|
1.
Se tivese que contar os feitos máis importantes da súa vida,
¿cales serían?
É unha vida bastante normal e corrente. Supoño que sería o
nacemento dos meus tres fillos e a morte de meu pai.
2.
¿Foi a súa infancia trascendente na súa literatura?¿Por que?
Si, supoño que como na de todo o mundo. Na infancia faise
xa a configuración da vida e supoño que despois todo o mundo
ordena as súas cousas en función das experiencias da infancia.
Foi na miña infancia, aquí, en Lalín, e por breves períodos,
en Carballeda, a aldea de meus avós maternos, onde dalgunha
maneira sentín a primeira gran fascinación polo idioma, que
sería xa o meu compromiso para sempre, o que ía determinar
os meus estudios, a miña carreira e moitas opcións persoais.
3.
¿Garda bos recordos da escola e da súa vida como universitario?
Os meus mellores recordos son do instituto, cando fixen BUP
e COU. Da escola non os gardo especialmente bos. Do internado
gárdoos máis ben malos, moi enriquecedores, pero máis ben
malos, e da universidade os máis agradables producíronse fóra
das aulas; excepto de tres ou catro profesores, non gardo
especial recordo das aulas universitarias.
4.
¿Destacaría algunha lembranza das dúas etapas que o marcara
dun xeito especial?
Pois ós dez ou once anos descubrín que o galego se podía escribir.
Eu ata aquel momento nunca vira nada escrito en galego. Ese
primeiro texto foi o poema "Adiós ríos, adiós fontes" de Rosalía,
que viña no libro de Ciencias Sociais. Levei unha gran sorpresa
porque eu ata ese momento pensaba que era o único de toda
a historia que o facía; e foi tal a impresión que me causou,
que me puxen a facer un poema copiando o de Rosalía.
5.
Se tivese que describirse en tres ou catro adxectivos, ¿cales
serían?
Supoño
que son unha persoa moi intransixente comigo mesmo e que pretendo
ser moi respectuoso cos demais, sexan cales sexan as súas
opinións. Supoño que teño un temperamento ético bastante ríxido
e, sobre todo, que mo aplico a min mesmo.
6.
Supoñemos que foi vostede criado en lingua galega e todas
as súas obras están escritas nesta lingua. ¿Que opina da xente
que a desprestixia ou a considera inferior?
Non, non fun criado en lingua galega, os meus pais eran galego-falantes
e nos primeiros anos da miña infancia faláronme en castelán.
Foi aí por volta dos catorce ou quince anos. Eu estaba cos
meus avós en Carballeda. Era a principios de agosto. En Moimenta,
aldea próxima, repartírase gratuitamente unha antoloxía de
Castelao (Páxinas escollidas), sufragada polo Ateneo
de Ourense. Un meu curmán collera varios exemplares e tróuxome
un deles. O contacto coa miña avoa, que era unha tremenda
creadora lingüística, e as palabras de Castelao decidíronme
a tomar unha opción: no meu caso a lingua que me escolleron
para infancia foi o castelán, e a lingua que eu escollín para
a adolescencia e para a mocidade foi o galego.
¿Que penso a propósito dos que desprestixian a nosa lingua
ou pretenden enturbala? Pois a verdade é que me resultan bastante
indiferentes, polo menos indiferentes en que non espertan
nin amores nin odios. ¡Alá cadaquén coas súas ignorancias!
7.
¿Cando comezou a escribir?
Recórdome escribindo na mesa da cociña da miña casa desde
moi novo, antes dos dez anos, antes de ir para o internado
(no que ingresei a esa idade). No colexio houbo un profesor
de literatura que me insistía en que eu escribía moi ben e
eu non entendía, porque para min todo o mundo escribía igual.
Supoño que sería ese estímulo do profesor o que me levaría
a escribir con plena conciencia de facelo.
8.
¿Por que escribe?
Cheguei á conclusión de que escribo por curiosidade, é dicir,
pregúntome qué ten de especial a literatura que tanto me leva
fascinando desde pequeno. E entón analízoo desde varias perspectivas,
profesor, crítico, lector... e agora mesmo estou escribindo
porque me axuda a entender o feito literario, o que é o proceso
de creación; nese sentido, si, escribo por curiosidade.
9.
¿Cales son os seus temas favoritos á hora de escribir?
Un sempre escribe sobre si mesmo. Escribo sobre min mesmo
e sobre a miña visión do mundo e, como vedes, escollín un
xénero que tampouco me compromete moito.
10.
¿Por que escribe só literatura xuvenil e infantil?
Non teño claro que estes libros sexan de literatura xuvenil
e infantil, eu creo que os libros fanos os lectores; entón
un lector adulto lerá dunha maneira calquera libro destes
e o lector neno lerao da súa maneira.
