páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 
 
     
 

No curso 2001-02 as alumnas de 2º de Bacharelato de Humanidades elaboramos unha enquisa que constaba de oito preguntas arredor da temática amorosa (entendida en sentido amplo) na literatura galega. Enviámosllela, por correo electrónico ou carta tradicional, a 55 autores/as escollidos entre os máis coñecidos e os que máis nos gustan a nós. Respondéronnos, cordial e desinteresadamente, 34 deles. A seguir ímosvos falar dalgúns datos e conclusións extraídos deste inquérito.

A primeira pregunta referíase a se o amor, entendido en xeral, estaba ou non entre os temas predominantes da súa producción escrita; pois ben, a resposta maioritaria é afirmativa, un 75%. Neste apartado cabería salientar que Anxo Angueira comenta que se non fose así non escribiría nada ou que "tal vez só se pode escribir desde o amor e para o amor" como apunta Henrique Rabuñal. Mesmo os escritores que non consideran este tema como preferente nos seus textos, admiten certa presencia neles, tal é o caso de Cándido Pazó ou Miguel Vázquez Freire.

Se os nosos escritores teñen interese, como tales escritores, pola temática amorosa, é de supoñer que tamén serán lectores máis ou menos habituais deste tipo de textos. Foi por iso que lles solicitamos que escollesen o seu libro amoroso favorito de narrativa, poesía e teatro dentro da nosa literatura. Cinco autores non responderon esta pregunta alegando uns que non son capaces de escolleren unha única obra, outro confesa non ser lector habitual de literatura "adulta" e tamén hai quen opina que na literatura galega aínda non existen obras suficientemente consagradas como para citalas. Entre os que si contestaron algúns fixérono de xeito parcial, sobre todo no tocante ó teatro, posto que máis da metade non menciona ningunha obra; neste sentido, varios deles explícannos que non son lectores de obras dramáticas, aínda que si espectadores. Sobre este particular e á vista destes datos, cremos que o teatro necesita máis potenciación a todos os niveis e seguramente non estaría mal comezar polo ensino. Algo semellante ocorreu coa recomendación do libro de poesía, que tamén quedou incompleta, aínda que se compensou en certa maneira co feito de que os que responderon citaron con frecuencia máis dun título, polo que se revelan como ávidos lectores deste xénero e, nalgún caso, incluso en exclusiva. Quizás esto explique, xunto co feito de que boa parte dos autores son preferentemente poetas, que as recomendacións de títulos de poesía sexan (agás as cantigas medievais) máis recentes e variados ca en narrativa, onde se acode máis ós "clásicos". As obras máis citadas en narrativa foron Amor de Artur e O lapis do carpinteiro; en teatro Os vellos non deben de namorarse, Don Hamlet e A noite vai coma un río; finalmente, no campo da lírica destacan as cantigas medievais e mais os poemas a Moraima de Onde o mundo se chama Celanova, Con pólvora e magnolias e Prometo a flor do loto, aínda que as propostas son moi pouco unánimes. A seguir mostrámosvos todos os resultados de xeito máis detallado:

 
 

 

TEATRO 

OBRA

AUTOR/A

Nº VOTOS

Os vellos non deben de namorarse

Castelao

4

Don Hamlet

Cunqueiro

4

A noite vai coma un río

Cunqueiro

4

Criaturas

Vidal Bolaño

1

Eliana en ardentía ou Bernardo destemplado

Roberto Salgueiro

1

 

 
 

NARRATIVA 

OBRA

AUTOR/A

Nº VOTOS

Amor de Artur

Méndez Ferrín

6

O lapis do carpinteiro

Manuel Rivas

6

¿Que me queres, amor?

