páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
   
     
 
Datos xerais
 
     
 
Celso Fernández Sanmartín naceu en Lalín no ano 1969. Estudiou Filosofía na Universidade de Santiago e foi alí onde tomou conciencia da necesidade de escribir. Na actualidade exerce como animador social na residencia Nosa Señora das Dores de Lalín. Considérase unha persoa comprometida e ecoloxista.
Aínda que a lingua na que o educaron na escola foi o castelán, no seo da súa

 

 

 
  familia falábase galego. A partir dos seus anos de instituto comeza a falar xa definitivamente a nosa lingua.Comezou a súa andaina como poeta cando cursaba COU; neste ano coñece as vangardas poéticas, movemento que lle resultou moi novidoso e interesante. Recoñece que nos primeiros poemas recibiu a influencia de Manuel Antonio, aínda que na actualidade son as artes plásticas as que exercen un grande influxo na súa obra. Así e todo, sente tamén unha enorme predilección por William Carlos Williams, Raymond Carver ou Ernesto Cardenal.
Define a poesía como unha posibilidade da linguaxe e unha forma de coñecemento. Confesa que escribe por necesidade absoluta, xa que para el é coma un vicio do que non se pode desprender, ademais da satisfacción que lle produce. É moi escrupuloso co seu traballo e, antes de dalo a coñecer, modifícao reiteradamente ata que está conforme estética e conceptualmente. Aspira a que cada novo libro non sexa semellante ó anterior, senón que represente unha novidade.
Rúa da Cacharela, hai anos, na que naceu o autor
  Unha característica fundamental da súa obra é o reflexo que nela se produce da súa experiencia vital. Os seus poemas xiran arredor dos temas do amor e a natureza, adoptando distintas perspectivas en cada ocasión. Formalmente, as súas composicións carecen de métrica e rima, tampouco usa signos de puntuación e
tende ó verso longo.
Ata o de agora, publicou os seguintes poemarios: DIVAGACIÓNS iú (1991); o tigre das zenorias (1994), libro practicamente inédito posto que só existen uns 20 exemplares fotocopiados; [Sen título] (1995); propiamente son captivo (Letras de Cal, 1997); e, por último, fucsia, talladas, estampados, boca (2002). Cómpre destacar que todos eles, agás o cuarto, son edición do autor; isto débese a dúas razóns: a dificultade para publicar e, sobre todo, a posibilidade que ofrece este tipo de edición de que o autor participe de xeito directo e activo no formato do libro. Tamén aparecen poemas seus nas antoloxías dEfecto 2000. Antoloxía de poetas dos 90 (Letras de Cal, 1999) e Novas voces da poesía galega. Recital (Consello da Cultura Galega, 2000).
 
     
     
 
Volver ó índice de Celso Fernández
 
   
 
   
 
     
iescamballon@terra.es