páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
   
     
 
Entrevista
 
     
  1. ¿Cales son os sucesos máis importantes na súa vida?

Sempre digo que me considero moi normal, e non lembro ningún suceso que me marcara especialmente; en todo caso, algo fundamental foi o contacto cos libros. Tamén certos profesores que tiven en COU, que me animaron a facer filoloxía e a escribir e ler. Agora mesmo algo que me está a marcar é o caso do Prestige, algo no que me gusta implicarme, e a plataforma Nunca Máis, para mostrar unha posición máis crítica.

2. ¿Como se describiría?

Non sei, coido que son unha persoa equilibrada, tímida, aínda que ás veces non o pareza, introvertida e individualista; procuro estar atento ó que pasa na sociedade e cando vexo unha cousa que considero xusta procuro implicarme, aínda que non berre nin proteste visualmente moito, pero gústame observar e escoitar a xente e estar atento a todo o que pasa. Penso que son unha persoa curiosa no sentido de que me gusta a vida e creo que o importante na vida é ter curiosidade e atención.

3. ¿Que lle vén á mente cando lle falan da escola?

Era unha escola privada e sempre rezabamos antes de empezar as clases; e sempre recordo, porque os tiñamos enfronte, o último discurso de Franco e o primeiro do rei de España, iso representaba un pouco o mundo da transición. Era unha escola bastante represora, clasista, na que nos castigaban de xeonllos, na que non se oía nada de galego. Iso non quere dicir que non o pasaramos ben, cos amigos pasabámolo ben xogando ó fútbol, ás bólas,...

4. ¿Para algún dos seus escritos inspirouse na comarca de Deza?

Depende da obra. En as laranxas de alí babá non, porque é coma un conto mítico e non hai ningún referente xeográfico concreto. En Far-west hai presencia dun mundo social que eu vivín, do choque entre o rural e o urbano que se dá nas vilas e mais os complexos e prexuízos do choque cultural que se dan nunha Galicia que pasou do carro das vacas á cafetería de espellos. Ese choque cultural da miña infancia e xuventude si que pode ser Lalín, pero tamén podería ser Melide ou Santa Comba, é probable que veña do meu contorno vital.

5. ¿Cales son os temas que máis lle gusta tratar cando escribe?

En xeral, intento que cada libro sexa unha historia diferente, entón cando me poño a escribir non penso nun tema predeterminado; ata que teña unha idea coa que faga xirar todos os poemas non sei do que vou escribir. En as laranxas de alí babá o tema era o amor, a beleza e en certo modo a inocencia; en cambio en Far-west creo que o tema xa é Galicia e o choque entre o mito e a realidade. Cada momento da vida ó mellor pídeme un tema diferente.

6. ¿Por que escribe en galego?

Porque estou en Galicia e porque neste momento para min é algo absolutamente natural, aínda que hai uns anos tiven que dar un salto do castelán ó galego, tiven momentos de dúbidas e son consciente da educación que recibín; agora escribo en galego porque non sabería escribir noutra lingua, é o idioma que falo e uso sempre e tamén por compromiso; non creo que a un escritor británico se lle pregunte por qué escribe en inglés, pois a min gustaríame que non mo preguntaran, senón que se preguntara por qué escritores galegos escriben en castelán.

7.¿Cal é o significado de Alí Babá, algunha persoa en concreto?

Non, Alí Babá podería ser unha parte de min, aquela da inocencia e o soño. Representa a maxia, a ilusión e a capacidade de crear a través da palabra ou dos actos.

8. ¿Por que as laranxas, teñen algún significado especial para vostede?

As laranxas para min simbolizan todo o positivo, arredor da laranxa xiran todas as connotacións sensuais, positivas, vitalistas, que eu quería transmitir. A laranza representa algo redondo, carnoso, líquido, gustoso, representaba a luz, o sol e todas as connotacións que leva consigo esta palabra.

9. ¿O país de Alí Babá é algún país en concreto?

