|
|
|
| |
|
|
|
Castro
Mouro
Castro
Mouro é un dos lugares máis fermosos de todos
os arredores de Santo Tomé de Insua, xa que a súa
beleza engaiola ós que por alí se achegan.
O seu nome provén dunha antiga lenda ambientada nel,
aínda que responde a moitos outros nomes. Esa lenda conta
que os mouros chegaron a estas terras, quedaron cativos da súa
beleza, aparcaron e asentaron. Nunca nada se achou relacionado
coa lenda, xa que todo está envolto nun gran enigma,
que ata o de agora ninguén deu descifrado.
A Eira dos Mouros atópase algo afastada de Xordedo, situado
en Insua, pero un antigo camiño conduce ata esta atractiva
paraxe natural á que nin o paso dos anos lle pasou factura.
Moi preto dela pasa un pequeno regato, que serve para regar
as leiras próximas a el.
Nada máis chegar pálpase no ambiente unha misteriosa
tranquilidade que fai de todo o Castro Mouro un sitio cun aquel
de feitizo, de meiguice. Pero ese acougo crébase cando
os paxaros comenzan a entoar as súas rutineiras melodías
ou cando o vento abanea eses altos e vellos carballos que levan
toda a súa vida alí estancados ou cando se oe
o ruxir das follas, todas ciscadas formando unha inmensa alfombra
que o cobre todo.
Sobre este monte hai unha lenda, que foi condenada ó
esquezo hai anos cando os máis anciáns da aldea
falecían sen transmitila ós seus descendentes.
Determinado día chegan os mouros á aldea, asentándose
no alto dun pequeno coto, unha zona estratéxica onde
é doado albiscar ó inimigo por se decide atacar.
Levantaron o seu poboado e alí vivían pacificamente
sen molestar a ninguén. Pero había un problema,
non todos os veciños querían ós novos inquilinos
na aldea, vendo moi mal os seus raros costumes polo simple feito
de que foran diferentes ós deles. Tras o acontecemento
a aldea fragmentouse en dous bandos ou tribos: os Pousadas e
os Raíndos. Eran totalmente opostas e incompatibles.
Os Raíndos defendían ós mouros porque confiaban
en que xuntos poderían rematar cos abusos ós que
os sometían os Pousadas. Nin unha única persoa
da aldea cría que esta guerra tivese remedio nin co paso
do tempo.
Todo segue máis ou menos igual, pero algo cambia. Unha
incógnita: os Raíndos comezan a saír a
flote dese fondo pozo ó que todos chaman pobreza. Os
Pousadas saben que agora os Raíndos non dependen totalmente
deles porque atoparon unha forma de fuxir dos seus atropelos.
Tiñan un plan.
Esa mañá, a moza elixida xa atravesara o portalón
dos mouros cando o galo cantara a primeira vez. Era bastante
cedo pero había xente por todas as partes. Ela sabía
paso a paso o que tiña que facer, pero, agora, fronte
a fronte co perigo, parecía que todo o aprendido se esfumaba;
estaba nerviosa, tiña medo. Intentaba disimular todo
iso, non o conseguía. Todos os presentes na Eira dos
Mouros mirábana para ver o que facía. A moza decatouse
diso e nese intre derrubouse, non tiña nin idea de qué
facer alí. Tremíanlle as pernas, o corazón
saíalle do peito, os ollos miraban a todas partes esperando
un milagre, estaba perdida, atrapada nun foxo sen saída.
Desa moza nada máis se soubo. Parecía que desaparecera
da superficie terrestre por arte de maxia ou por bruxería.
Pero na realidade moitas eran as persoas que coñecían
o seu paradoiro. Era un segredo, polo que non debía nin
correr o mínimo rumor.
Foi un golpe moi duro para os Pousadas, deixounos desmoralizados,
desorientados. Culpaban ós mouros da súa morte,
eles eran os culpables de todo e, polo tanto, inimigos ata a
morte.
Un día os mouros foron expulsados das súas propias
terras. Unha fuxida que non quedou só niso. Os Pousadas
aproveitaron esta ocasión para facer pola propia conta.
Apoiados por homes de todas as parroquias cercanas cercaron
o poboado para atacar cando se lles antollase. Dentro, era o
puro inferno. Ninguén corría, todos sabían
o que se lles viña enriba. Era un futuro incerto pero
predicible. Estaban a punto de perdelo todo. O que ninguén
sabía era que os Raíndos se estaban preparando
para a ocasión. Unha nova chegada ós oídos
dos mouros cambiou todo. Cambiou o rumbo dunha historia aínda
non rematada. Os outros decidiran atacar pola noite. Non contaran
co que crían un inimigo inferior: os Raíndos.
Dentro do poboado había moito movemento, estaban agochando
o seu maior tesouro e a súa maior miseria para que ninguén
o descubrise. O tesouro: unha mina de ouro. A miseria: unha
mina chea de alcatrán. Estas dúas minas eran moi
longas e orientadas na dirección da antiga escola da
aldea, atravesando todo o agro.
Os Raíndos decidiran arriscar todo polo todo e se perdían
no intento, mala sorte, pero non quedaría esa espiña
cravada pensando no que sería se ...
Cerca do poboado había un pequeno regato e os mouros
fixeran un túnel para que se puidese ir lavar sen necesidade
de saír do poboado. Grazas ós Raíndos puideron
salvarse todos eles. Chegou a noite e xa se vían moitas
antorchas inquedas, esperando a orde de atacar por parte do
alto cargo. Ese berro non tardou en escoitarse e tras del viñan
todos coma tolos, con ganas de vinganza. Todo estaba preparado.
Nuns míseros intres os atacantes convertéranse
nas vítimas. Ninguén vía ós mouros
por alí. Por onde saíran? Polo lugar menos esperado.
O desenlace non se sabe pero xa se imaxina, aínda que
cadaquén as súas conclusións terá.
Pero unha cousa é segura, que esta lenda non caerá
no esquezo porque deu espertado dun infinito letargo de miles
de anos.
Nunca apareceu nin o mínimo indicio que confirmase o
que a lenda conta, pero eu penso que esta historia si existiu
porque ...
Estrella
Pedreira
|
|
|
| |
|
|
| |
 |
|
|