Despois de tres días de busca, esta foi cancelada. Pasados uns días, Thierry, desesperado, planea entón o seu suicidio ó modo tuareg, consistente en expoñer a caluga ó sol para que a lingua inche e provoque a asfixia. Por sorte, un pequeno avión avistouno e salvouno.
Despois deste suceso, Thierry Sabine volve a Europa abraiado polo deserto e decidido a compartir esta paixón. Entón imaxina a súa propia proba: partindo de Europa, atravesando os desertos máis míticos e acabando en Dakar. O proxecto concrétase rapidamente. O lema de Thierry será, a partir dese momento, "Un défi pour ceux qui partent; du rêve pour ceux qui restent" ("Un reto para os que parten, un soño para os que quedan").

  O primeiro París-Dakar comeza na praza de Trocadero (unha mítica praza de París), o día 26 de decembro de 1978. Cento setenta participantes marchan á aventura nunha carreira de 10.000km. polas pistas de Alxeria, de Níxer, de Mali, do Alto-Volta e de Senegal.

A partir desta primeira vez, o Dakar ve aumentar o número de participantes; a loxística tamén pasa a ser importante (restauración, avións vixilantes e organizadores, medios de comunicación...). As polémicas, controversias e dificultades entre os participantes fan vibrar ó público, sentado comodamente diante da televisión. Os grandes constructores desembarcan progresivamente (Yamaha, Honda, BMW, Porsche, Peugeot...). En 1984, Thierry decide ampliar as fronteiras e o percorrido será cada vez máis longo: pasa por Guinea, Serra Leona e Mauritania. A lenda e o número de participantes continúa aumentando.
En 1986, Thierry Sabine, o cantante francés Daniel Balavoine, a periodista Nathaly Odent, o piloto do helicóptero Xavier-Bagnoud e o técnico de radio Paul Le Fur morren despois de sufriren un accidente de helicóptero, debido a unha tormenta de area. As súas cinzas serán esparexidas por ese deserto e a carreira París-Dakar continúa realizándose hoxe en día.


Marcos Asorey , J.Ramón Cao , J. Antonio Vilariño, 2º Bach.
(Este artigo foi publicado no nº 3 de Camballón.com)

 
     
 
Volver ó índice de La langue...
 

 

 

 

índice de francés | arriba
 
   
 
     
iescamballon@terra.es