páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
 

 

 
 
O Clube da Lingua informa
Outubro, 2003
IES Marco do Camballón
 
     
 

Entrevista a Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

 
 

O pasado 17 de outubro tres alumnos do IES Marco do Camballón foron a Santiago entrevistar ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Álvaro, Salva e Alberto, de 3º de ESO, exerceron de xornalistas e achegáronnos unha visión actualizada sobre o estado da lingua.

-Que é a Mesa?
-É unha asociación con máis de dous mil soci@s, apartidista, que desde hai dezasete anos vén traballando en diferentes campos na promoción e defensa da lingua galega.

-Que actividades estades a facer?
Agora estamos preparando dúas campañas. Unha, dirixida ao ensino, co obxectivo de que se cumpran os mínimos legais de galeguización. E outra, dirixida aos bancos e caixas de aforro. Falamos cos tres sindicatos maioritarios, CIG, CCOO e UXT e coa súa axuda imos procurar unha cuestión elemental: que calquer cliente que o solicite poida realizar calquer servizo en galego no seu banco. É unha loucura pensar que hoxe non se pode facer. Mirade, por exemplo, se vosos pais solicitan un empréstimo en Caixa Galicia e piden que sexa en galego non é posíbel. Mais se estivesen en Catalunya e fosen a Caixa Galicia, si que terían todos os servizos en catalán, sen problema! E isto é intolerábel.


-Podes facernos unha radiografía da lingua hoxe en día?

-Pois a lingua está mal. Todos os estudos indican que hai un retroceso, de avós a pais, de pais a fillos. Nós somos a xeración máis desgaleguizada da historia.
Os entrevistadores con C. Callón

-A mocidade e a lingua, como está a cousa?
-Hai un pequeno divorcio. Cóntase o chiste dun avó que fala co seu neto e dille: Ai, por que falas galego se o galego non vale para nada. E o neno dille: Abuelo, no digas eso que el gallego es muy bonito. Mirade, o avó fala galego pero non o valora. E o neto non o fala pero dálle valor. Desaparecen os prexuízos na xente nova pero cada vez fala menos galego.

-Que é a diglosia?
-Hai xente que segue considerando que o galego é unha lingua para usos informais, familiares, coloquiais, e o castelán a lingua útil, para todos os ámbitos, especialmente nos ámbitos de máis poder social. Moita xente que di que fala sempre galego nas enquisas faino a nivel familiar, maisdespois cando van ao médico ou ao avogado non o emprega. Pensan que hai unha xerarquía entre linguas, e o galego está por debaixo. Hai que superar iso.

-Como está o galego no ensino?
Pois mirade, un de cada tres centros de medias non cumpre os mínimos legais. Mesmo hai profes que teñen o libro de texto en galego mais que dan a clase en castelán. É unha neglixencia da inspección educativa, que non se preocupa por facer cumprir o regulamento que aprobaron no Parlamento galego todos os partidos políticos que nos representan. Segundo un estudo de 2001, hai un vinte por cento de mozos e mozas que din que non é capaz de escribir en galego, que son analfabetos funcionais na nosa lingua. Iso ten que cambiar.

-Que nos dis da chegada de Shin Chan aos cines?
-O cinema está pouco galeguizado e en certa maneira é responsabilidade da Xunta. Nós falamos coa distribuidora e explicámoslle que seguro que Shin Chan e Doraemon funcionaban ben en galego. A Xunta nin se puxo ao teléfono nin falou coas distribuidoras de cine. Imaxinade que se estrea Matrix na tele galega. Teñen que traducilo para emitilo e a dobraxe custa arredor de doce mil euros. A cuestión é que se en vez de pagar eses doce mil euros en dobraxe para emitila pola tele, houbese un convenio entre a Xunta e as distribuidoras de cine para dobrar filmes de cara á súa estrea nas salas comerciais, teríamos cine na nosa lingua. E despois xa as botarían na televisión. Pagando antes teríamos o filme para todo o circuito comercial en galego: vídeo, DVDs... Mais a Xunta de Galiza, que ten un orzamento de 3.000 millóns de pesetas para promocionar a lingua, péchalle as portas ao cine en galego.

 
     
 
 
     
 
Volver ó índice de O Clube da Lingua informa
 
     
índice de normalización lingüística | arriba
 
   
 
     
iescamballon@terra.es