Entrevista con Suso de Toro, escritor

Xoves, 23 de Abril. Salón de Plenos da Casa do Concello de Cangas.

 Pregunta.- ¿Cando e por que comezaches a escribir?

 Resposta.- Pois comecei a escribir polo que comeza todo o mundo; porque de rapaz sempre vas facendo unha selección daquelas cousas que se che dan ben e que non se che dan ben. Eu tiña amigos que o que se lle daba ben era o fútbol, entón o que fixeron foi tirarse polo fútbol. E de feito algún deles chegou a ser xogador de fúbol pero logo a min iso non se me daba ben. Así de f´cil. Entón o que se me daba ben eran as redaccións, ler moito –gustábame moito ler- e na casa ademais louvaban moito as boas notas que sacaba eu nas redaccións. Así que a escolla é moi fácil, ¿non?

 P.- ¿Estás orgulloso dos teus primeiros escritos?

 R.- Non, teño bastante vergoña. Pero o malo da palabra e que unha vez que sae fóra non a podes volver a meter dentro. E o mesmo pasa coa palabra escrita.

 P.- ¿E non teus comezos escribías só prosa ou quizais outros xéneros? Por exemplo, poesía.

 R.- Recórdome con nove anos escribindo un poema, que ademais debía ser espantoso porque era imitando os poemas que traía o libro, a enciclopedia de terceiro grado, que traía poemas fascistas destes de "Banderas al viento...." Entón eu creo que facía o mesmo pero en galego, dicía "bandeiras ao vento". Era unha cousa espantosa. E logo tireime polo que eu creo que se adecúa máis a miña maneira de expresarme que é a prosa, a narrativa.

 P.- ¿Con que personaxe da túa obra te sentes máis identificado, se é que te identificas con algún?

 R.- Con ningún. Creo. Non.

 P.- ¿Que opinión tes da narrativa galega actual?

 R.- Eu que sei. Eu diría que (¿é para a revista? Deixa que poña os lentes. Espera.) Hai unha cousa boa. Por primeira vez hai varias xeracións de escritores escribindo aoa mesmo tempo. É dicir, persoas de distintas idades. (Oe, espera que poño os lentes para as fotos. Saio enmascarado sempre) Iso en si mesmo paréceme un logro da nosa.... Quero dicir que hai autores moi diversos. E log dentro diso hai de todo. Por primeira vez, unha cousa que tamén sinalaría é que hai escritores que teñen lectores que os seguen . É dicir, que len un libro e queren ler logo o próximo libro dese autor. Iso é un fenómeno novo que nunca ocorreu. Hai un público, por primeira vez, hai un público lector e que ademais que os le por literatura, polo pracer da literatura, polo que atopan no libro de literario. Non por ideoloxía como ocorreu ata non hai tantos anos, ¿entendes? polo galeguismo, polos rollos eses. Senón que é porque lle gusta a literatura que fan. Iso é algo cualitativamente novo.

 P.- En pocas palabras, ¿como consideras que inflúe o contorno na túa obra, que che transmite?

 R.- Todo, todo. Eu son un escritor que está unicamente influído pola literatura en canto á expresión, a forma, digamos. Eu aprendo das narracións, dos libros, das películas e tal. Sen embargo o que me inflúe a miña sensibilidade, o que me dá material para contar todo, é o meu contorno, a sociedade, a xente. Eu son como unha esponxa. Creo que todo omundo é así, en realidade.

 P.- ¿Por que a túa incursión na literatura infantil e xuvenil? Por exemplo, coa A SOMBRA CAZADORA.

 R.- A sombra cazadora inicialmente non o era, non a consideraba literatura, cado estaba escribindo, infantil, nin xuvenil. En absoluto infantil. Outra cousa é que os protagonistas sexan xente nova. Pero eu considéroo un relato gótico, de misterio, e mesmo de terror. É un libro moi lido, que lle gusta moito a xente nova, sen embargo para min é un dos libros con máis fondura que escribín e para min dos máis emocionantes, curiosamente. O que pasa é que ás veces teño a impresión de que non é comprendido o que hai de complexo e de profundo nel,teño esa impresión. Teño a sorte de que lles gusta aos leitores e leitoras, téñolles escoitado que o leron tres, catro veces, teño oído quen me dixo lino oito veces. Iso é un milagre, unha marabilla.

 P.- Un libro que nos recomendarías agora mesmo....

