páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
 

Situación do centro e características do contorno

Concello de Vila de Cruces

 
 
 

Localización
Latitude: 42º 43´25´´ - 42º 51´20´´ N.
Lonxitude: 4º 39´30´´ - 4º 25´ W.

Extensión aproximada de 147 Km2 e unha poboación aproximada de 7470 habitantes, distribuídos en 28 parroquias.

 

 

 

Condicións socioeconómicas

Predomina un nivel socioeconómico entre medio e baixo. O contorno vai quedando despoboado debido a que moita xente nova busca espacios urbanos para traballar e vivir: a aldea é a "casa dos vellos", queda para visitala en festivos e celebracións familiares.
Sen embargo, cómpre indicar que entre os pais dos/as alumnos/as que asisten ó Instituto hai un predominio do sector agropecuario, sendo moitos os casos de familias nas que a nai atende o gando e a casa e o pai vai traballar en sectores como o da construcción, madeira, talleres, fábricas de maquinaria industrial, etc., en Vila de Cruces e nas localidades urbanas próximas. Nos últimos tempos, hai nais que empezan a saír a traballar fóra da casa. Ámbalas dúas situacións fan que en moitos casos os/as alumnos/as estean cos avós de forma case permanente.
Como se sinalaba anteriormente, a maioría da xente nova busca outro lugar para vivir ó remata-los estudios obrigatorios e unha porcentaxe aproximada dun 30% acada a realización dunha carreira en localidades cercanas.

 

Servicios sociais

Educación
Os centros escolares que hai no Concello son:
- EEI de Piloño
- CEIP "Cerdeiriñas", en Piloño, cunha matrícula aproximada de 120 alumnos/as.
- CEIP de Merza, cunha matrícula aproximada de 90 alumnos/as
- CEIP "Virxe da Piedade", en Vila de Cruces, cunha matrícula aproximada de 300 alumnos/as.

Por tratarse dun concello moi extenso, a diseminación de centros de ensino é inevitable, dada a natureza rural da súa poboación e a conseguinte dispersión en pequenos núcleos.
- Unha escola municipal de música cunha matrícula superior ós 200 alumnos. A elevada cantidade de alumnos/as é debida, sobre todo, á gran tradición musical da zona, que conta con dúas bandas de música: Unión Musical de Ponteledesma e Banda Artística de Merza, sendo esta última unha das bandas populares máis antigas de Galicia.

Zonas deportivas
Soamente se conta con pavillóns polideportivos nas zonas dos centros de ensino. Existen dous campos de fútbol: "O Camballón", en Vila de Cruces, e "Os Píos", en Piloño; existe tamén unha piscina municipal en Vila de Cruces.

Servicios médicos
Hai un centro de saúde en Vila de Cruces que concentra toda a atención primaria do contorno. A Seguridade Social dálle ocupación a catro médicos e existe, ademais, algunha consulta privada. Polo que atinxe ós especialistas, hai un pediatra, un practicante e unha comadroa.

Servicios sociais
O Concello conta con dúas asistentas sociais que se encargan de atende-los casos que o precisen no contorno; tamén se dispón de varios contratados temporais para a atención de minusvalías, terceira idade, etc.

Asociacións culturais e deportivas
As dúas agrupacións deportivas máis importantes son a S.D. Cruces e a S.D. Piloño, que compiten en diferentes categorías de Rexional. Pero tamén existen varios grupos máis sen federar no resto do concello.
Cabe destaca-lo aumento de afeccionados á loita libre e grecorromana, na que xa hai algún campión de España.
Polo que atinxe á cultura, gózase de certa proliferación na actualidade. A máis antiga é a Asociación "Tras San Xoán", de Vila de Cruces, que organiza actividades periódicas ó longo de todo o ano.
Nas zonas rurais funcionan varias Asociacións de Mulleres Rurais, que se dedican fundamentalmente a organizar actividades dirixidas ás amas de casa, con cursos e exposicións moi variadas nos seus locais, así como excursións, visitas culturais e xantares e ceas de confraternidade.
Existen, así mesmo, varias asociacións de veciños.

 
Indice da sección de información Arriba
 
     
iescamballon@terra.es