Non, penso que cada un ten que buscar o seu país de Alí Babá. Espero que o lector ou lectora sinta ese país cando leu o libro; o obxectivo deste libro era que o lector sentise a súa harmonía.

10. En Far-west ¿por que establece esa comparación entre o mundo de hoxe e o do lonxano oeste?

Eu medrei vendo películas do oeste e entón decidín utilizalas para expresar cómo vía eu Galicia e permitíronme ese xogo de introducir unha parte mítica no libro. Xogo co mito das películas do oeste para expresar algo que, simbolicamente, pode ser Galicia, o oeste é Galicia, unha Galicia distinta da oficial, baseada no contraste. O poemario expresa a miña visión dunha parte de Galicia no momento en que a escribín.

11. ¿Que teñen en común Pondal e John Wayne sendo de épocas e lugares tan distintos?

Pois que representan dous modelos masculinos. Pondal é o bardo, un poeta épico, moi patriota, moi macho, e John Wayne reprensenta un modelo de home dominador, moi heroico; son coma dous heroes míticos e eu quería romper con esa idea de heroes inmaculados, sen sombra e penso que a épica pode desembocar ás veces na violencia; hai que desmitificar os heroes masculinos, os prototipos de macho e estes personaxes permitianme expresar esta idea.

12. ¿Colleulle algún tipo de manía ós signos de puntuación na escola e por eso non os usa? ¿E as maiúsculas? ¿E a mestura de verso longo e curto?

A literatura é un ámbito de liberdade, non é que fóra da poesía eu non use signos de puntuación, simplemente é que hai momentos nos que é un recurso máis para expresar algo; así, cando non os usei foi porque non os considerei necesarios para expresar o que quería naquel momento. Pero non teño unha norma sobre iso, depende das necesidades; por exemplo, no último libro si que uso a puntuación de xeito convencional, sen embargo cando escribín as laranxas de alí babá considerei que por ser un libro tan fluído, como para nenos, que precisaba sinxeleza, non era necesario poñerlle puntuación, porque xa se entendía perfectamente.
Coa medida dos versos sucede un pouco o mesmo; nos primeiros libros o verso libre permitíame adecuarme mellor ó que quería expresar, non quería medir os versos e, sen embargo, o próximo libro está escrito en alexandrinos.

13. ¿Que opinión ten da poesía galega de hoxe en día?

O bo que ten a poesía de Galicia de hoxe en día é que é variada, ou sexa, que permite liberdade. Hai moitas tendencias, cada un escribe como quere, aínda que tamén hai problemas porque ás veces os poetas somos pouco autocríticos e temos tendencia a intentar publicar todo o que se nos ocorre. Supoño que de todo o que se escribe agora moi pouco pasará á historia. É importante que haxa escritores, pero o problema é que quizais non haxa moitos lectores, non hai unha difusión suficiente nin un mercado que apoie a literatura galega.

14. ¿Cal vai ser a súa próxima obra?

Teño un libro de poesía rematado, co que tiven a sorte de ganar un concurso; espero que se publique a finais deste 2003; chámase Héleris. Logo teño varias cousas que aínda non teñen demasiada forma, algúns poemas, a idea dun diccionario satírico, pero son ideas ás que aínda lles estou dando forma.

15. ¿Que mensaxe lles mandaría ós futuros poetas ou escritores que se interesen pola literatura?

Pois a única mensaxe sería que ó longo da vida poden deixar de ser escritores, pero nunca deben deixar de ser lectores; quero dicir, a mellor virtude dun escritor é que sexa un bo lector. Calquera poeta que empece agora ten que procurar non ler por ler, senón porque sinta a necesidade e ler de todo, os clásicos, os modernos, en galego, noutras linguas e buscar escritores que o motiven para escribir, achegando algo novo. Despois, que se venda ou non, que se publique ou non, claro que é importante e bonito, pero máis importante é que busquen a verdade das palabras.

(Esta entrevista foi realizada en xaneiro de 2003 polo autor do traballo)

 
     
 
Volver ó índice de Carlos Negro
 
   
 
   
 
     
iescamballon@terra.es