| |
|
|
|
|
Nas
vellas historias mitolóxicas atopámonos moitas veces con
nomes que nunca antes oiramos e que polo tanto son difíciles
de lembrar. Non obstante, velaí un que che resultará tan
cotián e familiar como o do continente onde vives: Europa.
Pero ¿sabías que é un nome de muller? Concretamente dunha
rapaza que naceu e medrou a orelas do Mediterráneo, nunha
época que non se pode precisar porque o tempo da lenda
é sempre bretemoso e inasíbel, mais, en calquera caso,
hai varios miles de anos. Un dato curioso é o referente
á orixe de Europa, pois non era ibérica nin gala, nin
itálica nin grega; a verdade, nin sequera era europea
(e non é broma). |
En
efecto, a súa patria estaba en Asia pero tivo que
deixala por razóns superiores á súa vontade e dar
comezo a unha vida de inmigrante.
A ver si podemos reconstruír a súa peripecia. O
primeiro será abrir o mapa e observar o Mediterráneo
oriental. Hai por alí moitos países, grandes
e pequenos, e entre estes últimos un que hoxe chamamos
Líbano. En épocas remotas, ese mesmo territorio
estaba ocupado polos fenicios, pobo enxeñoso e emprendedor,
organizado en cidades máis ou menos independentes
unhas das outras.
Destas, a máis florecente era Tiro. |
|
|
Pois
ben, certo rei de Tiro tiña tres fillos varóns e unha
única filla, fermosa e encantadora, cuxo nome xa terás
adiviñado.
Por aquel entón o mundo estaba recén estreado,
de xeito que os deuses, que hoxe brillan pola súa ausencia,
aínda non se fartaran del; ao contrario, gustáballes deambular
pola beira do mar, atusmar polos mercados e tomar o fresco
á sombra dalgunha árbore. Tamén lles gustaban as rapazas
fermosas, en particular a Zeus, o máis importante e o
máis namoradeiro dos deuses. E como Europa tiña aqueles
ollos grandes, soñadores... Pero ¿quen o ía dicir? O bo
de Zeus, co forte que era, guapo, galante e seductor,
nunha palabra, irresistíbel, tiña un problema que
lle impedía canalizar libremente os impulsos do seu corazón.
E non era timidez nin era recato, non, o problema era...
a súa esposa, Hera, deusa coma el, terríbel e colérica,
e o único ser, entre os case infindos mortais e inmortais,
capaz de lograr que o rei dos deuses se puxese a tremer
como unha vara verde. De modo que había que tomar
precaucións e amosar prudencia. |
|
|
Certo
día, pois, estaba a fermosa Europa na praia coas súas
amigas cando, de súpeto, aconteceu unha desas cousas
que na nosa época xa non se ven: enorme, branco e robusto,
das augas xurdiu... un touro. ¡Vaia sorpresa, tamaño
susto! Aínda que facía calor, as rapazas ficaron paralizadas
de medo. Sen embargo, o animal daba mostras de ser manso
e foi botarse aos seus pés como se fose un cachorriño,
de xeito que pouco a pouco recuperaron o ánimo, esqueceron
o temor, acariciáronlle a cabeza, rascáronlle as orellas,
ata que Europa, que era de todas a máis inqueda, acabou
montando no lombo do animal entre os risos e bromas das
súas amigas. |
|
|
Naturalmente,
aquel touro non era tal senón o astuto Zeus que
adoptara aquela forma para acadar o seu propósito,
así que apenas sentiu que a fermosa moza estaba
sobre a súas costas, levantouse, botou a correr
a toda presa, meteuse no mar e, en menos que canta
un galo, perdéronse de vista as ribeiras de Asia.
Coa pobre Europa, que ía máis branca ca a escuma,
ao lombo, o touro-Zeus nadou e nadou ata acadar
a gran illa de Creta, a medio camiño entre Grecia
e Exipto. Unha vez alí, desfíxose da súa
forma bovina e viviu por fin un cálido romance coa
princesa fenicia. |
|
É verdade que Zeus era máis apaixoado ca firme nos seus
amores e que outros novos o requirían constantemente,
pero, aínda así, tiveron tempo de ter tres fillos, un
dos cales, Minos, daría nome á primeira civilización europea
de alto nivel de desenvolvemento. E así foi como Europa
chegou a Europa. Un dos seus irmáns, Cadmo, non deixou
de buscala durante toda a súa vida, pero sen éxito, porque
nunca a atopou. Máis afortunados foron os gregos, que
recibiron do fenicio, nunha das súas viaxes, un regalo
de valor inestimábel e que logo se encargarían de difundir
por todo o continente: o alfabeto, un feixe de garabatos
co que poden contarse todas as historias. |
| |
|
|
| |
|
|
 |
|
|
|