páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

Roberto Vidal Bolaño: Animaliños, Follas de Teatro, Santiago de Compostela. Edición e introdución de L. Alonso Girgado, Teresa Monteagudo e Manuel Quintáns, 2003, 171 páxs.

 
 

Roberto Vidal Bolaño foi, probablemente, o mellor autor de teatro galego dos últimos tempos. Actor, director e escritor, galardoado entre outros cos premios Rafael Dieste, Cunqueiro ou Cidade de Valladolid, conta na súa produción con obras como Saxo Tenor, As actas escuras, Agasallo de sombras ou Cochos, nas que se aprecia a súa vontade de estilo e renovación do teatro galego.
Froito desta vontade xorde Animaliños, derradeira peza do autor, que faleceu no ano 2002. Nela, tradición e modernidade mestúranse para formar un teatro actual, capaz de satisfacer as necesidades do público; un teatro non alleo ao compromiso social e aos problemas que rodean a poboación da nosa época, como é o caso da inmigración, o consumismo, a unidade familiar, os problemas para chegar a fin de mes, as aparencias,... Así, nela realízase unha crítica demoledora a través dun tema aparentemente tan ridículo como é unha praga de caracois nos xardíns dunha urbanización, que fan que os soños dos propietarios encarnados no xardín se frustren. No fondo escóndese unha dura realidade: a hipocrisía e a importancia das aparencias que provocan que un simple xardín se converta en centro de todos os desexos e na representación da felicidade para a xente. Pero esta mensaxe transmítese con altas doses de humor en todos os diálogos e situacións, o que, sen dúbida, fai máis amena a súa lectura.
A medida que vai transcorrendo a acción e a invasión destes "animaliños" vai medrando, tamén se vai incrementando a tensión e a desesperación entre os veciños ata chegarmos ao remate da obra, que supón tamén o remate das aparencias.
Cuns poucos personaxes (Tipo raro, Tipo e Tipa normais, Un, Dous, Tres, Home,...) e con diálogos breves logra representar o mundo actual mediante diversas "variacións", sempre cunha linguaxe coloquial.
Paréceme un libro moi recomendable e, ademais, unha boa ocasión para coñecer a un dos grandes do teatro galego. Na obra podemos disfrutar co contido e coa forma e tamén accedemos a unha visión irónica da sociedade, ríndonos de nós mesmos e dunha sociedade marcada polas aparencias e o diñeiro de xeito que chegamos a dubidar se os verdaeiros "animaliños" polos que debemos sentir mágoa son os caracois ou as persoas.

Laura López, 2º Bach, xaneiro de 2004

Volver ó índice de Para ler

 
índice de lingua galega e literatura | arriba
 
   
 
     
iescamballon@terra.es