páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 
Xosé Fernández Ferreiro: Millo verde, Xerais, 2002, 175 páxinas
 
 

Xosé Fernández Ferreiro, poeta, narrador e xornalista galego nacido en Nogueira de Ramuín no 1931, é o autor desta novela realista e de intriga que tan en conexión está coa corrupta actualidade na que nos movemos. O fío argumental da historia condúcenos pola situación de sufrimento que rodea a vida de Xosé Manuel Ortiz Cancela, profesor do instituto Concepción Arenal ó que se lle imputa a violación de María Teresa Seoane Iglesias, unha moza de dezasete anos que acudía ás súas clases. Tras estas acusacións a reputación do protagonista poñerase en dúbida, converténdose para os ollos da masa nun noxento violador; problema que el puido evitar se accedera á chantaxe que o pai da suposta víctima, anteriormente, lle propuxera, consistente en achegar unha determinada cantidade de diñeiro a cambio do seu silencio. A percepción de carácter, obviamente negativa, xeralizada do pobo atópase reforzada polo constante bombardeo dos medios de comunicación, especialmente dos xornais e da radio de Vilagrande, que son os encargados de especular coa realidade coa única finalidade de lucrarse. Este rexeitamento tamén afecta á familia máis achegada do licenciado (muller, fillos e pais); sendo estes, xunto con algúns compañeiros do centro, os únicos que confiaron incondicionalmente, a pesar da existencia de vagas dúbidas, na súa ¿inocencia? Esto demostra a importancia que nesta novela ten a amizade; unha amizade que é capaz de loitar contra as feroces críticas da opinión pública.

Todo este caótico contexto no que se desenvolve a nova vida dos personaxes principais crea unha agonía moi marcada en Xosé, levándoo en ocasións a unha feble distorsión da realidade que lle permite consumar en soños algúns desexos sexuais do seu propio Iso. A espera do xuízo prolongouse durante un extenso ano no que as aldraxes, as discriminacións, o insomnio e a soidade foron a constante no día a día desta familia da vila de Babío. Mais a súa incerteza remata co fallo do xuíz a favor da adolescente; sen embargo, os sucesos toman un camiño moi distinto cara ó final da novela. Os acontecementos son relatados por un narrador en terceira persoa omnisciente, pero tamén aparece o autor implícito na obra, permitíndolle isto inmiscirse máis no mundo que el mesmo crea.

Dende o punto de vista formal non nos convenceu a forma de narrar os feitos, posto que en ocasións se fai moi repetitiva e o tempo discursivo é, ademais de lento, demasiado lineal para o noso gusto, preferindo pois algo con máis contrastes temporais e se cabe máis dinámico. Aínda así a parte final espertou en nós bastante interese xa que mostra un desenlace inesperado e aberto ás diferentes suxestións do lector. Finalmente, respecto ó contido, gústanos o enfoque que lle proporciona ó tema da violación sexual a menores aínda que prefeririamos un maior énfase á hora de describir a situación da rapaza. Tamén compartimos co autor a feroz crítica que realiza cara ós medios de comunicación, posto que os describe como medios materialistas que non teñen entre os seus principios a transmisión de información obxectiva ós cidadáns, senón manipular a realidade ó seu antollo para facela máis atractiva; técnica ante a cal a inmensa masa da poboación non se mostra crítica, engulindo a información que queren que engulan. Así mesmo, queremos rematar dicindo que nos parecen moi ilustrativos algúns comentarios que se introducen disimuladamente ó longo da obra e nos que se critican aspectos da política galega actual.

Lidia Espiño e Patricia Méndez, 2º Bach., decembro de 2002

Volver ó índice de Para ler

 

 
índice de lingua galega e literatura | arriba
 
   
 
     
iescamballon@terra.es