páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


arriba!

 
 
 
MITOLOXÍA
 
DÉDALO
 
Dédalo nacera e crecera en Atenas. Naturalmente isto non ten gran cousa de particular; pero a diferenza da maioría dos seus concidadáns, e en realidade de case todos os seus contemporáneos, estaba dotado dun extraordinario enxeño, que sumado a unha estupenda habilidade manual, permitíalle sorprender, cada dúas por tres, a propios e estraños cun invento novo.
Por outra parte, todo isto ocorría nunha época remotísima, de xeito que moitas cousas que hoxe nos parecen sinxelas por entón non existían. Aínda que era un home de talento múltiple, Dédalo destacou especialmente na arquitectura e escultura. Dicíase das súas estatuas que parecían vivas, por ter sido o primeiro que se atreveu a abandonar a rixidez da figura, separando os brazos do corpo e unha perna da outra; xustamente unha característica que diferenza a arte grega arcaica da posterior clásica. Naturalmente, Dédalo non é máis que unha figura mítica e a época á que se remiten as súas aventuras é anterior en moitos séculos ao propio período arcaico.
Pero incluso as persoas tan intelixentes coma el están feitas de luces e de sombras. Dédalo tomara como aprendiz a un fillo da súa irmá, a quen uns autores chaman Talo e outros Perdiz. Calquera que fose o nome do rapaz, non hai dúbida de que contaba cun cerebro privilexiado, pois en pouco tempo inventara o compás, o torno de oleiro e a serra, segundo contan, inspirándose nunha espiña de pescado.
Da satisfacción inicial pola sagacidade do seu discípulo, o mestre pasou a sentirse inquedo. Aquel xenio precoz podía roubarlle todo o seu prestixio; podía convertelo nun segundón de quen ninguén se lembrase. Roído pola envexa, Dédalo subiu co seu sobriño á gran roca da Acrópole e desde alí o despenou. Pero o crime foi descuberto e Dédalo xulgado e condenado ao desterro de por vida, así que dixo adeus á súa patria ateniense e marchou rumbo a Creta.
Na illa reinaba Minos, fillo de Zeus e Europa, que acolleu cos brazos abertos a un emigrante tan cualificado. Para acceder ao trono, ao que tamén tiñan dereito os seus irmáns, Minos contara co apoio de Posidón; pero unha vez instalado no poder, esqueceu as promesas que, a cambio desa axuda lle fixera. Se xa é malo faltar á palabra empeñada, gañarse a inimizade dun deus é insensato. Posidón tomou o seu desquite sen presas nin piedade.
En lugar de vingarse directamente na persoa de Minos, fixo que a muller deste se namorase perdidamente dun touro. Resultado dunha paixón tan estraña foi o nacemento dun ser non menos raro: un bebé con corpo de meniño e cabeza bovina. Chamáronlle Asterión, pero todos o coñecían polo Minotauro.
O rei, cheo de vergoña, quixo ocultalo á vista do seu pobo e encargoulle ao habelencioso Dédalo a construción dun lugar seguro para encerralo e do que non conseguira escapar xamais. Así foi como naceu o labirinto, un sitio ateigado de corredores e habitacións e tan intricado que era imposíbel atopar a saída.
Detrás da lenda xacen algúns elementos propios da moi antiga civilización minoica, como o culto do touro e a complexidade arquitectónica dos seus palacios, que impresionaron a rica imaxinación dos gregos de épocas posteriores. Ademais, tanto se identificou o propio nome do seu mítico construtor coa súa obra, que basta botar unha ollada ao dicionario para comprobar que dédalo é sinónimo de labirinto.