11.
¿Cal é o seu libro favorito?
Supoño que teño moitísimas lecturas favoritas. Seguramente
no plano persoal e de configuración ética e ideolóxica, o
que máis me marcou foi Sempre en Galiza e, desde un
punto de vista literario, son un continuo relector do Quixote.
12.
¿Que autores influíron na súa obra, en xeral?
Pois, entre eles, Cunqueiro, Torrente Ballester ou Fernández
Flórez... sedúcenme pola súa recreación literaria dunha certa
Galicia idealizada. Desde un punto de vista estilístico, catívame
o Castelao de Cousas; tamén Miguel Torga, pola súa
concisión, a limpeza da súa prosa, a capacidade de suxestión
a través da aparente simplicidade. Hai un libro, A marabillosa
viaxe de Nils Holgerson de Selma Lagerlöf, ó que lle estou
moi agradecido porque me abriu os ollos para a literatura
infantil e xuvenil, un descubrimento serodio e fascinante.
Na mesma categoría, incluiría o Alfanhuí de R. Sánchez
Ferlosio.
13.
¿Cal é o motivo polo que escolleu o tema da discriminación
polo aspecto físico en Velaí vai o verme?
Esa é unha das interpretacións posíbeis da noveliña. Cómo
se construíu vai explicado na nota final. O conto do verme
acompáñame desde pequeno: creo que a primeira vez que o lin
foi na, daquela, acabada de inaugurar, Biblioteca de Lalín.
Foi nunha colección que recollía lendas e contos de todo o
mundo. Penso que a do verme estaba no tomo dedicado a África.
Despois funa atopando en máis sitios. A miña é unha reelaboración
máis, nacida como guión para unha montaxe de monicreques a
petición de Viravolta. Tempo atrás eu estivera con Anxo de
Viravolta e outras persoas tratando de montar unha obra de
Gil Vicente. A historia do verme e a estructura dos autos
de Gil Vicente foron o punto de partida para a noveliña. En
canto ó tema da fealdade, pois non sei, non é o tema que me
preocupaba. Preocupábame o da desconformidade: o Verme é un
desconforme, un inconformista... E o da soidade: o Verme é
un solitario, como o é a Ave do Paraíso, son dous solitarios,
pero por razóns diferentes. Outro tema que me inspiraba moito
é o da creación, xa que todos estamos creando mundos constantemente;
así que puxen este Verme ante un Creador, un creador bastante
trapalleiro se cadra, moi inexperto; pero, claro, ¿quen ten
experiencia previa en crear mundos? Un mundo non se crea todos
os días...
14.
¿Influíu algún autor en Velaí vai o verme?
Supoño
que centos, que nos inflúen todas as cousas que lemos. No
caso de Velaí vai o verme está cheo de referencias
literarias implícitas, case rendo tributo ó cincuenta por
cento dos meus autores de cabeceira, que son moitísimos.
15.
¿En Contos para Manuela atopamos a influencia de Gianni
Rodari ¿Por que?
Os
contos de tres finais de Rodari non están construídos como
Contos para Manuela. Rodari estrúcturaos dun xeito
clásico e reserva o xogo estructural para o desenlace: cada
un leva tres posíbeis finais moi breves. Eu case quixen facer
ó revés: un inicio relativamente breve e tres continuacións
máis ou menos longas (ás veces case sen desenvolvemento).
Son consciente de que non o conseguín en boa parte. Pero,
vaia, púxenos baixo a advocación de Rodari porque me parece
un dos grandes creadores do século XX. En todo caso, pode
ser curioso, algúns estaban escritos antes de eu ler a Rodari.
Propiamente o meu propóstio de brincar coas estructuras naceu
moito antes de comezar a escribilos, andaba comigo desde a
a lectura de Los miedos de Blanco Amor, no que tamén
se xoga con distintos desenlaces.
16.
¿En Contos para Manuela cales son os seus relatos preferidos?
Se cadra "O mundo de Rabelo". Eu imaxinaba situacións nunhas
liñas e despois desenvolvíaas. Co conto de Rabelo todo o desenvolvemento
foi inesperado: eu non contaba que derivase por onde derivou...
Tamén me sorprendeu como saíu a presentación de "O carballo
Ramón". Saíume un conto tradicional con todos os ingredientes
máis puros... Cada vez que o leo, río coma un parvo, non tanto
pola gracia que me fai, como pola sorpresa que, ¡vaia pardoxo!,
se segue repetindo.
17.
¿Cal é, segundo a súa opinión, o estado actual da literatura
galega?
Pois eu creo que, en conxunto, estamos vivindo o mellor momento
da literatura galega contemporánea tanto en cantidade e calidade
como en diversidade.
|