páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

 
     
  O autor e a obra  
  Séchu Sende naceu en Padrón en 1972. Dentro da súa obra poética salienta Odiseas, publicada en 1998 na editorial Letras de Cal. É un conxunto de textos, algúns presentados en verso e outros dispostos como narración. Destacan nel temas como o amor, a liberdade ou o compromiso. E xa se intuía daquela que tiña talento para a narrativa, como o acaba de confirmar o Premio Blanco Amor que recibiu neste ano pola súa primeira novela, Orixe. Noraboa! que veñan moitos máis e se tal... reparte.
Retrato de Marisa Seijas
 
Caricatura de Verónica Varela
  Á parte de todo isto, dedícase a ser profesor de ensino medio e, ademais, organiza e participa nunha morea de actividades relacionadas coas plataformas Nunca Máis e Burla Negra.

Orixe é basicamente, segundo o autor, un canto á liberdade e á conciencia. Pero tamén é unha novela de amor, entretida, comunicativa e accesible a todos os públicos. Nela entrelázanse dous mundos: un persoal, no que Mario Negro e Laura se enfrontan á enfermidade de vertixe del, que obstaculiza o seu amor; e outro social, composto dunha serie de relatos nos que se observa o día a día duns personaxes sometidos a un réxime autoritario. En ambos os casos vemos unha situación adversa, pero tamén cómo esa xente vence os seus temores, creando un novo futuro e sociedade.
Polo tanto, Orixe é un claro retrato das inquedanzas e preocupacións da
nosa xeración e dos problemas que atormentan os países desenvolvidos do século XXI, como o noso, superados por unha visión optimista procedente da creatividade, mediante a que cada un pode crear un nova realidade, uns novos valores, unha nova orixe que nos alonxe das cousas que nos abafan normalmente...

Fragmento do artigo publicado no nº 4 de Camballón.com por Laura López, Zaida Quinteiro, Tamara Navaza, Eva D. Rey, Ana V. Pardo, Noelia Rodríguez, Verónica Varela, Raquel Sesto e Marisa Seijas de 2º BACH

 
     
  As presentacións do libro  
     
 
  Presentación de Orixe en Santiago
(8-5-04)
 
 
 


Eu voume adentrar en dous personaxes da novela, que son Laura e Mario.
Laura é a enfermeira que cobre o turno de noite no cal coñece a Mario. Este padece vertixe, unha vertixe tan forte que non lle permite abrir os ollos, camiñar, ler... O que a todos nos gusta.
Laura, a súa enfermeira, comeza a coller confianza co seu paciente e a contarlle historias das que ela mesma é a autora. De aí xorde unha historia de amor. E... sucédenlles diferentes aventuras a causa da enfermidade de Mario. Nelas eu non vou entrar porque senón xa non ten mérito a cousa.
Pola miña parte, xa non teño máis que dicir, tan só recomendo este libro porque, como indica o seu título, é moi orixinal.

Texto lido por Tania Arias, 3º ESO


 
 

A alguén lle oín
que a liberdade
é o seguinte paso
na evolución da especie.

Mais eu penso que
unha das pontes cara á liberdade
é orixe.

Orixe fíxome sentir
o mesmo que se sente
estando nunha ponte en soños.

Dende a cima, vendo correr
medos e arrepíos
por debaixo dos meus dedos.
Desexos coma o dedo maimiño
e ilusións coma a palma da man.

Todo ó meu alcance
e nada á miña man.
Só me queda esta ponte,
ORIXE,
que me levará á outra beira,
onde a liberdade
corre da man das abellas.

Un xoves, no voo dunha delas,
sentín como Séchu Sende
rescataba coa punta do lapis
aqueles raios de luz
que lle alumeaban as ideas.

Así, letra por letra
fixo unha cadea na súa fábrica de soños.
A cadea da liberdade,
sen ataduras e sen argolas.
Tan só feita coa ilusión,
con recordos que a un lle veñen á cabeza.

MOITOS SONHOS NUN CAMINHO
DE LETRAS...

A noite estrelada
de Vincent Van Gogh
 
 
 
 
Nacemento de Venus
de Sandro Botticelli
 
 

E unha última cousa: darlle as grazas a Séchu por concederme o luxo de estar hoxe aquí, presentando o seu libro, Orixe.

Orixe? Un canto á liberdade.

NUNCA MÁIS e NON Á GUERRA.

Texto lido por Karlota Salgado, 4º ESO

 
     
  Presentación de Orixe no noso instituto (24-5-04)  
     
 
Fai clic nas fotos para velas máis grandes
 
 
 
     
  @s lector@s-apicultor@s opinan  
 
   

 

"Unha afervoada apoloxía da LIBERDADE a través dunha excelente miscelánea narrativa".

 

 
 


PALABRAS VERTIXE, PALABRAS BELEZA, PALABRAS ABRAZO, PALABRAS ABELLA. Un panal de palabras:

"Gústanme as palabras. Sempre están aí cando é necesario."

"No hospital, a néboa nas pálpebras."

"Nos soños amaba os ángulos rectos e o horizonte era realmente horizontal."

"As cousas non son como as vemos."

"O home da corda frouxa. Aí vai o home inclinado."

"A súa beleza era a Beleza. Era asombrosa e familiar, violenta e fráxil. De feito, mirala unha vez non abondaba."

"A muller oxidada"

"O amor foi chegando ao mesmo tempo: eu invadía o seu embigo e ela, a miña caluga; ela, os meus medos, eu, o seu pasado; os seus nocellos, eu, ela, a miña suor; os seus vestidos, a cicatriz do meu brazo."

"E aprenderemos a chamar polos arcos da vella. E aprenderemos a cambiar o noso futuro. Podemos facelo."

"Levarémosvos todas as palabras que temos nas mans, nas rúas, nas escolas. E faremos máis na fábrica de soños"

BREVIARIO DE APICULTURA

1. O modelo Zakharov é o traxe ideal para os labores de apicultura. Pódese conseguir facilmente en ferraxerías, tendas de material agrícola e almacéns do país.

2. As abellas teñen un potente aguillón e unha glándula velenosa.

3. O exceso de feromona é un excitante que volve agresivas ás abellas.

4. Cando saen dunha colmea, as abellas saben perfectamente onde teñen que ir e o que teñen que facer.

5. Vacalouras, abellas e grilos non deben levarse de viaxe: son fráxiles.

6. O universo fala con nós continuamente. Vivimos rodeados de sinais. Milleiros de indicadores poden axudarnos a comprender mellor o camiño que van seguir a vida e a morte.
Por exemplo: se catro corvos se pousan á vez no mesmo lugar é que vai morrer un neno perto.

7. A vertixe mora nas marxes: nos cantos das mesas ou nos cavorcos.

8. Se fas o que sempre fixeches, terás o que sempre tiveches.

9. Un montón de herba é igual a outro montón de herba, ou dito doutro xeito: é preferíbel facer algo e arrepentirse, que non facelo e arrepentirse.

10. Unha fouce non fai sega.

Liberdade!

O home do traxe de apicultor

 

 
  Información na rede  
 
     
 

cultura
galega

 

el correo
gallego
 

la voz de
Galicia

 

Galicia
hoxe

 

 
     
 

Volver ó índice de Para ler

 
índice de lingua galega e literatura | arriba
 
   
 
     
iescamballon@terra.es