|
Patricia
Méndez A
importancia do galego
(Versión
moi libre do texto Sobre os males que provoca o tabaco
de Antón Chekhov)
PERSONAXE.
JUAN CASTRO VILLANUEVA, xornalista que traballa na TVG como
presentador do telexornal das mañás. Ten vintesete
anos, solteiro, de familia acomodada e conta cun destacado
"apoio" no seu traballo, xa que súa tía
é a directora do espacio que el conduce.
ACTO ÚNICO
JUAN:
¡Boas tardes, donas e cabaleiros! (Frega as mans)
Como ben saben, a miña tía é a directora
de moitos dos espacios que desenvolve a fantástica
TVG; pois ben, o outro día insistiume en que hoxe disertase
sobre algún tema de actualidade... A miña profesión
permíteme abranguer gran parte da realidade, polo que
a min éme exactamente igual falar dunha ou doutra cousa...¿Que
hai que dar unha conferencia? Sen ningún problema;
eu darei a conferencia. Xornalista, xornalista,... o que se
entende como tal, non son; pero vamos, desempeño o
meu traballo coma calquera outro. Mesmo teño lido algúns
libros e escrito varios artículos. Xustamente
antonte acabei de ler Fuenteovejuna de Lopes de
las Vegas. Realmente, non cheguei a entender o porqué
do título, mais agora iso non importa... O tema do
que quero falar hoxe é un de pura actualidade e incumbencia
para todos os aquí presentes. A miña conferencia
intitúlase: "A importancia do galego"...
Ben, eu son castelanfalante, pero como miña tía
me dixo que cumpría falar do galego e da súa
valoración, pois terei que facelo...En fin, ¡que
se hai que falar do galego, falarei do galego! A min éme
igual, repito... O que si lles pediría é que
prestasen a máxima atención e interés
nesta modesta conferencia e se, por calquera cuestión,
alguén non se sente atraído pola temática
a desenvolver, pediríalle que abandonase agora mesmo
este auditorio... (saca o pano do peto dereito e con absoluta
naturalidade limpa os mocos). Igualmente solicito a máxima
atención por parte dos lingüistas porque a eles
pódelles ser moi útil e productiva a miña
charla. Todos sabemos que o galego é a lingua propia
de Galicia, si, non hai dúbida. Pero non esquezamos
que hai situaciones nas que o seu emprego é
tremendamente inoportuno; por exemplo, se falamos cun madrileño
a canal empregada deberá ser o castelán,
porque sino non habrá comunicación...
Para orientarnos podo dicir que o galego é unha lingua...(Pausa.)
Déboos advertir de que eu polo xeral axito as pernas
cando dou unha conferencia; mais non reparen niso... A razón
disto remóntase á miña infancia... Eu
sempre quixen ser músico, encantábame a percusión
e os ritmos que esta me proporcionaba no jazz; pero, claro,
iso non era un oficio digno para o sobriño da famosa
directora da TVG... Lembro que un 15 de xuño me matriculara
na Universidade de Santiago de Compostela para levar a cabo
o curso superior de música, o meu soño... Mais
en septiembre todo cambiou, a fatalidad obligoume
a renunciar a todo iso. Ela quería que estudiase xornalismo
para nun futuro poder desempeñar o seu cargo. Non sei
se o dixen pero non teño pais, bueno... (colle
o pano para limpar a suor da fronte) En realidade si os
teño, pero é coma se non os tivera. O afán
capitalista fixo que se converteran en auténticos monstruos
que viron no seu fillo a solución ós seus problemas
(Pausa.) Realmente, son uns ninguéns
que intentan pasar por unha aristocracia inexistente. Sin
embargo -isto que quede entre nós- eu son a base do
seu sobrevivimento. ¡Eu!, eu mátome a
traballar para que non lles falte de nada, e aínda
así, ¡o que ten que estar agradecido son eu!
¿non? O outro día houbo unha charla para debatir
a nova organización das seccións matinais da
TVG e miña tía, para variar, empaquetoume a
de deportes. ¡Sabe de sobra que os odio! ¿Tanto
lle costaba darme a de música? ¡Aínda
que fose por uns mesitos! Pero non, como sabe que devezo
por facelo..., non, pa que me joda. (Saca
o pano e asoa os mocos) Non fai máis ca amargarme
a vida. Pero... bueno, sigamos co tema central, que
xa me estou afastando del... Seguramente a vostedes gustaríalles
máis estar vendo un partido de fútbol, como
o do Real Madrid-Barcelona; pero se queren eu poño
esa voz ridícula que adoito na tele e simulamos unha
retransmisión. (Coa voz típica de retransmisor
dun partido de fútbol) ¡Escoiten, escoiten!
"Pola dereita entra Ronaldo, agora ven Rivaldo intentándolle
sacar o balón, conségueo mais chega Leandro
e....¡ui señores! Agora ataca o madrileño
Fernando, segue na súa banda e ¡gooooooooooooooooooooooool,
gol, gol, gol, gol, gol, gol, gol, gol....! (Voz normal)
Fágoo ben, xa o sei, pero o tempo pasa e o meu verdadeiro
soño segue aí, sen se cumprir. (Suspira)
Cada día lémbrome máis do son das maquetas
sobre a superficie vibrante dos timbais, da caixa, do bombo,
do xilófono...¡En fin! Xa case non me lembro
de como... Mais se hai alguén no auditorio interesado
en coñecer os meus dotes artísticos, apunten
por favor (con lentitude e mira previamente detrás
de si.) "986458963", ou se prefiren "636225487".
Neste último estarei localizable a todas as horas do
día. A televisión tenme moito que agradecer,
dende que eu estou alí, todo cambiou, todo é
distinto e mellor; case me atrevería a dicir que son
os seus mellores anos. Antes ...(en voz baixa e volvendo
a cabeza previamente) non valía pa nada.
(Suspira.) En fin, agora estou atado de mans e pés,
xa non teño personalidade (achegándose ó
público) Enténdenme, ¿non si? Lembro
a miña inquietud e ata a vexo borrosa porque
(con ton desprezativo) esa miña tía encargouse
de difuminar a miña ilusión. Ás veces
penso que vou estoupar, fuxir de todo ese mundo inoportuno
que me rodea e vivir, vivir o que quero vivir e non o que
me están obrigando. (De repente empeza a axitar
máis rápido o pé e a facer palmadas a
ritmo de jazz.) ¡Así!, ¡esto é
o que me gusta! ¡ieeeeee...! (Vai elevando gradualmente
o ton de voz.) ¡Ohhhhhhhh ieeeeeeee! (Olla para
un lateral, ve a súa tía e baixa de repente
a voz.) Agora xa saben porque axito continuamente as pernas;
é o único recordo non censurado que gardo da
música. Mais agora xa está aí a bruxa,
polo que lles pediría que disimulen, que lle digan...
que lle digan que o fixen moi ben. (Eleva a voz.) E
para concluír con esta productiva charla me gustaría
resaltar una vez más la importancia del gallego en
nuestras vidas. Sin más, espero que hallan disfrutado.
(Saúda e sae maxestoso. Apáganse as luces.)
|