| |
1.
O pasado 12 de xullo de 2003 a Real Academia Galega aprobou
unha proposta de modificación da 'normativa oficial'
do galego. A normativa oficial nacera como tal a raíz
do Decreto de Normativización da Lingua Galega (coñecido
como "Decreto Filgueira" e publicado no DOG en abril
de 1983), que viña consagrar como modelo para a escrita
da lingua galega as Normas Ortográficas e Morfolóxicas
do Idioma Galego, aprobadas en sesión conxunta da
Real Academia Galega (RAG) e do Instituto da Lingua Galega (ILG)
en xullo de 1982.
| 2.
A proposta de modificación da 'normativa
oficial', referendada pola RAG, veu precedida dun intenso
traballo en prol do consenso normativo, auspiciado pola
Asociación Socio-Pedagóxica Galega, e que
deu nunha proposta de modificacións das devanditas
Normas Ortográficas aceptada |
 |
polo ILG e os departamentos de Lingua das tres universidades
e apoiada por un número importante de entidades, colectivos
e persoas interesados na normalización do noso idioma.
3. A ratificación
que o pleno da RAG fixo de modificación no texto da normativa
oficial foi saudada de xeito positivo desde a case totalidade
dos sectores que pulan pola normalización plena do noso
idioma, sexan do ámbito que sexan (lingüístico,
cultural, político, sindical...), agás por unha
parte dos círculos reintegracionistas e lusistas, que
alertaban do escaso alcance das modificacións aprobadas
e da marxinación das propostas reintegracionistas.
4. A esta altura,
existe un descoñecemento bastante amplo dos puntos que
se introducen como modificacións nas Normas Ortográficas
e Morfolóxicas do Idioma Galego tras o debate na
Academia, mesmo entre os profesionais dun ámbito como
o ensino, e isto nos comezos dun novo curso escolar.
5. Cinguíndonos
ao ámbito estritamente lingüístico, as modificacións
acordadas pola RAG non son de gran calado e, de feito, nalgúns
casos limítanse a sinalar como opcións preferentes
algunhas que estaban admitidas como válidas nas propias
Normas, mais que estaban consideradas como opcións non
aconsellábeis (é o caso das terminacións
'-bel' e '-aría' ou da contracción 'ao' por exemplo).
Estas son ALGUNHAS das mudanzas realizadas na norma segundo
a Real Academia Galega:
- Desaconséllase
a representación gráfica da chamada
"segunda forma" do artigo; e así
óptase por escribir, por exemplo, "cambiar
as cousas" no canto da solución anteriormente
recomendada "cambia-las cousas", adecuada
na oralidade.
|
- Óptase
por grafar todo xunto, a diferenza de antes, palabras
como: "apenas", "amodo", "devagar"
ou "acotío".
|
- Prefírese
a utilización das terminacións '-bel'
e '-aría' ("posíbel" e "concellaría")
e da contracción 'ao' (no lugar de 'ó').
Tamén se indica como preferente o uso dos signos
de interrogación e exclamación só
ao final da frase ("Quen o sabe?").
|
- Inclúense
novas palabras coa terminación '-zo' ou '-za'
(anteriormente '-cio', '-cia'), por exemplo, "espazo",
"servizo", "diferenza" ou "sentenza".
A forma Galiza recoñécese como tradicional
e literaria, e é aceptada nas novas normas.
|
- Por
regra xeral, desaparece a letra 'c' dos grupos consonánticos
'-ct-' e '-cc-' se están precedida das vocais
'i' e 'u', por exemplo, "dicionario" ou
"ditado".
|
- Así
mesmo, admítese o emprego de palabras como
"até", "porén",
"estudante" ou do relativo "cuxo",
anteriormente proscritas. A letra 'q' vaise chamar
letra "que" en vez de "cu".
|
En resumo, a reforma da normativa oficial aprobada pola Academia
Galega parece ser un avance de calidade na resolución
do denominado conflito normativo, ao conseguir unificar as
dúas propostas de norma que máis usuarios e
adhesións concitaban, a "normativa oficial"
e mais a "normativa de mínimos".
A
ENL anímavos a coñecer e adoptar as modificacións
da norma como sinal de modernidade e actualización
da lingua galega.
|
|