páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
 
 
   
 
Viaxe cultural a Madrid
 

Na primeira fin de semana os alumnos/as de 2º de BACH realizaron unha viaxe cultural a Madrid e estas son as impresións que trouxeron:
Cinco de marzo de 2004, IES "Marco do Camballón", 7:30 a.m. Caras de sono. Ganas de troula. MADRID!!
A primeira parada foi en Puebla de Sanabria. Alí almorzamos e botamos o primeiro cigarro. Xa entrado o mediodía, o rebumbio das nosas tripas era máis forte có son das primeiras gargalladas. Comemos en Arévalo (que deixara a compaña na casa). Percorremos uns cen quilómetros e entramos na capital. Franquito observábanos dende o Val dos Caídos, pero non nos recibiu co seu traxe de gala. Chegamos á Gran Vía e, polo tanto, ao noso hostal, onde a prestixiosa marca parisina Lancôme decidira protexer do frío a fachada do edificio.
O "yefe" decidiu entón que iamos visitar o Prado. Deunos a benvida Don Quijote de la Mancha. Dentro recibimos o premio Goya á mellor promoción da historia do IES "Marco do Camballón". Todos os cadros nos parecían iguais, pero o último foi o que chamou a nosa atención: Las Meninas de Velázquez. Aínda que nós non entendemos de pintura pódese dicir que ten unha técnica... unha técnica... iso, que ten unha técnica.
Esqueceunos contarvos que de camiño ao museo vimos a Gabino Diego; xa, xa, non é guapo, pero é famoso. Como non sabiamos que facer decidimos pasear antes de ir cear. Subindo a rúa da Porta do Sol asustámonos: había moita xente. Era un crime? NON!! Eran os rapaces de Estopa. Mentres unhas intentaban colarse para darlles dous bicos, outras botamos a correr en canto Antonio preguntou "Non coñecedes a ese? Si, ho, ese actor... Juan Diego..." e nós berramos "Botto".
Xa máis calmados/as chegamos ao hostal. Tiñámonos que preparar para ir cear e logo... GOMA, GOMA!! (é dicir, ir de festa). A Praza de Santa Ana foi testemuña da nosa alegría e as nosas ganas de f... vivir a noite! Ás dúas da madrugada estabamos durmindo (iso din).
O sábado comezamos a ruta no Museo Thyssen, onde comprobamos que un dos mellores partidos da sociedade española é o fillo de Tita Cervera que, aínda que non pinta cadros, gasta moita pintura. Van Gogh, Renoir, Monet, Dalí, Dalí, Dalí... sabedes xa cal foi o que máis nos impactou?
Nada máis saír collemos o metro, onde certo personaxe fixo das súas, igual que o día anterior na Praza Maior: Mariño ofreceu aos viaxeiros a mellor das súas actuacións andaluzas. O metro levounos ao Palacio Real e á Catedral da Almudena. Logo desta fugaz visita buscamos un sitio onde pagar pouco e comer ben, pero iso en Madrid non existe.
Pola tarde, de camiño a Chueca ("VIVA EL ROLLO BOLLO"), relaxámonos no Parque do Retiro. Xa no famoso barrio onde se respira liberdade de elección, comprobamos que existen maneiras distintas de entender a vida. Foi alí tamén onde coñecemos a aahhh!! Tony Santos!!
Pola noite, fómoslle dar o pésame á viúva de Mario: Lola Herrera, que nos deleitou coa súa magnífica interpretación. "Bravo, bravo! Esta tía é boísima1" foron as palabras dalgún/ha despois de botar unha boa soneca.
Volvemos coller o metro, pero esta vez para coñecer novos lugares de marcha. Quitando algún que outro percance, a noite foi boa a non ser de camiño á casa, xa que algúns listos tiveron que volver a pé (non lles importou moito pola boa compaña que levaban).
Xa comezaban a verse caras de tristura pola volta á casa, pero aínda faltaba a mañá do domingo. O rastro foi a nosa vítima. Desvalixámolo. Imaxinádevos a feira de Vila de Cruces multiplicada por douscentos máis un.
Está comprobado que os pasos de peóns tamén están feitos para os famosos. Un paso adiante e outro atrás e... vendémosvos a exclusiva: Silvia Martí (Ingrid en Un paso adelante) dispúñase a cruzar a rúa da man dun aposto cabaleiro arxentino chamado... Horacio (na serie).
En definitiva: unha viaxe curta pero intensa que serviu para que nós afianzaramos a nosa amizade, non só entre nós senón tamén cos profes. Quizais non volvamos Nunca Máis, quizais non volvamos vernos, pero non hai quizais para NON A ESQUECEREMOS.