 R.- ¿Recomendar un libro? Depende,¿poesía ou narrativa? A verdade, poesía, poesía... A min gúatame moito César Vallejo. Hai un libro que se chama TRÍRICE e logo eu recomendaría EN LAS ORILAS DEL SAR, é un libro precioso e FOLLAS NOVAS tamén ten partes que están moi ben. Por exemplo un libro de Ferrín tamén. Gústame moito Ferrín...CON PÓLVORA E MAGNOLIAS está ben pero gústame aínda máis un que se chama OS POEMAS DE HERIBERTO BENS. Logo, narrativa eu recomendaría, por exemplo, para quen queira ler entreténdose sen máis pero que estea ben os contos de Stephen King, o que está editado en castelano como EN EL UMBRAL DE LA NOCHE, está en coleccións de bolso. Logo, quen queira ler unha literatura máis esixente recómendolle PEDRO PÁRAMO de Juan Rulfo, ou LOS RÍOS PROFUNDOS de José Mª Arguedas, haino en Alianza Editorial moi barato. Hai grandes escritores sudamericanos marabillosos.

 P.- ¿Que destacarías de Nano?

 R.- Que estou encantado, que foi unha das cousas máis bonitas que me levan pasado. Agora estou vivindo a experiencia do cine, de levar ao cine dous proxectos, quezais sexan máis, pódese multiplicar inmediatamente. Estou moi contento. Sei que o cine vaime dar máis diñeiro, vai gañar máis lectores para os meus libros. Agora ben, o que si me encantou, de marabillarme, foi o teatro. Foi impresionante ver a xente no escenario dicindo as palabras que ti escribiches.

 P.- Co gallo do día do Libro estase a celebrar a lectura do QUIJOTE, entón a obra mestra da literatura galega ¿cal é ou está por vir?

 R.- Para ben ou para mal hai unha obra fundacional da nosa literatura que son os dous libros de poemas de Rosalía de Castro, que son CANTARES GALLEGOS e sobre todo FOLLAS NOVAS. Non me parece mal no caso de FOLLAS NOVAS, CANTARES GALLEGOS é un libro algo rusimentario, pero FOLLAS NOVAS si ten unha altura estética. Nese sentido non me parece mal porque é un grande libro. Ademais alégrame porque é unha muller que refundou a nosa literatura dende a Idade Media. Logo o que non hai hoxe....be., non está ben que eu opine. Eu deixaría o tema aí.

 P.- ¿Por que os lentes?

 R.- Ala, os lentes, imos ver, digamos que é pola vista. É con dicir iso xa está. Logo podemos abondar máis en explicacións, entón podemos dicir que a resposta está na SOMBRA CAZADORA, que quero separar a persoa e o personaxe. Eu sei que toda persoa pública que se adique a saír nos medios de cumunicación segrega un personaxe, crea un personaxe. É dicir, eu non son Suso de Toro, eu son Suso. Entón a xente cre que me coñece e non me coñece a min. É dicir, eu non amoso quen son, nin ninguén o pode saber. O que estou facendo é unha actuación pública. O que quero dicir é que quero separar, quero gardar a miña vida persoal e a miña persoa e tampouco me quero alienar, desaparecer transformado no personaxe. Non quero ao final chegar a ser un idiota completo, que eu me crea Suso de Toro. Entón eu quero separar os dous tinglados. Así o personaxe é o dos lentes e logo estou eu que sin un fulano. Por exemplo, Cela hoxe é un personaxe, creo que el comportarase sempre así. Imaxínome que chegará á casa e comportarase igual que Camilo José Cela, e iso para min sería unha desgracia.

 P.- A túa afección á novela negra, por exemplo 1280 ALMAS de Jim Thompsom...,¿de onde vén?

 R.- Ai, si, esa é unha novela preciosa. Esa novela está descatalogada agora mesmo, non está editada. ¿De que me gusta? Eu creo que a novela negra é un cruce entre a novela policíaca clásica, de detective, que empezou con Allan Poe e con Conan Doyle, mais ao mesmo tempo cruzada coa novela de terror, co gótico. Eu creo que a novela negra ten que ver co policíaco e tamén coas cousas que nos aterran, co máis terrible, coa violencia máis terrible. Entón é algo que me atrae. É simplemente algo que non gobernas. Gústame simplemente.

 P.- Fálanos da túa última novela.

 R.- ¿Esta que acabo de sacar? Imos ver, é que xa teño outra feita. Está inédita, se cadra aínda a vou cambiar...Teño un libro de contos que acabo de escribir, nel hai un personaxe que aparece en TIC TAC, que é Nano. Gustoume tanto ver a ese personaxe vivo, transformado, real, que dixen eu: non pode morrer Nano, teño que facer algo máis con el. Entón estou escribindo xa, de feito hoxe escribín tres ou catro páxinas, teño xa trece que incluirei neste libro de relatos e que dará pé a unha nova montaxe teatral, que fará este mesmo actor....ah, non é de Vilagarcía.

