| |
|
|
| |
|
HERACLES E A CORUÑA |
| |
|
|
Quen non terá oído falar de Heracles? Ben, quizais sexa mellor apartarse do orixinal grego e remitirse á versión latina, de xeito que reformulemos a pregunta: quen non terá oído falar de Hércules? Ah, iso é outra cousa. Treman monstros, feras e xigantes que aquí está a forma do seu zapato.
Non obstante, co forzudo e valente que era o pobre Hércules pasou un longo período da súa vida ao servizo dun primo seu, rei de Argos, que era, segundo din, malvado e desprezábel. Pero Hércules tiña contas que pagar e non tivo máis remedio que obedecer as ordes do seu primo Euristeo, que lle fixo unha ducia de encargos, a cal máis complicado e perigoso, cuxo cumprimento era condición ineludíbel para liberalo da súa débeda. Así que agora preguntamos: quen non ten oído falar dos doce traballos de Hércules?
|
|
|
Euristeo, como todo malo de conto, era feo, amargado e envexoso. Non tiña máis que caprichos e malicia. Enténdese que Hércules - guapo, forte e máis ou menos bo - caíalle moi mal, polo que lle pedía as cousas máis absurdas e difíciles de acadar, confiando en que o heroe non podería satisfacelas e sería o seu escravo durante o resto dos seus días.
|
Dalgunha maneira decatouse de que nun lugar moi afastado vivía un suxeito tremendamente rico. Rumoreábase que tiña moitas vacas, infinitas vacas, louras por máis sinais e tan gordiñas que se non as obrigasen a xaxuar de cando en vez rebentarían coma castañas. Naqueles tempos a gandería era a principal fonte de riqueza e a Euristeo fíxoselle auga a boca imaxinando que esa cornucopia de carne e leite chegase a ser súa.
|
|
|
Pero había dous inconvenientes: primeiro, aquilo estaba moi lonxe; segundo, o tal suxeito era de moi malas pulgas e metíalle o medo no corpo ao máis pintado.
"Hércules, prepárate que te vas de viaxe" e alá saíu o home sen perder tempo en preparativos que, á parte o posto, toda a súa equipaxe era o seu inseparábel abrigo de león e unha maza coma o as de bastos.
|
|
|
Hércules emprendeu a pé o seu camiño cara o arredado occidente (que non oriente), que era onde aquel individuo tiña os seus cortellos. Sexa porque daquela non había mapas, sexa porque ao heroe lle gustaba ver mundo, foise seguindo a ribeira sur do Mediterráneo, ou dito doutra maneira pola costa africana. Cóntase que atravesando os desertos de Libia o sol púxoo tan desesperado que ameazou ao astro rei con darlle unha malleira se non deixaba de fritirlle os miolos. Para congraciarse co chamuscado camiñante, o sol prestoulle a súa propia barca - que era unha copa enorme coma unha... barca - para que atravesase o mar e chegase máis rápida e comodamente ao seu destino. |
|
|
Así pois, Hércules sucou o mar Océano metido naquel caldeiro e botou novamente pé a terra cando o aire comezou a pórse agre, impregnado dun inconfundíbel olor a esterco. Por aí andaban os rabaños do tal individuo a quen xa vai sendo hora de que chamemos polo seu sonoro e bonito nome: Xerión.
|
|
|
|
Agora ben, segundo quen a conte e en que época, a historia ten as súas variantes. Os máis antigos dos autores antigos, como o poeta Hesíodo, que viviu alá polo 700 a. C., situaban os prados de Xerión nalgún sitio indefinido do para eles bretemoso confín occidental de Europa e, polo tanto, do mundo. A medida que os coñecementos xeográficos se foron ampliando, Xerión pasou a ser natural de Iberia. Dentro do territorio peninsular, afincárono en distintas rexións, primeiro ao sur e pouco a pouco, co curso dos séculos, fórono desprazando cara ao norte.
|
A propia figura de Xerión sufriu uns cantos cambios de silueta. As tradicións máis antigas dinnos que tiña un par de ben formadas pernas, robustísimas sen dúbida porque debían soster tres torsos, seis brazos, tres cabezas e cento vinte e oito pezas dentais, se é que Xerión as tiña todas. E é que o citado cabaleiro de cintura cara abaixo era un, mais de cintura cara arriba era trino, é dicir, triple. |
|
|
Co avance das ideas racionalistas, os escritores de épocas máis achegadas ao cambio de era intentaron conciliar os vellos mitos coa realidade corrente e afirmouse que Xerión non fora un ser tan estraño senón un home coma todos que tivera baixo o seu dominio tres illas ou tres reinos e por iso se lle atribuíra a tricefalia. Sexa como fose, sobra dicir que Hércules se enfrontou a Xerión, venceuno e marchou de regreso a Grecia pastoreando as vaquiñas louras.
|
|
|
Pero o autor que para o caso máis nos interesa non o atoparemos na Antigüidade senón no terzo final da Idade Media. Non é outro que o rei Afonso X, chamado con xustiza o Sabio polo seu infatigábel e incondicional apoio á cultura. Entre os moitos intereses que manifestou a súa versátil personalidade atopábase a historia. Claro que a idea que entón se tiña desa disciplina permitía incorporar moitos relatos do pasado mítico que hoxe, naturalmente, quedarían excluídos dela.
|
|
|
Pero sendo as cousas como eran, nos albores da historia peninsular reaparece o combate entre Hércules e o terríbel gandeiro. Segundo don Afonso, Xerión dominaba as terras situadas entre os ríos Teixo e Doiro e exercía un poder tiránico sobre as xentes do lugar, de xeito que Hércules, á parte o seu interese polas vaquiñas, foi por el para librar á poboación dos seus constantes abusos. Xerión fuxiu cara ao norte, pero Hércules deulle alcance pouco máis alá da praia de Riazor, probabelmente baleira de bañistas. O combate foi sen tregua e durou nada menos que tres días. |
|
Finalmente, Hércules matou ao seu adversario, cortoulle a cabeza (segundo parece, só unha), enterrouno e decidiu edificar encima unha gran torre, non fose que con menos peso enriba aquel ser descomunal volvese á vida.
|
A continuación, pensou que sería bo fundar tamén unha cidade e enviou mensaxes polo país solicitando colonos. Di don Afonso que "o primeiro poboador que veu foi unha muller que tiña por nome Coruña e por iso puxo ese nome á cidade".
Porén, Hércules marchou rumbo a Grecia sen acabar a torre. Conta o rei sabio que foi un sobriño seu, chamado Espan, quen rematou a obra e colocou un gran espello no seu cumio, mais non coa idea de guiar o tráfico marítimo senón para ver desde lonxe as naves inimigas e evitar que o pillaran por sorpresa. |
|
|
A torre e o faro son, en efecto, moi antigos. Non tanto como afirma o mito, pero xa teñen case dous mil anos ás súas costas, que non está nada mal.
|
|
|
É obra romana, construída a comezos do século II da nosa era, en época do emperador Traxano, que nacera na Bética, a actual Andalucía. Sábese tamén que o arquitecto foi outro hispano-romano, Caio Serxio Lupo. É probábel que antes de colocar a primeira pedra fixera uns cantos sacrificios para conxurar as reviradas intencións do defunto Xerión. |
|
Tamén a cidade quixo gañarse a boa disposición do tempestuoso antepasado e concedeulle o honor de figurar no seu escudo; e aí están, por debaixo da torre, a caveira e as tibias de Xerión. |
 |
|
|
|
|