Co paso do tempo, un fillo de Minos foi asasinado en Atenas. O rei cretense puxo cerco á cidade, que acabou rendéndose, pois aos ataques do inimigo sumáronse os dunha epidemia e foi imposíbel resistir máis. Os cercados comprometéronse a pagar unha dura compensación ao ofendido Minos: todos os anos (ou cada nove, segundo outras tradicións) debían enviar catorce rapaces a Creta, sete de cada sexo, que serían destinados a servir de alimento ao Minotauro. Este horríbel tributo pagouse dúas veces. Cando se achegaba o momento de enviar a terceira remesa, presentouse como voluntario un mozo que chegara pouco antes á cidade: era o único fillo do rei Exeo, que nacera e crecera no Peloponeso. O seu nome era Teseo e estaba destinado a realizar numerosas fazañas e converterse no heroe nacional dos atenienses.
Xa en Creta, Ariadna, unha filla de Minos, namorouse apaixonadamente do guapo estranxeiro e propúxose salvarlle a vida, aínda que iso supuxese que o seu medio irmán perdese a súa. Pero aínda cando Teseo lograse dar morte ao Minotauro, só había unha persoa capaz de sacalo do labirinto, aquel que o fixera, Dédalo; ao fin e ao cabo era o seu compatriota, quizais se conmovese e aceptase colaborar.
En efecto, así foi. Ariadna recorreu ao gran artista, que demostrou un sentido práctico tan sinxelo como eficiente: suxeriu á moza que proporcionase ao seu amado un nobelo de fío; non tiña máis que atar o seu extremo á entrada do labirinto, desenrodelalo mentres avanzara e debandalo para volver polos seus pasos. Todo saíu segundo o planeado: o Minotauro chegou ao final da súa triste vida e Ariadna e Teseo fuxiron xuntos ao abeiro da noite.
A Minos, en cambio, non lle gustou a xogada. Alguén lle soprou que Dédalo tivera parte no asunto. A iso engadíronse certas vellas sospeitas acerca de non sei que vaca de madeira que en tempos construíra para satisfacer as loucuras da raíña e o exiliado caeu en desgraza.
Dédalo ben se decatou de que as cousas se puñan feas e concluíu que era tempo de poñer terra de por medio. Colleu un fillo que tivera durante a súa longa estancia na illa e dispúxose a partir na procura de novos horizontes. Por mar era imposíbel; a flota de Minos controlaba todo o que se movía no Mediterráneo. Cómo fuxir dunha illa se non por mar? Calquera outro se tería quedado sen respostas, pero a Dédalo nunca lle faltaban recursos. Reuniu plumas de aves, foinas pegando con cera e elaborou unhas ás.
Escaparían polos aires, cousa nunca vista. Un par de bonitas ás para el e outro par para Ícaro, o seu fillo. Antes de sucar os ceos, dous sabios consellos do pai ao seu abrocho:

-Non voes demasiado baixo para que a auga non humedeza as plumas, nin demasiado alto para que o sol non as queime.
-Si, papá.
...e comeza a aventura...
-Oh, que bonito se ve todo dende aquí arriba! E se subo un pouco máis? Por Zeus, que marabilla! Imaxínate máis alto… Aquí, onde non chegan nin os paxaros…


A tecnoloxía, xa se sabe, non é en si boa nin mala, todo depende do uso que lle demos. Imprudente Ícaro; non respectou as normas de circulación aérea, a cera derreteuse e precipitouse no mar. As olas lanzaron o cadáver ás praias dunha illa que, dende entón, por el, chámase Icaria. Alí o atopou nada menos que Heracles, que lle brindou as honras fúnebres.
En canto a Dédalo, acabou instalándose en Sicilia. Ao decatarse do solidario xesto que tivo Heracles co seu fillo, quixo agradecerllo e esculpiu unha estatua do heroe en Olimpia. Tempo despois, o propio Heracles, que nada sabía, chegou pola noite a ese lugar. Ao albiscar a figura na penumbra, pareceulle un suxeito ameazante e deulle un golpe coa súa maza, fiel ao principio de que "quen pega primeiro pega dúas veces". A estatua encaixou a labazada sen inmutarse. E tanto se parecía ao seu modelo que ademais, prestamente lle devolveu a xentileza. Non en van estaba feita polo mestre de mestres.
 
 
mitoloxía | arriba
 
   
 
     
iescamballon@terra.es