|
Silvia Rey O meu lugar. Xuño
2004
Quizais o meu lugar non sexa o máis perfecto do mundo, pero para min é sen lugar a dúbidas, o mellor. A Pena é un sitio tan fermoso que podes sentir a súa vida, podes respirar un aire tan fresco e puro que o corpo baila de felicidade ó respiralo. Cando entras nela unha fermosa imaxe pásache polos ollos, pois diante túa encontrarás grandes montes cheos de vida, cheos de natureza, cheos de maxia; e se te adentras neles poderás ver como os raios do sol traspasan as árbores e estreitos camiños onde pasear.
A Pena é un lugar onde... mirade, eu non sei que contar do meu lugar, para que vos vou engañar; para min ten moito encanto, pero ese encanto é precisamente o que non se dá explicado del. Só sei que cando te adentras na Pena sénteste distinto, sénteste como se voaras a outro lugar. Xa sei que soa raro, pero cando vives nese lugar, cando ves as cousas que ten e coñeces cada unha das súas partes ocultas tras grandes silveiras, dáste conta de que aínda que quizais non sexa un lugar de contos de fadas, é o teu lugar, e eso faino moi especial. Cada lugar ten algo que o fai especial e digno de admiración, quizais uns teñan menos encanto que outros, pero todos teñen o seu. Así que ¿por que falar do marabilloso que é o meu lugar? Quizais para vós sexa como outro calquera, quizais pensedes:
“Xa sabemos que ten árbores e animais, sabemos todo iso.”
E eu penso que si, si, tedes razón. O meu é un lugar como outro calquera. Ten de todo: montes, regueiros, silveiras, animais e, como non, persoas; pero aínda así segue a ser especial. Serán os seus amenceres, serán as súas postas de sol ou quizais non sexa , máis que as súas casas antigas, pero é especial, para min é especial. Cada recuncho que hai, cada enredadeira que sobe polas árbores, cada pequeno camiño ten a súa maxia. Cada gota de auga que cae do ceo ou cada pedra, grande ou pequena, que poida encontrar meréceme a pena gardala, porque, parece unha parvada, pero se algún día tivese que marchar, se tivese que irme de Pena, sería o lugar polo que máis lágrimas derramaría. Tería unha tristeza tan grande que só se remediaría volvendo e quizais tendo cerca unha pedra da miña terra sentiríame máis próximo a ela. En calquera caso, eu nacín na Pena, e pase o que pase, así se veña o mundo abaixo, vou levar a miña terra sempre comigo, aquí moi dentro do meu corazón.
|