páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
 
   
  Esperando as musas
 
   

Alberto Balo Mar, par, lar. Na morte dun soño. Abril 2003

 

Paixóns soñadoras... Un claro luar abre a estampa daquela noite solitaria e náufraga. Unha brisa tardía de ilusión e esperanza percorre aquela paisaxe insomne de mar, terra e auga. Abaixo, as ondas perpetuas murmuran vellos cantos de pedra e escuma; mentres, os luceiros silenciosos da noite sucan paseniño, moi paseniño, o seu propio mar de indiferencia.
No porto, un navío de ás brancas agarda a chegada dos viaxeiros para encher as velas do vento que emana a amargura. Cando o sol regrese da súa letarxia nocturna, aquel barco que agora descansa no sepulcro do mar partirá cargado de rostros e temores anónimos; rostros que, sen embargo, agochan tras de si unha lenda persoal, mozos labregos arrancados do rogar e convertidos en aventureiros, en peregrinos dun destino que aínda está por forxar.
No anonimato da escuridade, uns ollos choran apagados a soidade da súa alma. Unha marea de presaxios salgados encobre as bágoas azuis daquela moza que espera a partida no amparo do soño.
É alí, no mundo idílico da nada, onde a desolada princesa comeza unha singradura que a devolve ó trono da felicidade, do reencontro. Lonxe quedan agora as dificultades dunha vida baseada na piedade, na misericordia dunha terra nai que cría fillos para a emigración.
As horas pasan paseniño, moi paseniño; as primeiras raiolas da alba despertan a princesa que agora, de volta xa no mundo real, se converte en Silva. A paisaxe vaise enchendo dunha vitalidade apagada, consumida pola necesidade de partir. Cando a moza conseguiu alzar a vista, o navío silandeiro perdíase xa na inmensidade do mar. Consciente do que era, a moza sente como o seu soño se esvae entre os dedos da realidade; no seu lugar unha promesa, unha imaxe... mar.

Un recén estreado día alumea con forza, intentando derreter as ás daquel navío que prosegue a súa andaina rumbo ó limiar do descoñecido. Na cuberta, un vixía espera a visión do novo mundo, da liberdade... Ó seu carón, un mozo galán e fachendoso agarda sereno, arrimado á varanda e contemplando o discorrer constante das ondas que se dirixen á patria perdida.
Un berro aloucado, froito da ledicia e da incertidume, sacou ó mozo labrego da escena na que estaba submiso; a silueta da chegada faise cada vez máis nidia. Dende a proa, o protagonista ve como a brétema se disipa ante a mirada colectiva de todos aqueles que agardan o desembarco. A medida que o barco se aproxima a terra, todos comprenden que o soño americano acabará por engulir a lonxana Galicia.
Dende o peirao, a recén chegada colonia emprende unha nova viaxe na que o único mar que terán que sucar será o do desconcerto e o da incertidume; estes náufragos do destino deberán agora enfrontarse sós a ese mar de dúbidas que se agocha trala aparencia de boa oportunidade e diñeiro fácil.
Abandonados nunhas augas tan hostís como as que atrás deixan, bótanse a nadar ataviados co único salvavidas que posúen: o do recordo. Nesta singular singradura pola supervivencia, o mozo labrego volveu a cabeza e, cravando a mirada nunha parella de gaivotas que flotaban no ceo, fíxose a si mesmo a promesa de refacer a historia de dous amantes separados pola barreira da distancia; as gaivotas seguen no aire, na súa mente tamén... par.

O tempo discorre veloz entre todos aqueles que ansían voltar ó vello fogar de lingua esquecida e tradicións perdidas. As horas transformánse en días, os días en anos e os anos en enrugas. A sorte e o traballo foron colocando a cada un dos emigrados no lugar que o destino lle reservou. Aquela terra adoptiva de bondade e sona grandiosa, foi gravando na fronte de cada un deles o testemuño dunha vida diferente.
Moitos acabaron os seus días tal como os comezaran: agoniando por unha esmola coa que avivar o lume do seu corazón murcho. Outros, só aqueles que loitaron baixo o amparo da fortuna, conseguiron triunfar, retribuíndo unha miserenta infancia cunha vellez farturenta e despreocupada. Algúns conseguiron refacer as súas vidas en terras americanas, outros nin sequera chegaron a velas, pero poucos, moi poucos, conseguen algún día voltar á terra que os viu marchar. Sen embargo, no medio dun destes tantos retratos biográficos, un rico comerciante vai cumprir unha promesa que, lanzada ó ventos, pervive intacta na súa mente.
Efectivamente, aquel mozo labrego que partira co desexo de voltar dispúñase a refacer aquel par roto pola distancia. Convertido nun home de fortuna, remonta os seus pasos de pobre campesiño para partir ó encontro do seu amor; o reencontro está próximo, aquel par de desafortunados vaise xuntar despois de moitas noites solitarias e náufragas; xa se albisca ó lonxe... lar.
Paixóns soterradas...

Unha cova
nun outeiro
e un cadáver no fondo do mar.

 

 

 

 

 

 

 
     
  Regresar ó índice da sección Arriba