páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
 

O MAGOSTO
A orixe da festa e do termo


É unha festa de orixe pagá que logo foi cristianizada, e, como tódalas festas de carácter agrario, pode situarse na Prehistoria, cando o ser humano vai adquirindo consciencia individual e social . É unha festividade relacionada co culto á fecundidade; de aí a súa relación directa co lume, representando ó sol, deus fecundador da terra.
Trátase tamén dunha comida comunitaria e ritual que reforza os vencellos comunitarios do mundo rural, galego; ten un carácter alegre e de acción de gracias polos froitos recolleitos, así como de homenaxe ós castiñeiros e as castañas.
Con posterioridade foi asociada ós santos e defuntos, por iso se festexa o 1 de novembro, por ser unha comida que simboliza a morte do ciclo solar anual. Máis tarde nas terras de Ourense pasou a celebrarse o día 11 de novembro, festividade de San Martiño de Tours, padroeiro da cidade das Burgas. De Ourense espallouse por toda Galicia, collendo novos matices, aínda que corre risco de perde-la súa orixinalidade e espontaneidade popular tradicional
Segundo crenzas antigas a castaña era como un símbolo da ánima dos defuntos.Tradicionalmente outono, castaña e defuntos aparecen asociados na festa dos magostos.Enténdese que cada castaña comida é unha alma liberada do purgatorio. Dise tamén que despois da festa as almas viñan a quentarse nas brasas das fogueiras, polo que cumpría deixar algo de castañas para a parroquia dos mortos.
Hai varias teorías sobre a orixe do seu nome: Mentres uns coidan que vén do latín "mag".
Murguía consideraba a festa do magosto coma un banquete funerario no que a castaña e o viño simbolizarían a morte e a vida.Hoxe en día fanse na eira da casa, nas adegas, nas lareiras das cociñas, pero segue a tradición de facelas no monte ou nun escampado no que o lume non poida facer mal.
Prepárase con certa antelación, poñéndose de acordo para coñecer o que aportará cadaquén, sobre todo castañas e viño, e tamén chourizos e augardente para a queimada.
Unha tarde solleira á hora da merenda-cea é ideal para a celebración do magosto. Acéndese o lume con frouma, palla e logo uns garabullos; logo fáiselle unha laña ás castañas para que non estoupen, pero deixando sempre algunha para provocar troula cos seus estoupidos.
Cando só fiquen as brasas esparéxense as castañas sobre elas.
Os elementos do magosto
Como elemento básico é imprescindible do magosto citarémo-la castaña, nai e filla do castiñeiro.
O segundo elemento é o lume, con todo o que simboliza, como representación do deus sol dador de vida e elemento purificador.
Outro elemento importante do magosto é o viño, que non deixa de se-lo sangue da terra.
Pan de centeo e millo, empanadas, chourizos, patacas (que se soen asar no lume sen depenar), e augardente para a queimada (de novo outra purificación), son suficientes para este día de troula.
Ocupa un lugar eminente a leña, outro froito da terra, para facer un bo lume.
O castiñeiro
O castiñeiro, de nome científico "Castanes sátiva Miller", é unha árbore de copa moi mesta e aberta que vive, sobre todo, nos chans acedos. Medra moito nos primeiros anos e logo a modiño. Son árbores de longa vida, resistentes, duras e ata superan os estragos do lume.
O castiñeiro era fundamental na economía agraria, tanto pola madeira, imprescindible na construcción e no traballo, como polo seu froito, fundamental na economía alimenticia doméstica. Os grupos de castiñeiros chámanse soutos (onde o castiñeiro é espontáneo) ou castiñeiras (onde é artificial, procedente de cultivo).
No outono os soutos acadan gran beleza pola cor dourada e porque se ispen de follaxe. Os ourizos caen e ábrense pisándoos para que amosen as castañas.
Os castiñeiros de Galicia sufriron importantes talas, enfermidades, incendios e actuacións pouco sensibles coa paisaxe.

A castaña: O froito, labores e manxares
A castaña, último froito do ano, é moi nutritiva, aínda que de dixestión pesada. Polo San Martiño as castañas empezan a "pingar", a abri-los ourizos e deixar cae-los froitos. Estes ourizos recóllense co angazo; é a labor da "apaña"; as castañas pódense recoller cun pao en forma de pinzas que se chama "petela".
Onde hai moitas castañas construíanse "sequeiros", pequenos edificios que tiñan un andar con táboas de madeira separadas e cheas de buratos; alí botábanse as castañas a secar, remexéndoas de cando en vez. No baixo acéndese lume e o fume vai pasando por entre as castañas .

índice de orientación | arriba
 
   
 
     
iescamballon@terra.es