Que
é unha Equipa de Normalización Lingüística?
A
ENL é un grupo de dinamización conformado
por diferentes membros da
comunidade escolar. O seu obxectivo é mellorar as
actitudes e promover o uso da lingua.
A ENL quere conformarse como un grupo humano plural e variado,
que articule un proceso de animación sociolingüística
de cara á participación da comunidade escolar
en proxectos vivencias dinámicos, lúdicos
e educativos en torno á lingua galega.
A participación e colaboración entre os membros
da comunidade escolar quere servir ademais para dinamizar
novos espazos de creatividade e socialización onde
as habilidades interpersoais se poidan desenvolver como
valores propios dun proxecto no que aprendamos disfrutando
e disfrutemos aprendendo.
O proceso de desenvolvemento da lingua galega debe ser un
proceso aberto á participación de todos e
todas, un proceso de comunicación e diálogo,
e de transmisión de valores e actitudes que faciliten
o proceso de normalización e neutralicen moitos dos
obstáculos que a historia puxo no camiño da
lingua galega: prexuízos, autoodio, diglosia, falta
de recursos, inseguridade, etc.
A lingua galega é, por vez primeira na historia,
unha lingua minoritaria entre a infancia e a mocidade galega.
Nas cidades os índices de uso do galego como lingua
habitual na xente nova son inferiores ao dez por cento.
Todos os estudios confirman o avance da desgaleguización
cara ás vilas. Na comarca do Deza, talvez é
en Lalín onde máis se estea aprezando esta
perda interxeracional de uso do galego. Vila
de Cruces mantén o galego como un patrimonio de seu,
activo e vivo, e a nosa lingua segue sendo a lingua ambiental
maioritaria no centro, especialmente nas relacións
informais. Por iso é importante articular actividades
e valores que confirmen que no IES Marco de Camballón
o uso da lingua galega pode ser, simplemente, normal, en
calquera ámbito.
O obxectivo da ENL é traballar pola normalización
lingüística através dunha proxecto definido,
desenvolvido ente moitos e moitas, non baseado na sucesión
de actividades inconexas, senón a través da
creación dun proceso planificado de normalización
onde a creación dun ambiente de receptividade da
lingua galega debe ser fundamental.
Animación sociolingüística,
creación, cursos de formación en habilidades
comunicativas, campañas de normalización,
actividades varias (saídas, festivais, concertos,
ciclos de vídeo, cursos para inmigrantes, reivindicación,
e todo o que ideemos...)
Anímate a participar no proxecto
da lingua. Forma parte!