| |
O
personaxe protagonista deste libro é Camilo Sabio Doldán,
un ancián de oitenta anos que fai un percorrido pola súa vida
e, en certa maneira, tamén pola de súa nai e seus avós. No
principio expónsenos a magnífica relación que Camilo tiña
co seu avó, probablemente porque o seu avó Estevo era un home
moi intelixente ó que moita xente admiraba. Despois de que
este fose "paseado", Camilo irá uns anos para Vilaboa, onde
vivirá coa súa tía Lola, que ten uns corenta anos e leva dende
os vinte a agardar polo seu mozo Ricardo Fandiño, emigrado
en América. Será en Vilaboa onde Camilo coñecerá moitas das
persoas que terán grande importancia na súa vida, como por
exemplo Rosalía, a súa futura muller, Alexandre, Consuelo
ou Santi Noroeste. Cada vez irase metendo máis en política
e chegará a participar activamente en diversos actos para
defender as súas ideas, sendo estes movementos nalgúns casos
armados. Morrerán persoas que el admiraba, outras sairán feridas...
O home da súa tía Lola, que voltara de América pouco tempo
antes, tamén participará nesta loita con graves consecuencias,
que sumirán a Lola nunha desesperación que a conducirá a actos
sorprendentes. Camilo casará con Rosalía e marcharán para
Celas, terra natal do mozo. Por causa das súas ideas, xa que
el era anarquista, Camilo será perseguido. O único modo posible
que tiña para evitar ir á cadea era agocharse no monte, cousa
que fixo durante unha temporada ata que non puido coa soidade
e coa gana de ver os seus e acabou por ir ata a súa casa e
fabricar un agocho ata que Rosalía quedou embarazada... Camilo
ingresa no cárcere, onde ten como compañeiro un libro que
chegará a ser o salvador e o que lle permita saír da cadea.
Despois de todo este tempo, por fin pode xuntarse coa súa
muller e coa sua filla Branca. Camilo e Rosalía marcharán
para Montevideo, onde logo se reunirán coa súa filla. Despois
dalgún tempo alí, terán que volver porque reciben aviso da
grave enfermidade da nai de Camilo. Xa ó final da historia,
cando xa se nos fala en tempo presente do que lle acontece
a Camilo, móstrasenos o desenlace das súas dúas grandes preocupacións:
recuperar o libro que lle esquecera na cadea e a cegueira
do seu neto Lázaro. Persoalmente fago unha valoración moi
positiva deste libro, xa que é moi variado posto que trata
tanto temas de compromiso, amor, políticos e mesmo históricos,
porque fai un resumo das distintas etapas da nosa historia
máis recente como a II República, o agrarismo ou a tan importante
emigración galega. Pero, sen lugar a dúbidas, o que máis impacta
son as fermosas cartas que Camilo lle escribe a Rosalía, a
pesar de que ela xa levaba morta cinco anos, e tamén o relato
de todos os acontecementos que xiraron arredor da súa morte.
En definitiva, un libro moi interesante e moi variado á vez.
Luz
Pedreira, 2º Bach, marzo 2003

|
|