páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
 
   
  Esperando as musas
 
   

Cristina Fernández Casualidades. Maio 2004

Casualidades: existen ???
Coñezo unha rapaza que un día me contou unha historia moi curiosa. Esta ocorréralle a ela e a un par de amigas, anos atrás. O conto comezara no mes de xuño cando rematara o curso e as tres xuntas foran recoller as súas fantásticas notas.
Aquela mesma noite, xuntáranse para celebralo cunha cea por todo o alto con todas as súas amizades. As tres ían guapísimas: vestidos longos, peiteados de perruquería, maquillaxe discreta e xoias preciosas. Logo de cearen, saíran á discoteca. Era unha discoteca de dúas plantas; nunha delas estaba a pista de baile e na de abaixo uns cómodos asentos para relaxarse...
Era hora de marchar e Ánxela estaba recollendo a súa chaqueta cando Daniel, un dos rapaces máis guapos e desexados polas mozas, acercóuselle e díxolle nun susurro: "Mira Anxela, eu estou aquí por ti e porque podo verte, xa que a vida sen ti non ten sentido ningún..." Unha declaración en toda regra!
Mentres ela escoitaba, atónita, Aldara e Uxía rían a gargalladas. Pero a cousa non rematou aí, senón que o rapaz, de súpeto, bicouna nos beizos, e xusto nese intre apareceu Xurxo, o seu mozo. Ante tal panorama, saíu con paso apurado e Ánxela detrás, para explicar o ocorrido. A situación acabara amañándose.
Días despois, as tres mozas fixeran as maletas para ir a Italia, onde ían estudar. Para non pedir un taxi, Aldara chamou ao seu chofer, Xoán. Este parecía triste e, aproveitando un momento de despiste de Ánxela e Uxía, declaroulle o seu amor a Aldara: "Voute botar moito de menos e quero que saibas que te quero máis que a min mesmo. Só vivo para ti". O chofer agarrouna con forza entre os seus brazos cando apareceu Carlos, o mozo dela. Aldara disculpouse e arranxou como puido o malentendido, mentres as súas amigas, dentro do coche, escachaban coa risa.
Xa camiño do aeroporto, as tres falaban das anécdotas de Ánxela e Aldara e Uxía ríase delas; pero riuse demasiado pronto: ao chegar á porta de embarque, alguén berraba o seu nome. Deuse a volta e comezou a ver persoas altas, baixas, loiras, morenas, pero ningunha coñecida ata que os seus ollos deron en Marcos, un compañeiro de clase. Ao acercarse a ela agarroulle a man e comezou a dicirlle: "Hai moito tempo que nos coñecemos e nunca che contei o meu gran segredo. Vivir sen ti é como non respirar..." Ela estaba a punto de rir cando el intentou bicala e apareceu Anxo, o seu mozo, quen tivo que conter a ira ata que Uxía lle explicou todo o ocorrido.
Entre risas e choros subiron ao avión. Aldara mirando pola ventá, pensando en quen sabe qué; Uxía enfrascada nun libro e Ánxela escoitando música. Foi nese intre cando unha azafata apareceu cun pequeno paquete para Ánxela. Dentro había un anel, regalo de Xurxo, cunha tarxeta: "Para que a nosa unión sexa eterna". A gargallada non se fixo esperar entre as outras dúas; pero, de repente, quedaron en silencio cando a azafata lle entregou un peluxe enorme a Aldara. A tarxeta poñía: "Para a persoa máis doce do mundo, á que sempre quererei. Carlos". Uxía non podía respirar co ataque de risa que estaba sufrindo e nisto viu que a azafata se acercaba cun gran ramo de rosas; calou e resignouse ao comprobar que, efectivamente, eran para ela: "Para a miña flor, que o amor que sentimos nunca murche. Anxo", dicía a tarxeta.
Cando a miña amiga rematou de contarme isto eu xa andaba tirada polo chan coas mans na barriga de tanto rir. Pero entón vai ela e dime: "Quieta Cristina, que aínda non acabou o conto!"
As tres, xa cos seus regalos, quedaran durmidas. Nada máis pisar en terra italiana sacaran as maletas da cinta transportadora e mentres admiraban a bela paisaxe acenderan os móbiles. Os tres comezaran a soar á vez mentres nas súas pantallas aparecía a palabra... "CARIÑITO".

 
     
  Regresar ó índice da sección Arriba