|
O
Pozo Piagro
O lugar máis fermoso de Toiriz chámase Pozo
Piagro. É un lugar afastado do ruído, rodeado
de moita vexetación e cheo de maxia.
O
Pozo Piagro é un ensanchamento no leito do río
Arnego cando pasa polo Fondo da Serra (Toiriz).
Este recuncho está rodeado de moitas árbores
como carballos, freixos, salgueiros... e conta cunha gran
vista ós montes, que na época da primavera están
máis bonitos pola floración dos toxos.
Neste pequeno recuncho o día faise un soño e
o anoitecer un longo conto.
Co despertar do sol o Pozo Piagro énchese de vida,
os paxaros comezan a cantar, os peixes voltan a ser visibles
polo leito do río, o olor das flores revive a nosa
mente e pérdese a noción do tempo.
Cando comeza a caer o sol, no río todo é máxico
e moi misterioso. As sombras das árbores son máis
humanas, o croar dalgunhas ras parece a voz das persoas; o
único que non cambia é o inconfundible son do
río: un río claro, lento, tranquilo, que reflicte
a realidade do revés permitíndonos ver doutra
maneira a paisaxe que nos rodea.
O Pozo Piagro é un lugar que existiu sempre, un lugar
no que hai moitas cousas sen descubrir.
Unhas
das características máis chamativas é
que hai unha palabra moi semellante a Piagro que significa
pozo profundo no leito dun río. Esta definición
pódeselle dar ó Pozo Piagro, un pozo no medio
do río. Este pozo é moi profundo, aínda
que se intentou medir a súa profundidade non se conseguiu.
Outra característica singular é que hai unha
lenda sobre este Pozo. Cóntase que no interior do Piagro
hai un buraco que se dirixe ó interior da Terra. Esta
lenda cóntana moitos anciáns que aseguran que
o buraco existe, xa que ás veces no medio do río
prodúcese un remuíño.
Estas
antigas lendas fan deste Pozo un recuncho fantástico,
cheo de beleza, no que un día se converte nunha hora
e onde este mundo cheo de guerras se converte nun mal soño.
Estela Veiga
|