|
1.
¿Como te definirías?
Preocupado polas cousas que pasan, xoguetón, apegado á xente,
ás cousas e ós sitios.
2. ¿Considéraste un artista?
Si. Unha persoa para considerarse un artista ten que ter unha
predisposición clara á creación. Cando eso que ti creas queres
que chegue ós demais, podes considerarte un artista.
3.
¿Cal é o diario da túa vida?
Tiven moita sorte pola época na que nacín porque era unha
época de cambio; pasábase, aquí en Galicia, dunha sociedade
labrega a unha industrial. Esto nótase na miña maneira de
escribir. Non me podo definir nunha época, o meu mundo é intermedio,
son desta época actual pero teño moi presente o de atrás.
Por exemplo, eu nunca pasei fame, pero aprendín a valorar
o pan e falo do pan en concreto; nacín dentro desa cultura,
unha cultura que estima o pan como elemento básico, que estima
aproveitar os alimentos.
4. ¿Que significado che achega a
túa infancia?
É moi importante a infancia. Non podes prescindir nunca da
configuración mental que adquires cando es pequeno. A infancia
está chea de inxenuidade e tamén de crueldade, de cariño,
de necesidade.
5. ¿E os teus anos escolares?
Moi mal. Hoxe en día a miña configuración ideolóxica está
definida polo que vivín na escola de pequeno, xa que eu non
tolero os abusóns, aínda que son moi tímido, porque cando
cursaba EXB eu era daqueles dos que abusaban. Todo o que supoña
un abuso de calquera tipo ponme rabioso e tratarei este tema
nalgún libro.
6. ¿Cal era a lingua no espacio educativo?
Era o castelán, pero na casa era o galego; a lingua que mamabas
era o galego e diso non te podías librar. Na época do instituto
decidín falar galego porque houbo cousas que vía que me convenceron,
porque todo o que fose poder e que estaba sobre ti obrigábate
a falar castelán.
7. ¿Por que escribes?
Por necesidade absoluta. Sobre o escribir non podes decidir,
é como o que ten o vicio de fumar.
8.
¿Que che transmite o que escribes?
Alegría, satisfacción de poder acabar algo. Son moi escrupuloso
co que escribo, ten que pasar moitas cribas porque o resultado
ten que satisfacerte esteticamente, conceptualmente, tes que
aportar algo. Cada cousa nova que escribes non se debe parecer
ó de antes, senón a min non me vale.
9. ¿Que é para ti a poesía?
É unha posibilidade da linguaxe e do coñecemento, é un coñecemento
estético da realidade. Aprendes algo cando les un poema, non
só te sentes halagado polo que di. Un poeta que me parece
unha marabilla é Ernesto Cardenal, que mestura coñecementos
cósmicos modernos con outros antropolóxicos; isto significa
que incluso a ciencia moderna nalgúns casos é incapaz de explicarse
cientificamente e ten que intentar explicarse poeticamente
ou miticamente. Se eu non podo nomear as cousas, eu non as
podo coñecer, se eu non coñezo, ¿que fago? Eu non podo vivir
sen coñecer, non podo vivir sen palabras e as palabras non
son máis que un coñecemento do mundo.
10.
¿Pensas que estás influenciado por outros autores?
Un autor que me impactou foi William Carlos Williams, un norteamericano
que pertencía a un realismo estricto. Outro impactante era
Raymond Carver, do realismo sucio, así como moi impactante
tanto na forma coma no tema. Agora inflúenme máis as artes
plásticas e o que vexo como realidade e necesito sempre ler
algo sobre o que quero escribir. Veste influído, pero non
necesariamente por poetas. Teño feito exposicións de fotos,
aínda que non exerzo como artista plástico e teño instalacións
pensadas, elaboradas.
11. Na túa obra ¿vese reflectida
a túa experiencia vital?
Sempre aparece a vida, hai cousas que me gustan e me disgustan
e pídenme chegar a elas, por iso as escribo.
12.
Divagacións iú foi a túa primeira obra ¿que pretendías
con ela?
Foi unha arroutada, o convencemento que tes e o atrevemento
de publicar algo.
13.
¿Que intención ten a ausencia de coherencia e cohesión dos
poemas?
Eu cando o escribía entendíao perfectamente. Cando escribía
cada cousa tiña que ser así e non doutra maneira. Eu fun coherente
comigo mesmo, non pensaba nun futuro lector.
14. ¿Que pretendes transmitir cos
debuxos?
Porque foron concibidos entre os poemas, eran parte deles.
Eran como un poema máis, pero que non estaba feito de letras.
15. En 1995 sae ó mercado [Sen
título], ¿por que, precisamente, esta ausencia de título?
Non vou forzar o libro para que leve un título. Penseino ben,
pero non encontrei un que lle encaixara.
16. Cualificouse de pseudo-naïf,
¿que opinas?
Que é un libro que busca sinxeleza, pero non simple, non é
simpleza; para que saia sinxelo hai que traballalo moito,
porque senón, despois dos 10 anos non che sae nada así.
17. ¿Por que hai tanta dozura nel?
Porque o pedía. Non podes facer algo que indique rabia se
non estás rabioso, non te podes falsear a ti mesmo. Sae doce
porque estaba tranquilo, a gusto.
18.
Propiamente son captivo céntrase no mundo da selva.
¿Que é para ti a selva?
O que funciona independentemente da xente, sobre nós, o que
non se deixa dominar. Representa fascinación, medo e falta
de linguaxe; todo te pode porque non tes palabras para nada.
19.
¿Que buscas nos animais?
Os animais cárganse eticamente. Cun animal podes chegar a
ter unha relación de afecto e, sen embargo, veste obrigado
a matalo. Os animais representan cousas moi diversas. Merécenme
moito respecto, no sentido de que teñen forza e dereitos;
non podemos vivir sen animais salvaxes, non domésticos.
20.
Fucsia, talladas, estampados, boca. ¿Teñen para ti
algunha relación estes termos?
Teñen
relación dentro do libro. Fucsia: gústame a color, estivo
de moda hai dous anos e relaciónase coa vista. Talladas: é
unha maneira de dividir as cousas, sen ter en conta a súa
estructura e fai referencia ó gusto. Estampados: moda e recreación
da realidade (estampas). E boca (gusto) é un lugar de coñecemento
desde que somos pequenos, levamos cousas á boca para coñecelas.
21. ¿Cal é a túa intención con este
libro?
Ten
unha intención crítica, a moda é cero, non é nada, é unha
creación efectista, fetichista para o gusto, non ten unha
valoración ética. A moda é comercial e se non vai haber beneficios
non se leva a cabo.
22. ¿Que é Galicia para ti?
O meu marco de convivencia e recoñecemento fundamental. Son
galego, con toda a sinxeleza que implica eso, recoñézome parte
desta terra. A xente vese influída polo lugar de onde é en
tódolos aspectos.
23. ¿E o Prestige?
Estou moi cabreado. Comprendo que calquera se pode equivocar,
pero se es un goberno e es o encargado de facer as cousas,
fainas. E se ves que non se fai nin se deixa facer e que che
toman o pelo e que te tratan de forma insultante nos medios
de comunicación, non o soporto, non soporto cando sae calquera
político e me trata de idiota. Un político non pode insultar
nin tratar de menos a ninguén. Entón, seguiremos na plataforma
NUNCA MÁIS o tempo que faga falta.
24. ¿Cal é a túa opinión sobre a
literatura galega actual?
Gústame moito a variedade que hai e as iniciativas como Letras
de Cal. Está ben que a xente se exprese dende distintos puntos
de vista, estéticos, ideolóxicos, de preocupación.
|