páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
 
   
  Esperando as musas
 
   

Merichel Vicente A casa vella onde vivían os meus antepasados. Xuño 2004

Podo vela cando miro pola ventá do meu cuarto e por outras moitas da miña casa. É coma se estivese sempre esperando a que alguén a mire e que nos deixemos levar pola súa estraña maxia ata penetrar no seu interior.

  A casa vella está nun dos lugares máis altos de Castromouzo, coma se quixese observar a todos os que pasan por alí e recordar os vellos tempos, cando alguén xa esquecido puxo a primeira pedra no chan, e outra e outra máis, ata poñer en pé o que hoxe ven os meus ollos. Ela viviu moitas historias e sabe que o mundo cambiou, nada volverá ser o que foi. Gracia a ela moitos dos meus antepasados viviron e a luz penetrou polas súas ventás, iluminando o poeirento chan de madeira gastado por tantas pisadas de zapatos antigos ou pés descalzos. Pódense ver os gastados mobles, algunhas roupas farrapentas, quen sabe quen as vestiu. E os cristais inexistentes das ventás deixan pasar vagamente a luz do sol. Cando chove gústame subir polas antigas escaleiras de madeira case ás cegas e sentarme nunha esquina mentres escoito como esvara a choiva polas negras tellas da casa.

  Recordo, cando era máis pequena, que xa estaba encariñada con aquela casa vella e recordo, tamén, os meus avós sentados no banco do que fora unha cociña e eu no medio. Recordo que o meu avó facía lume no chan e entón eu pedíalle que me contase unha historia, daquelas que só el sabía contar; eu quedaba mirando fixamente ao lume e somerxíame noutro mundo conducido polas palabras do meu avó, ás veces interrompidas polas da miña avoa para introducir algúns detalles. Hoxe lémbrome de todo aquilo e paréceme que pasou unha eternidade e que eu xa non son eu. Todos cambiamos co paso do tempo e eu. Ás veces, síntome culpable de non ser aquela lonxana rapaza de cinco ou seis anos que sabía apreciar o que era realmente importante.

  A casa segue alí, ás veces esquecida por culpa das présas do mundo, que á fin e á cabo, non nos levan a ningures; máis ela sabe que algún día non estará onde está e, se segue estando, será coma se non estivese.Hoxe pódoa ver e entristéceme saber que eu non seguín a tradición de habitar nela, mais o mundo evoluciona e a casa vella quedou atrás. Eu, pola miña parte, cando sinto eses momentos de melancolía que todos sentimos en certas ocasións, corro a refuxiarme nela e entonces síntome coma unha formiguiña solitaria que busca acubillo na copa dunha árbore.

  Agora, escribindo dende a ventá do meu cuarto, podo ver a casa vella, e ela pode verme a min. A casa está triste, porque sabe que non é o que foi e séntese soa. A casa vella chora.

 

 
     
  Regresar ó índice da sección Arriba