páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


arriba!

 
 
 
MITOLOXÍA
 
CASANDRA
 
 
Supoñamos que alguén nos solicitara un prognóstico acerca do futuro da pequena Casandra. Con seguridade, antes de formulalo teriámoslle pedido que nos facilitara algúns datos. Entón, esa persoa diríanos que nacera no seo dunha familia opulenta e poderosa, que a natureza a dotara de beleza e que se mostrara igualmente xenerosa coa súa ración de intelixencia. Con tales condicións de saída, é probábel que lle augurásemos unha existencia feliz. Pero as predicións son un terreo movedizo e o que parece firme, nun instante esvaécese.
Asentada nas portas de Asia, a súa patria dominaba os estreitos que unían o Exeo co mar Negro - posición tan envexábel como envexada e, por iso mesmo, perigosa. A rexión chamábase Tróade e a cidade que a gobernaba, Troia ou tamén Ilión. Príamo e Hécuba, reis do país, eran os pais de Casandra e doutra ducia longa de fillos, de xeito que non lle faltaron á meniña irmáns cos que xogar.
Co tempo, Casandra converteuse nunha fermosa mociña ("semellante á áurea Afrodita", segundo a describe Homero) e esa fermosura foi o inicio dos seus males. Tivo varios pretendentes, pero houbo un en especial que marcou o curso da súa vida. Non era un admirador calquera: era o mesmísimo Apolo, soberbio deus do Olimpo e ideal da beleza masculina. Mais, quen o diría, o guaperas celestial non era un seductor infalíbel e Casandra deulle cabazas.
Apolo, ferido no seu divino orgullo, decidiu vingarse daquela mortal que non se aviña aos seus desexos. Non obrou coma un energúmeno maltratador; ao fin e ao cabo era unha deidade, así que foi cruel pero sutil. Outorgou á díscola o don de predicir o futuro e non equivocarse xamais, pero era este un regalo envelenado: aínda que diría sempre a verdade, ninguén crería nas súas palabras.

Desta maneira, a agudeza da súa intelixencia volveuse na súa contra. Casandra vía o rumbo que tomarían os acontecementos moito máis alá da fronteira onde se detiña a mirada dos demais, de xeito que todos a tomaron por unha extravagante - a tola do pobo se non fose polo seu sangue real.
Así, por exemplo, anunciou que o seu irmán Paris causaría a ruína de Troia. Como podedes imaxinar ninguén lle deu crédito, pero andando o tempo Paris viaxou a Esparta e regresou de alí con Helena, a muller de Menelao. Os gregos responderon coa guerra, que foi longa, se cobrou moitas vidas e serviu de tema á primeira obra mestra da literatura europea, a Ilíada de Homero.

Tras dez anos de combates sen que se albiscase o final do conflito, os cercadores confiaron á astucia o que non lograran as armas. Finxiron retirarse e deixaron na praia un enorme cabalo de madeira. Un falso desertor informou aos perplexos troianos que se trataba dunha ofrenda á deusa Atenea e as súas afirmacións deron pé a que se iniciase un acalorado debate sobre o destino que debía darse á estatua.

A maioría aconsellaba introducir a escultura na cidade, crendo que así ganarían a protección da filla predilecta de Zeus. Casandra opúxose e, por unha vez, atopou apoio: o de Laocoonte, sacerdote de Apolo que alentaba aos seus compatriotas a destruír o cabalo. Pero, de súpeto, cando a multitude reunida na praia volvía vacilar, xurdiron do mar dúas serpes que estrangularon a Laocoonte e aos seus dous fillos, horríbel espectáculo que inspirou unha espléndida estatua de época helenística e convenceu aos troianos de que era vontade divina que o cabalo entrase triunfalmente polas súas rúas.
No medio da algarabía xeral pola fin da guerra, só Casandra tiña o ánimo sombrío.
Con maior ou menor detalle, todo o mundo sabe o que pasou despois. O cabalo era unha trampa, o seu ventre estaba cheo de guerreiros gregos que saíron pola noite, cando Troia durmía a embriaguez do festexo, e abriron as portas ao resto do exército. Os varóns troianos foron pasados a coitelo; as mulleres e os nenos reducidos a escravitude.
Máscara funeraria atopada en Micenas á que o seu descubridor, Schliemann, chamou "de Agamenón"
No reparto do botín, Agamenón, comandante en xefe do bando triunfador, reservou para si a Casandra. Ninguén ousou disputarlla. Era o máis poderoso dos reis gregos, señor da cidade fortificada de Micenas, fillo de Atreo e neto nada menos que de Pélope, o heroe que dera o seu nome á rexión do Peloponeso. Pero a casa familiar de Agamenón estaba sinalada por un longo regueiro de sangue, que arrincaba do seu bisavó, Tántalo, e chegaba ata o seu pai, Atreo, autor dun crime abominábel: para eliminar toda competencia ao trono, matara aos seus sobriños e servírallos nun banquete ao seu irmán.
O propio Agamenón non tiña as mans limpas. Tras unha década de ausencia, agardábao na casa unha muller forte e decidida, a súa esposa, Clitemnestra, que estivera todo ese tempo destilando odio no seu corazón. Non lle faltaban motivos a Clitemnestra para malquerer a Agamenón: o prepotente rei asasinara ao seu primeiro esposo, logo matara a Ifixenia, a filla maior de ambos, a quen sacrificara para que os deuses lle fosen propicios na súa partida cara a Troia...e agora avísana de que regresa e trae consigo unha princesa cativa coa que pensa substituíla. Non está disposta a resignarse.
Preme na imaxe se queres ampliala
O soberbio Agamenón embárcase imaxinando honores, recibimentos triunfais e as murallas de Micenas resoando polas aclamacións da multitude. Casandra sabe que xa se afía o ferro que lles cortará o pescozo, pero traspón o último limiar sen apartar a mirada, sen xemer de medo "coma un paxariño nunha matogueira", ao dicir do gran poeta Esquilo.

A maldición do deus é implacábel e, malia que a morte da princesa se afunde na noite dos séculos, non deixou aínda de perseguila. Hai dous mil catrocentos vinte anos, Eurípides puxo na súa boca estas palabras: "Evitar a guerra é o deber de toda persoa prudente".
Algúns seguen sen crela.
 
mitoloxía | arriba
 
   
 
     
iescamballon@terra.es