Unhas que queren volver, 2º BACH

 

 
 
 
Regresar a Actividades  Extraescolares
 

Visita á cidade de Santiago
 
 

 

 
Regresar a Actividades  ExtraescolaresIr arriba
   
 
Teatro clásico en Lugo
 

E o venres 12 de marzo o alumnado de Cultura Clásica e Latín e Grego viaxou a Lugo. Así nolo contan:
A saída foi o venres 12 de marzo. A chuvia ameazaba. Chegamos a Lugo sobre as once da mañá e dirixímonos ao concello. Alí esperábanos outro colexio (o IES de Cedeira), que tiña un itinerario moi parecido ao noso.
O alcalde recibiunos amablemente no salón de plenos do Concello onde nos deu un pequeno discurso. Por certo, era bastante "enrollado" e ademais, antigo profesor de filosofía. Entregoulles uns presentes ás profesoras, e algunha (sen nomes) ben colorada que se puxo.
Máis tarde, saímos cara á catedral, dirixidos por unha guía do concello. É unha catedral relativamente pequena, pero de grande interese cultural, xa que se aprecian nela distintos estilos arquitectónicos, como o románico ou o neoclásico.
E sempre a presenza das murallas, obra romana construída como elemento defensivo, que sufriu deterioros co tempo pero que aínda se conserva en moi bo estado. Alí tiramos un par de fotos e marchamos de novo cara á Praza do Concello, onde tiña lugar unha concentración en contra do terrorismo e da masacre do 11 de marzo en Madrid. Gardamos uns minutos de silencio e a todos nos veu un mal sabor de boca pola perda de tantas vidas inocentes.
A climatoloxía melloraba e aínda nos faltaba por visitar o Museo Provincial, edificio de tres plantas de alto que alberga xoias da cultura castrexa, mosaicos romanos, gravados e pinturas de distintos autores, debuxos de Castelao, cerámica de Sargadelos, etc.
Xa logo eran horas de comer e marchamos cara ao comedor da Escola de Maxisterio. Xa fartos, tivemos un tempiño libre para dar un paseo ao noso aire. Unhas aproveitaron para mercar roupa e outros para ligar como podían. Se é que había que facer máis saídas destas, que se pasa moi ben! Tomade nota, profes!
E ao fin, o obxectivo da excursión: a obra teatral Miles Gloriosus, interpretada polo grupo Sardiña. Esta obra é de Plauto e está considerada como unha das mellores comedias de todos os tempos e tamén dentro da produción literaria do autor. Hai que dicir que os actores eran moi bos e a maioría non pasaba da nosa idade. Rimos moito e foi unha boa experiencia; e tamén queremos agradecerlles ás profesoras que nos acompañaron a gran paciencia que demostraron ter ao superar a dura proba de aguantarnos todo o día.

Karlota Salgado, Leticia Santiso, Sandra Varela, Sonia Méndez e Lidia Fuerte, 4º ESO

 
Fai clic nas fotos para velas máis grandes
   
 
Regresar a Actividades  ExtraescolaresIr arriba
   
 
Sesión de contacontos e regueifas
  Pica nas fotos para velas máis grandes
 
   
 
Regresar a Actividades  ExtraescolaresIr arriba