 P.- O teu sistema de escritura, ¿como fas? ¿esperas que veña a inspiración?

 R.- Non, eu vou a por ela. Eu son moi traballador. Eu vou a por ela e obrígoa a traballar. A inspiración existe, a inspiración son cousas que atopas, pero que outro non lle dá importancia e ti si lla dás.Eu teño ido co meu avó e de repente el vía un pedazo de arame e collíao , porque lle daba importancia e uso, el dicía gárdoo porque ao mellor logo váleme, xúntoo alí a unha cancela vella e unha cousa con outra e fago non sei que. Para min aquilo non tiña importancia. Eu fago da mesma maneira, eu d que vexo do meu contorno collo o que me serve, cousas que a maior parte da xente non lles dá importancia, non lles dá valor. Entón eu do que vexo, do que se me ocorre cando vou pola rúa, tomo notas de todo.Sempre levo comigo pequenas axendas e tomo notas dun anuncio que vexo escrito e que me chama a atención, por como está escrito, unha escena que vexo...Esa é a inspiración. E logo o que fago é un horario. Hoxe por exemplo, agora estou aquí, pero antes fixen unha xornada de mañá e tarde.

 P.- De escoller unha novela das túas, ¿cal escollerías?

 R.- Eu collería dous libros, ¿podo? TIC TAC e A SOMBRA CAZADORA, que son case distintos, moi distintos e case contrarios.

 P.- CAIXÓN DESASTRE, LAND ROVER, POLAROID, TIC TAC...Son uns títulos moi curiosos.

 R.- Pois aos títulos sempre paso moito tempo dándolles voltas. Non acostumo a ter un título escollido xa. De feito chega o final e teño entre cinco e quince, por exemplo, este é PARADO NA TORMENTA pero o título orixinal era PAUS,ORTIGAS,SEIXOS. TIC TAC habíase chamar primeiro AUTOPSIA. Para A SOMBRA CAZADORA tiña unha chea de nomes, como CANTO DE CAZA,CANCIÓN DE CAZA...LAND ROVER habíase chamar DIRECCIÓN OBRIGATORIA. É dicir, sempre dubido moito, aínda que non o poida parecer, só ao final tomo a decisión.

 P.- A realidade aparece fragmentada en TIC TAC,¿ves así a realidade?

 R.- Si, vexo así a realidade. A diferencia do que caracteriza o tempo actual é a fragmentación, a escisión, e tamén a simultaneidade, a diferencia da vida dos meus avós, a vida de hai sesenta ou setenta ou cen anos onde a xente vivía sempre no mesmo lugar, trataba sempre coas mesmas persoas. E ademais era un mundo de silencio onde só oías ruídos e voces, hoxe eu vivo nun mundo no que escoito varias conversas a un tempo, trato con persoas diversas, trasládome de poboación, vou dun lado a outro, falo por teléfono con xente, incluso en diversos idiomas. E ao mesmo tempo se estou, por exemplo, nun bar estou oíndo un televisor, unha música de fondo, a conversa do veciño do lado e máis o que estou pensando. É dicir, a simultaneidade, a fragmentación, o ruído e o barullo é o que caracteriza o mundo e que eu tratei de explicar.

¿Como se chama isto?¿ARANDO CEDO? Que nome tan bonito, é precioso. Para un poemario é precioso, lindísimo, de verdade. (¿Podo tirar os lentes?¿Xa acabaches?) ARANDO CEDO...

 P.- ¿Que opinión cres que se ten de Galicia fóra de Galicia?

 R.- Eu creo que cando dicimos fóra dicimos o conxunto de España, especialmente Madrid. Eu creo que hai deliberadamente un reparto de roles e a Galicia haille asignado un rol que é subalterno. É unha anomalía dentro da harmonía de España. Non se quere recoñecer a entidade que ten Galicia política, cultural, económica, en todos os sentidos. É iso vémolo, efectivamente, no tratamento que se lle dá a un conflicto, a unha protesta que afecta, por exemplo, a un sector como é o do leite, que ten un peso e unha producción importante, e sen embargo, aparece minimizada. Da mesma maneira no tema cultural é evidente, mesmo no tema político. Por exemplo o tratamento que se lles dá aos escritores, "el gallego bueno es el gallego dentro de un orden, que escribe un poquito en gallego", pero basicamente é un escritor en castellano. De feito ata tal punto non aceptan que sexas un escritor en lingua galega que, agora hai tres semanas, eu presentei un libro en Madrid e presentábanme como un escritor bilingüe. Eu non son un escritor bilingüe, son escritor, para ben e para mal, en lingua galega.

 Moitas gracias, Suso.

Sumario