Manuel Rivas

3

Pensa nao

Anxo Angueira

2

Un millón de vacas

Manuel Rivas

2

A esmorga

Blanco Amor

1

Sabor a ti

Miguel Suárez Abel

1

Arraianos

Méndez Ferrín

1

Ábrelle a porta ó día

Darío Xohán Cabana

1

Crónica de Nós

Méndez Ferrín

1

O señorito da Reboraina

Otero Pedrayo

1

No ventre do silencio

Méndez Ferrín

1

Malaria sentimental

Xavier Queipo

1

O fidalgo e outras narracións

Otero Pedrayo

1

Cousas

Castelao

1

Amantia

Mª Xosé Queizán

1

 

 
 

POESÍA 

OBRA

AUTOR/A

Nº VOTOS

Cantigas medievais

Varios

4

Onde o mundo se chama Celanova

Celso Emilio Ferreiro

3

Con pólvora e magnolias

Méndez Ferrín

3

Prometo a flor do loto

Luz Pozo

3

Nós nus

Olga Novo

2

Días de Sherazade

Rafa Villar

2

Ausencias pretéritas

Miro Villar

1

Os teus dedos na miña braga con regra

Lupe Gómez

1

Poemas do si e non

Cunqueiro

1

Catálogo de velenos
Marilar Aleixandre
1

Arden

Ana Romaní

1

O soño sulagado

Celso Emilio Ferreiro

1

Poesía última de amor e enfermidade

Lois Pereiro

1

O livro das devoracións

Pilar Pallarés

1

O lume branco

X.M. Álvarez Cáccamo

1

 

 
 

Facendo unha lectura conxunta destas táboas concluímos que os autores que recibiron máis votos foron Méndez Ferrín e Manuel Rivas con 12, seguidos de Cunqueiro con 9. A máis distancia estarían Castelao con 5, Celso Emilio con 4 e Luz Pozo con 3. O grupo de dous votos confórmano Otero Pedrayo, Olga Novo, Anxo Angueira e Rafa Villar.

Como podedes observar, nos cadros anteriores xa tedes unha boa lista de lecturas para escoller. Mentres, e para ir abrindo boca, velaí vos vai unha selección das palabras máis bonitas relativas ó amor citadas por algúns dos autores/as enquisados/as. (Aínda que nós, como boas galegas, seguímonos preguntando ¿e o amor existirá? Esperaremos...)

 

 
 

"Recibe este rostro mío, mudo, mendigo
Recibe este amor que te pido
Recibe lo que hay en mí que eres tú"

Alejandra Pizarnik (citado por Yolanda Castaño)

"Comparar, en amor, é xa non amar"

J. Dyssord (citado por García Teijeiro)

 

"¡Es tan corto el amor y tan largo el olvido!"

Pablo Neruda (citado por García Teijeiro)

"Um dia
sen ouvir
a tua voz
é como descobrir
que o mar
morreu"


David Mourão Ferreira (citado por Miro Villar)

 

Relación de enquisados/as

1. Agustín Fernández Paz
2. Alfredo Conde
3. Antón Cortizas
4. Antón Lopo
5. Antonio García Teijeiro
6. Anxo Angueira
7. Cándido Pazó
8. Carlos Negro
9. Eduardo Estévez
10. Fina Casalderrey
11. Fran Alonso
12. Helena de Carlos
13. Henrique Rabuñal
14. Inma López Silva
15. Luis Rei Núñez
16. Luisa Villalta
17. Manuel Núñez Singala

18. Marica Campo
19. Marilar Aleixandre
20. Mario Pereira
21. Marta Dacosta
22. Miguel Suárez Abel
23. Miguel Vázquez Freire
24. Miro Villar
25. Rafa Villar
26. Suso de Toro
27. Xavier Queipo
28. Xosé Antón L. Dobao
29. Xosé Antón Neira Cruz
30. Xosé Carlos Caneiro
31. Xosé Mª Álvarez Cáccamo
32. Xosé Miranda
33. Xosé Neira Vilas
34. Yolanda Castaño

 

Este traballo foi publicado no número 2 de Camballón.com e realizárono Eva Saavedra, Estefanía García, Silvia Míguez, Silvia Varela,Alicia Brea, Natalia Couto e Lorena Couto, 2º Bach, curso 2001-2002.

Volver ó índice de investigación

 

 
índice de lingua galega e literatura | arriba
 
   
 
     
iescamballon@terra.es