|
1.
Cando era rapaza ¿xa quería ser escritora ou íase dedicar
a outra cousa?
Cando era rapaza eu quería ser mestra porque tiña unha moi
guai, así moi noviña, moi simpática, que á parte axudoume
moitísimo a ver as cousas doutra maneira, porque eu supoño
que cando es unha nena colles modelos do que tes ó teu arredor,
e para nada se me ocorrería ser escritora. Parecíame que aquelo
era de xente moi especial, doutro planeta. Considero que me
gusta escribir poesía e se hai alguén que se aventura a editala
encántame lela, pero sigo sen considerarme escritora nin aspiro
a selo; aspiro a facer ben o meu traballo, que é o periodismo,
e poucas cousas máis.
2. ¿A súa profesión como xornalista
inflúe nas súas obras?
Todo inflúe, toda a túa vida inflúe na poesía, no que escribes.
Pero a min inflúeme no sentido de que non me deixa tempo para
escribir, porque no periodismo non tes un horario. Eu escribo
tan pouquiño, non por falta de ideas, senón por falta de tempo,
porque require bastante.
3. ¿Por que escribe en galego?
Porque é o meu idioma, eu son galego-falante de toda a vida,
excepto o período en que estiven interna nun colexio de monxas
en Santiago, entón dixéronme que non se levaba e que tiña
que falar castelán; fixen o esforzo mentres estiven alí senón
castigábante, pero ó saír tiven claro que o galego era o meu
idioma.
4. ¿Cre que en Galicia só se debería
falar galego?
Eu creo que si. Todos deberiamos falar galego porque todos
somos galegos; é o noso idioma e temos que coñecer a nosa
historia e como o galego foi usurpado. A situación do galego
é moito máis que unha cuestión sentimental, é unha cuestión
de xustiza, de que por fin nos devolvan a dignidade que nos
pertence.
5. ¿Por que se dedicou á poesía e
non á narrativa ou ó teatro?
Porque supoño que inflúen aquelas primeiras cousas que liches
e che gustaron. Eu recordo os primeiros libros que lin, a
poesía de Pablo Neruda e gustáronme moitísimo aquelas cancións
de amor. Tiven un intento de escribir unha noveliña, pero
saíume mal. O teatro tamén me gusta, pero a min o que sae
de dentro é a poesía, porque é a estructura na que mellor
me podo expresar.
6. ¿Que opina dos outros poetas galegos?
Paréceme que agora é un momento poético impresionante, cando
hai moita cantidade hai máis calidade. En conxunto creo que
hai cousas valiosísimas e xente moi nova, mulleres, rapazas
moi novas, escribindo unha poesía moi boa, que é algo que
se vén botando en falta dende hai moitas décadas.
7.
¿Considérase unha persoa feminista?
Non é un feminismo teórico. Eu non vou por aí dando discursos
feministas, é un feminismo practicante. Son muller, vives
nun determinado contexto social, tes determinadas armas, que
son escasas, é dicir, recursos para defenderte nesa sociedade,
entón sempre pides máis e dis estes outros que me negan en
parte é por ser muller. Pois eu rebélome un pouco contra iso
e reivindico máis recursos para min como persoa e tamén para
ese colectivo de compañeiras que loitan polo mesmo.
8. ¿Que tipo de influencias ten á
hora de escribir?
Leo moita poesía e creo que a min inflúeme todo, son unha
persoa moi permeable e inflúeme o bo e o malo. Pero basicamente
non intento coller esquemas doutros poetas. Eu quero que o
meu esquema sexa meu propio, por eso creo que se algún mérito
teñen estes libros é que teñen o meu propio estilo. Non quero
que se parezan ós libros que escribe ninguén. Entonces, basicamente,
a inspiración son eu, a influencia é miña, aínda que todo
o demais te marca.
9. ¿Séguese identificando coa "Autopoética"
do 92?
Si, claro, total escribina non hai dez anos.
10. ¿Por que fai comparacións cos
paxaros, sobre todo coas pombas?
Porque é unha aldea chea de paxaros, é unha aldea de Mazaricos.
Mazarico é o nome dun paxaro e logo había paxariños por todos
os lados e agora xa non os hai, pero había moitos pombais;
entón ti colles as referencias que tes e tamén hai moitas
referencias ás abellas; na miña casa había cortizos e entón
falas do que tes ó arredor e do que recordas. Os nenos da
aldea pasabamos moito tempo observando as pombas; significan
moito para min, son moi femininas; é unha pura contradicción
en canto a que son tremendas, son bonitas, vense como moi
libres e moi pendentes de onde caen as migas de pan e moi
atentas a todo, e terribles: dúas pombas xuntas poden peteirarse
ata arrincarse os ollos. A pomba é un símbolo moi potente.
11.
¿Era realmente a aldea tal e como a describe?
A poesía é sempre metafórica. Cando ves as cousa con moita
distancia, velas tamén moi distorsionadas. Unha cousa é o
que ves e outra son os teus recordos; ó mellor había cousas
tremendas que esqueciches e había outras moi pequeniñas que
as magnificaches. É unha aldea metafórica.
12. ¿Por que non emprega signos de
puntuación, métrica e rima na súa poesía?
Paréceme que é encorsetar e eu non podo encorsetar a poesía
desa maneira, parécenenme recursos baldíos totalmente. Non
é por desprezar a rima, pero a min non me serviría para nada,
eu utilizo aquelo que pode enriquecer un pouco o poema como
determinados recursos estilísticos.
13.
¿Vai ou ten pensado publicar máis obras?
Pois teño o libro Cando levanta a brétema. Está escrito
dende hai moito tempo, ganara o premio Avelina Valladares
da Estrada e tiveron problemas, non chegaron a acordo coa
editorial Espiral Maior e entonces creo que o vai publicar
Xerais.
|